Opinión

Véndese ou alúgase

As rúas teñen frío. Un local baleiro segue outro local baleiro. Onde antes estaba esa pequena tenda de zapatos ou roupa, hoxe hai un cartel pegado no cristal. Un cartel que sabe que chega alí para quedarse por moito tempo. O seu acomodo con fita adhesiva ou cola ten un agre recordo para os e as paseantes das cidades e vilas galegas. Aquí pechou un comercio e a probabilidade de que outro abra é escasa.

As rúas teñen frío. Un local baleiro segue outro local baleiro. Onde antes estaba esa pequena tenda de zapatos ou roupa, hoxe hai un cartel pegado no cristal. Un cartel que sabe que chega alí para quedarse por moito tempo. O seu acomodo con fita adhesiva ou cola ten un agre recordo para os e as paseantes das cidades e vilas galegas. Aquí pechou un comercio e a probabilidade de que outro abra é escasa.

No local da beira unha camareira mira a escuma do café con leite. “Cada día temos menos clientes”, pensa entrementres camiña até a mesa da esquina. “Se pechan as tendas acabaremos por pechar todos” é o seu seguinte pensamento. Escoita que hai ringleiras nunha gran superficie para comer na típica franquía de comida rápida e pregúntase en que mundo vivimos.

Vivimos nun mundo onde o homo consumidor -Homo consumericus en versión máis culta- decide abandonar o centro das cidades e a socialización en pequenos grupos pola búsquea do pracer no consumo compulsivo nas novas catedrais do ocio. Miles de réplicas idénticas repartidas por todo o planeta agardan unha humanidade anhelosa de atopar a verdade nunha nova tenda das poucas multinacionais que gobernan o mundo.

Entrementres os gobernos aplauden un plan que comparten e promocionan. As grandes superficies desprazan os centros das cidades e atomizan cada día máis a cidadanía. As prazas son lembranzas do pasado como ágoras democráticas, mais tamén o serán en breve como lugares de encontros para tomar un café ou un viño. Neste momento non chega con laiarse ou facer campañas sentimentais polo comercio local ou de proximidade. Só a modo de exemplo podemos citar que cidades como Vigo viron en dous anos pechar unha cuarta parte do seu comercio. E para 2013 todo prognostica un empeoramento da situación.

A resposta debe ser política. Derrogar os decretos que facilitan a implantación de grandes superficies e os seus horarios comercias. Un goberno galego que se diga tal, polo de goberno e de galego, debe velar polo comercio, tanto polo emprego que se crea como polo tecido social que estabelece. Até o de agora a xestión de Feijóo foi nefasta neste sentido. O esquecemento dos produtos galegos e a súa comercialización é a mostra da desidia do seu goberno por atopar vías alternativas.

Mais, como ben sabemos as mulleres, o persoal tamén é político. Cada un ou unha de nós decidimos todos os días que tipo de comercio e consumo queremos. Decidimos mercar á volta da esquina ou non, mercar leite galego ou non, mercar prendas confeccionadas en réxime de escravitude con produto tóxicos, ou non. A nosa aposta por un tipo de cidade ou vila ten reflexo en cada acción cotiá.

Todos os días tomamos decisións sobre que modelo de vida queremos. E polo de agora o Homo consumericus segue nunha carreira entolecida e errática cara a ningún sitio. Hai quen afirma e reafirma que non hai outras opcións. Non combater este dogma neoliberal que nos limpa de culpas persoais tamén é unha decisión política e persoal.

Comentarios