Opinión

We don´t need another hero

Isto foi de converterme entre felina
e feliniana
de sub-realizarme outra vez
e rebelarme
e revelarme
e descubrir que cabería
ser outro fotograma
As uñas crecen, Silvia Penas Estévez

Ímonos afacendo ao cántico rutineiro entoado baixo a batuta da eterna culpabilización co que certos dedos índices sinalan calquera voz disonante ou discordante.

Ímonos afacendo á redundante acusación de politizarmos calquera marxe dunha realidade desequilibrada e inxusta desde o mesmo momento en que a voz individual se converte en eco social e público.

Politiza quen denuncia a cada vez máis fonda fractura provocada pola desigualdade social; quen se solidariza cos milleiros de persoas estafadas por bancarios avarentos e gobernantes consentidores e expulsadas do seu acubillo morador.

Politiza quen se nega a aceptar un ensino público decadente ou un servizo público sanitario restritivo; quen rexeita a proposta da nova lei de educación do PP por ofertar unha asexante viaxe ao pasado en materia de educación para o futuro.

Politiza quen aposta por cidades humanizadas pensadas para as persoas; quen é consciente de que este país é unha mina en recursos agropecuarios, gandeiros, mariñeiros, marisqueiros, forestais, arquitectónicos, paisaxísticos e por iso trata de  impedir o espolio alleo e defende a súa produción natural e sostíbel.

"Politiza quen non acepta involución oficial premeditada no demorado calendario de avances conseguidos no proceso democrático de normalización lingüística dos últimos trinta anos".

Politiza quen se orgulla da sorte de contar cunha cultura rica expresada nunha lingua propia que nos retrata nun inmenso arco da vella plural.

Politiza quen non acepta involución oficial premeditada no demorado calendario de avances conseguidos no proceso democrático de normalización lingüística dos últimos trinta anos.

Politizamos, di a acusación perenne; isto é, partimos de pensamento, obra e nunca omisión de responsabilidade cívica, duns principios políticos, efectivamente. 

Semella que o razoamento deste camiño de ida debera concluír, en consecuencia, noutro camiño de volta: quen así non actúa, non politiza. E velaí como chegamos á constatación de que desde o PP non se politiza, logo non actúan no exercicio do goberno -estatal, nacional e local- en clave política (?), dato sorprendente cando, nesta altura (de moi poucas miras) en que reiteradamente nos (des)encontramos, o seu eco enxordece no exercicio da confusión mediática e a súa sombra palidece nunha ausencia covarde xa dolorosamente prolongada. 

Mais non era pretensión nosa politizar estas breves liñas, senón falar de literatura. Ou será que tamén -como case todo e case sempre- non han deixar de ser dúas realidades de todo indisociábeis?

A sucesión de arias necrolóxicas no ámbito da cultura non deixan de bater en nós, mancando as despedidas afectadas que levan consigo ilusións, proxectos e compromisos; por iso é tan necesario saudar con traxe de domingo, dar a benvida coa música da banda municipal e aloumiñar colectivamente o nacemento dun novo premio literario, o I Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey.

Un novo premio que abre a porta grande ao verso que nos viu nacer para a literatura culta e popular; un novo premio que axuda a engrandecer a memoria da vida e obra dun escritor adscrito á xeración poética do 36, aínda falto da necesaria análise restauradora na complexa historia -tamén literaria- da posguerra española e galega.

Cando na actualidade todo esmorecemento de iniciativas culturais se xustifican invocando o amedrentador vocábulo crise, a sensibilidade e a vontade sociopolítica comunitaria demostran, máis unha vez, que é posíbel retroalimentármonos á calor das palabras. O pulo institucional, social e individual a conxuraren a barbarie da incultura e o culto á ignorancia selectiva.

O pasado sábado culminaba un longo proceso de xestación no que participaron o Concello de Fornelos de Montes e a Asociación de Veciños O Cruceiro da Laxe ao apostaren pola convocatoria deste premio. A editorial Sotelo Blanco canalizaría o obxectivo final: a visibilidade pública do poemario gañador, As uñas crecen, de Silvia Penas Estévez que xa, individual e colectivamente podemos gorentar e partillar desde a complicidade lectora.

A celebración deste evento cultural de xeito coordinado desde o compromiso cooperativo do movemento asociativo veciñal e mais dun concello do centro-leste da provincia de Pontevedra, de escasos 2.000 habitantes, recoñecido polo seu alto índice de pluviosidade, mais non por posuír unhas extraordinariamente sobardadas arcas municipais, converteu a entrega do premio nunha festa popular e de reunión fraterna ao redor do orgullo de lembranza da biobibliografía de Manuel Lueiro Rey, quen foi fillo nado no seu berce o 9 de abril de 1916. E chegou o ramo para este acto cómplice nas voces dos nenos e nenas do CEIP Doutor Suárez, grazas ao traballo multiplicador do seu equipo docente, para sementar o relevo interxeracional dos versos de Lueiro Rey nas voces da infancia de hoxe, mulleres e homes de mañá. 

We don´t need another hero resoaba na voz poderosa de Tina Turner hai un tempo, lembran? Cantaruxamos agora o retrouso para escorrentar os pseudoheroes que xustifican a súa inacción en política desde a falacia de que outra forma de xestionar os recursos públicos, o benestar social e a creación e difusión cultural é imposíbel e mais os ventrílocuos da Fräulein Rottenmeier apeladores da teoría do quero mais non podo. 

"Só precisamos cidadanía humana, con corazón e alma para apreciar a sensibilidade desde o compromiso e a vontade firmes nos valores que indisolubelmente nos representan".

We don´t need another hero nin mesías proféticos que adiviñen a fin do sacrificio para somnolentas datas futuras, sempre adiadas, conforme o burato negro da maioría social traballadora afunde un chanzo máis. 

E a letra da canción retumba sonoramente máis unha vez en altofalante atronador que retorna: e eu pregunto cando imos cambiar, vivimos con medo, até que non quede nada. 

Só precisamos cidadanía humana, con corazón e alma para apreciar a sensibilidade desde o compromiso e a vontade firmes nos valores que indisolubelmente nos representan.

E literatura, infinitos versos, liñas interrogadoras e diálogos sedutores que tomben de vez cancelas e contras.