Opinión

Uns calotes de primeira

Entendo perfectamente a ledicia de milleiros de galegos e galegas polo ascenso do Deportivo da Coruña e do Celta de Vigo a primeira división. Concordo con Eduardo Galeano coa opinión de que é o xogo máis sinxelo e universal que, ata o de agora, inventou o ser humano.

Entendo perfectamente a ledicia de milleiros de galegos e galegas polo ascenso do Deportivo da Coruña e do Celta de Vigo a primeira división. Concordo con Eduardo Galeano coa opinión de que é o xogo máis sinxelo e universal que, ata o de agora, inventou o ser humano. Só é preciso un balón, un espazo grande dabondo e xente con gañas de xogar independentemente da nacionalidade, relixión, adscrición política ou lingua que xogadores ou xogadoras poidan ter. Case non ten normas o que o fai aberto e doado, ao contrario dos deportes inventados pola cultura dominante, a ianqui, que están híper regulados dificultando a súas comprensión ou que requiren equipamentos moito máis caros e complexos.


Esta universalidade implica, ademais, un forte poder de identificación en espectadores e espectadoras que @s levan a asumir eses equipos coma se fosen da familia, coma algo herdado de xeración en xeración que xa forma parte intrínseca das súas identidades. Se ben isto non ter que ser necesariamente algo malo, o certo é que demasiadas veces leva a comportamentos absolutamente obstinados e carentes de toda lóxica que facilitan que se instrumentalice o xogo como válvula de escape de tódolos problemas sociais por parte dos poderes fácticos.

Como di o ex xogador e adestrador arxentino Cesar Luis Menotti, á xente lle roubaron o fútbol para llo dar ás corporacións e que o usasen na súa contra. Converteuse nun negocio onde o número de socios é case testemuñal mentres haxa bancos ou inversores privados que garantan o financiamento. Tampouco, por moito que xogadores e clubes laien, importa un estadio cheo ou baleiro, importan os dereitos televisivos e a taxa do share da audiencia.

Só deste xeito podo entender que a masa que celebrou os ascensos de Celta e Deportivo e os apoiou ao longo de toda a tempada non esixan unha fidelidade mútua. E cando falo de fidelidade refírome a devolver de xeito equitativo parte do que a sociedade te brindou, neste caso, en forma de impostos. Porque non só os grandes clubes evaden os pagos á tesourería da seguridade social que a clase traballadora ten que aportar indefectiblemente, tamén os pequenos parece que seguen preferindo estar ao tanto doutra serie de pagos e pospoñer os que van en beneficio desas persoas que son as que os sustentan.

Setecentos cincuenta e dous millóns de euros é a cantidade que os clubes de primeira e segunda división endebedan ao erario público dos que uns noventa millóns son calote do Deportivo, a segunda máis grande despois do Atlético de Madrid, e cerca dos trece do Celta. Unha auténtica barbaridade mentres que a cidadanía é sinalada coma causante da crise “por vivir por riba das nosas posibilidades” e se lle piden cada vez máis esforzos para sanear as contas públicas.

Ogallá algún día todos eses siareiros e siareiras que saíron a celebrar a volta a primeira división o fagan algún día para reclamarlle aos seus clubes que fagan un esforzo similar ao que nós, a clase traballadora, temos que facer para dar conta dos nosos impostos.

Comentarios