Opinión

Valoración de urxencia

Pédenme unha valoración de urxencia verbo dos resultados eleitorais. A estas horas de alta madrugada, pouco máis podo dicer do que xa manifestei nunha tertulia da TVG. A fume de carozo: 1º. A abstención segue a ser un malísimo negocio para o conxunto de nós, galegas e galegos.

Pédenme unha valoración de urxencia verbo dos resultados eleitorais. A estas horas de alta madrugada, pouco máis podo dicer do que xa manifestei nunha tertulia da TVG. A fume de carozo:

1º. A abstención segue a ser un malísimo negocio para o conxunto de nós, galegas e galegos. Unida ao fabricado descrédito da actividade e da representación política, beneficia, sen dúbida, a consolidación do PP e a súa lexitimación numérica para continuar a garantir a subordinación da Galiza.

2º. Este partido continúa a beneficiarse da españolización da política na Galiza e dun moi eficiente aparato de control destinado a non deixar perder nen un só voto dos previstos e necesarios.

3º. A alianza Esquerda Unida-Anova e outros foi perfeita para vampirizar votos do BNG; vender, reforzado, un produto eleitoral de recente creación que xoga á “esquerda” coa inestimábel colaboración dos e das que foron alguén dentro e ao amparo do BNG e deciden entregar a acumulación habida nesta sigla ao servizo dun debilitamento da mesma, primeiro, e, despois, ao triunfo dunha forza política estatal.

4º. A manobra xa estaba en marcha antes da XIII Asemblea Nacional do BNG. Frustrado o propósito -por votación maioritaria da militancia- de entregar o BNG, con armas e bagaxes, a unha forza política de obediencia estatal, e despois de actuaren (os escindidos) de “contra” constante aínda dentro do BNG, cumpría rematar a faena debidamente: a vendetta está servida; a misión, cumprida: aprovechateguis do BNG até cando este amparou as súas demandas particulares; hostís, cando non as secundou -voz da militancia mediante-; reforzadores dun partido español en onda alcista após a mingua do PSOE. Un partido que o mesmo permite o goberno do PP en Extremadura, do PSOE en Asturias ou Andalucía e que, con toda naturalidade, pesca todo o que pode no campo do nacionalismo galego. O caso é, por todos os meios, españolizar a política galega e tentar destruír, como sexa, o principio de auto-organización. Con Cataluña e Euskadi hai bastante; Galiza debe continuar baixo a éxida do PP e, para isto, cómpre debilitar ao máximo o BNG.

5º. A táctica do PP foi eficacísima: reforzo do proprio campo e promoción descarada, con toda a aparataxe mediática, dunha forza extra-parlamentar que á forza tiña de ser parlamentar e, como tal, foi tratada.

6º. Os resultados do BNG, por moito que sexan fillos de todos os factores sinalados arriba, obrigan a unha demorada e profunda análise e, coido, a unha rectificación e corrección do traballo político de gran calado.

7º. Todos os indicadores socioeconómicos negativos que existían antes das eleicións continúan vivos. O que non está en causa é a necesidade imperiosa de que a Galiza conte cunha voz política propria, expresión de si mesma, denunciadora de tanto entreguismo, de tanta submisión, que siga a oferecer e a socializar unha alternativa de traballo, autogoberno e capacidade de decisión nacional. Nela non está o problema, está a solución.

8º. O principal damnificado, con todo, non é o BNG. A situación é moi grave, pois fica máis aberta a porta, con máis cheques en branco, para o PP galego seguir entregando a España a mercadoría galega, tamén en forma de tributo de votos para a hexemonía dun PP estatal que ten pouco que facer nas outras dúas nacións.

9º. Seguiremos a padecer as políticas dun partido extremista, españolizador até o paroxismo, que se alimenta de xenoestima e de auto-odio a partes iguais: o caso é facer desaparecer da face da terra unha Galiza nacional, converténdoa na serva compracente e masoquista da administración estatal.

10º. Ou hai, en fin, un profundo traballo cultural, no sentido amplo (“antropolóxico”) do termo ou a deriva será francamente perigosa. Estamos a tempo. Poñámonos mans á obra.

Comentarios