Opinión

Unha vitoria máis e punto

Pois si. Así son as cousas.

Pois si. Así son as cousas. O Deportivo conseguiu chegar á última xornada de Liga dependendo de si mesmo e fóra dos postos do descenso. A permanencia está a unha vitoria en Riazor, como máximo. E como mínimo tamén lle pode servir unha derrota, se os demais non gañan, salvo que o empate proveña de Zaragoza. Os herculinos saen prexudicados se empata a puntos só co Zaragoza. Nun hipotético triple empate -35- con Celta e Zaragoza, os de Vázquez tamén se salvan gracias aos resultados dos derbis galegos. Co Mallorca, un empate a puntos -36-, saen indemnes os branco e azuis e permanecen en Primeira. Esas son as contas, nin máis nin menos. Hai dous meses o cadro coruñés estaba desafiuzado, practicamente morto. Agora o equipo está xusto por riba da raia vermella, salvado, e con posibilidades reais de manterse onde está. Os rivais terán que facer máis esforzo para superar o cadro deportivista, que se encara o encontro desde o principio en positivo, pode amolar os seus perseguidores, que estarán pendentes de Riazor.

O fútbol sempre caprichoso, devolve oportunidades pasadas. O Deportivo volve estar na mesma encrucillada que hai dous anos. Depende de si mesmo para salvarse. Comezará o derradeiro partido da Liga, como daquela, salvado e cun punto de vantaxe sobre o primeiro que descende. Contra a Real Sociedade poderían xogar até 5 dos titulares que disputaron o dramático encontro do descenso ante o Valencia. Así pois, os de Vázquez están diante dunha segunda oportunidade. E de segundas oportunidades este club algo entende. O famoso penalti de Djukic quedou redimido cinco anos máis tarde.

Alguén imaxinaba un final de Liga así? Alguén da máis? Pois si. Podería ser o derradeiro día de Valerón como futbolista e como deportivista.

É tempo de facer memoria. Apelar a historia. Só hai que botar unha curta ollada atrás. Convén que os homes de Vázquez se dean un garbeo esta semana pola Deportenda e o comproben.  Alí se expoñen como tesouros os seis trofeos das conquistas máis gloriosas dos brancos e azuis. Símbolos que lembran resultados inesquecibles e imborrables. Unha Liga. Dúas Copas. Tres Supercopas. Épica deportivista forxada en prata.

Se Riazor foi bautizado como o fortín herculino este é o momento de lembralo. Riazor debe ser a fortaleza dun equipo que está esgotado físicamente, pero que ten ante si a responsabilidade e o peso da historia. 22 homes que teñen ante si un compromiso: non decepcionar a unha das afeccións máis entregadas, abnegadas e máis firmes da Primeira División.

Riazor é ademais o estadio das remontadas históricas. O terreo onde sucumbiron grandes clubes como o Manchester, o Milan ou o PSG. O campo onde os grandes saían goleados e axeonllados ante o equipo que espertou admiración máis alá dos pirineos.

Os pupilos de Fernando Vázquez están ante o reto de non botar terra por riba dun ascenso traballado a pulso e que significou a recuperación da memoria histórica. Un Deportivo que forxou, por méritos propios, un oco na Primeira División para ser algo máis que un club entre vinte.

A vista ten que fixarse agora no último suspiro da Liga. Unha vitoria salva o Deportivo.

O peso da historia é o que está agora sobre as costas deste grupo ao que lle que falta por demostrar que o regreso á categoría de ouro do fútbol español non foi en van, que non foi un espellismo, que non foi un engano, que non tiña billete de retorno cara ao inferno. O ascenso representaba un regreso para quedar. Esa era a mensaxe que repetían os xogadores hai case un ano.

Sobre o que pasou na Rosaleda, só lembrar a trazos momentos puntuais. Riki tivo o partido na man o comezo da primeira parte. Mesmo lle fixeron un penalti, que quedou sen sinalar. Na segunda parte, Riki volveu ter outra ocasión de ouro, esta vez para empatar a un. Tamén a dous. Ao segundo gol do Málaga precedeulle unha falta a Aythami de Baptista. Houbo un disparo á trabe. Unha parte boa, a primeira, e unha parte mala, a segunda, condicionada, posiblemente, a que o equipo se tirou á desesperada por unha vitoria que se foi distanciando minuto a minuto.

A vista ten que fixarse agora no último suspiro da Liga. Unha vitoria salva o Deportivo. Non hai maior motivación que saber que o que se pide depende de un mesmo, sen ter que esperar nada dos demais. Non caben erros propios, xa que do contrario podería ser necesaria a axuda externa. É máis, Zaragoza, Celta e Mallorca, arestora, quixeran ser o Deportivo. Que así sexa o vindeiro domingo cando ollemos a clasificación definitiva nos xornais.

A última estación da temporada é en Riazor ás 21:00 coa Real Sociedade que depende dun erro estrepitoso do Valencia en Sevilla para conseguir unha praza na Liga de Campións. Media Liga terá os ollos en Riazor, o único campo onde se xoga algo en Primeira División. O que pase na Coruña é o futuro de moitos, pero tamén o propio. Alguén imaxinaba un final de Liga así? Alguén da máis? Pois si. Podería ser o derradeiro día de Valerón como futbolista e como deportivista.

Comentarios