Opinión

Voto exterior, dereito sen deberes

Nas vindeiras eleccións autonómicas teñen dereito a votar unha cifra record de persoas, malia que a poboación do país baixou. Esta contradición débese ao aumento do número de posíbeis votantes residentes para alén do Estado español. En moitos concellos do noso país estes votantes exteriores son maioría ou superan un 40% do total.

Nas vindeiras eleccións autonómicas teñen dereito a votar unha cifra record de persoas, malia que a poboación do país baixou. Esta contradición débese ao aumento do número de posíbeis votantes residentes para alén do Estado español. En moitos concellos do noso país estes votantes exteriores son maioría ou superan un 40% do total. En poucas palabras, o voto exterior cada vez máis condiciona os resultados, e polo tanto pode decidir quen vai gobernar aos que viven na Galiza. E isto non é xusto. Máxime cando a maioría dos que votan dende o exterior, especialmente dende a América Latina, non naceron no país, pode que nunca o visiten e pouco ou ren saben del.

Temos como exemplo deste absurdo o caso da Arxentina. Segundo o censo do ano 2001 residían 134.000 nacidos no Estado español. Pasaron 11 anos, e a emigración europea baixou a menos da metade. Polo tanto das 141.000 persoas con dereito a voto nas autonómicas só un 25-30% naceu na Galiza. Porcentaxe moi semellante seguramente dáse no Uruguai e no Brasil, un pouco máis baixo en Cuba, e máis alto en Venezuela, tendo en consideración as etapas migratorias a cada un destes países. Agora ben, eu que me criei na Arxentina dende os 5 anos, e retornei con 26 a Galiza, nunca tiven dereito a votar naquel país, e para poder conseguir a cidadanía tiña que ter cinco anos de residencia como mínimo. Leis semellantes había no resto dos países da contorna. Hoxe os meus sobriños, que son fillos de galega e de descendente de italianos, poden ter cidadanía española e italiana, e votar en tres estados. Non é xusto, xa que co seu voto van decidir o futuro de países nos que non residen, aos que non van contribuír e cuxas políticas cotiás non lles afectan. Séntense arxentinos, e adquiriron a nacionalidade para poder acceder a un emprego legalmente en caso de ter que emigrar.




"O lóxico sería que a concesión da cidadanía aos descendentes non implique o voto"

O lóxico sería que a concesión da cidadanía aos descendentes non implique o voto, e que este dereito se poda exercer automaticamente cando esa persoa reside de xeito permanente na Galiza. Non é unha discriminación, como dun xeito simplista afirman algúns demagoxicamente, porque hoxe tampouco teñen dereito á educación e á sanidade estando no exterior, por poñer só dous exemplos. Ademais, a medida que pasa o tempo, o problema faise máis grave; hai unha década os posíbeis votantes do exterior eran 120.000, hoxe superan os 396.000. Evidentemente este privilexio, que distorsiona os procesos electorais, mantense porque favorece os partidos sistémicos, que poden facer continuas campañas no exterior utilizando no seu proveito as estruturas institucionais.


Para os que argumentan que este é un dereito consubstancial coa súa identidade, compre lembrarlles que os 365.000 emigrantes que residen noutras nacionalidades e autonomías do Estado español non poden votar nos procesos electorais galegos. Marxínase polo tanto a aqueles que teñen máis coñecemento e proximidade da realidade, porén noutros casos únese o dereito ao voto a unha suposta transmisión da identidade e de dereitos cidadáns implícitos. En ambos os casos son dos que entendo que o dereito ao voto debe ficar en suspenso até o momento no que exista unha residencia definitiva no país. Quero lembrar asemade o alto grao de fraude no voto exterior, xa que ninguén controla quen e como vota (aínda que isto mellore rogando o voto).

"O fundamental para todos os galegos e galegas, e os seus descendentes, é que a nosa cultura e identidade nacional galega se garanta alí onde houbo presenza emigrante"


Vivín moitos anos na emigración, son fillo e neto de emigrantes, en Cuba e na Arxentina, e a maior parte da miña familia vive en América Latina. Formei parte da dirección da Irmandade Galega e dun centro de emigrantes (Residentes de Vigo), e militei nun partido da esquerda daquel país (Vanguardia Comunista). Son unha persoa relacionada e sensíbel ao tema migratorio. Porén, a utilización do voto en función de intereses sistémicos, converte algo que naceu como un recoñecemento simbólico, nunha fraude con consecuencias políticas. O fundamental para todos os galegos e galegas, e os seus descendentes, é que a nosa cultura e identidade nacional galega se garanta alí onde houbo presenza emigrante, en colaboración cos centros galegos; que se axude a aqueles paisanos e centros en dificultade; e que se manteñan relacións estreitas cos países de recepción da nosa diáspora. Afírmase, con razón, que o voto é un dereito fundamental, daquela para exercitalo as persoas tamén teñen obrigas, entre elas que o que se decida lles afecte, non poden existir cidadáns con privilexios nos deberes. Un pouco de seriedade.