Opinión

Unha Syriza galega, o engado do oportunismo

Xosé Manuel Beiras e Mariano Abalo da direción da forza política Anova acaban de propoñer, despois da escasa convocatoria que acadaron o Día da Patria, a constitución dunha Syriza galega, incluíndo a EU. A coalición tería como obxectivo enfrontar ás políticas neoliberais cun programa anticapitalista. Esta proposta recolleuna axiña Yolanda Díaz, figura destacada de Esquerda Unida (EU).

Xosé Manuel Beiras e Mariano Abalo da direción da forza política Anova acaban de propoñer, despois da escasa convocatoria que acadaron o Día da Patria, a constitución dunha Syriza galega, incluíndo a EU. A coalición tería como obxectivo enfrontar ás políticas neoliberais cun programa anticapitalista. Esta proposta recolleuna axiña Yolanda Díaz, figura destacada de Esquerda Unida (EU). Ambas organizacións carecen hoxe de representación no Parlamento galego, e semella que deste xeito procuran obter un espazo político nas vindeiras eleccións autonómicas para non ficar fóra desta institución. É unha proposta lexitima, aínda que dado as forzas que alentan o proxecto non parece tan lóxica e moito menos coherente.

Que nacionalistas, como os de Anova que fan do soberanismo non só un proceso e un obxectivo principal senón “arma arroxadiza” contra outras organizacións irmáns, como o BNG, agora por oportunismo electoral propoñan unha coalición con forzas de ámbito estatal non parece moi coherente. Na práctica, digan o que digan, amosa que lle dan máis valor ao institucional que á construción de organización pola base, e que a loita pola soberanía non é alicerce principal da súa estratexia. É unha ruptura coa divisoria de augas que o nacionalismo de esquerda marcou dende a loita contra a ditadura franquista, que significou un pulo cualitativo, e que só foi ignorada por aquelas forzas nacionalistas que asumiron a autonomía e o capitalismo como marco de actuación. O nacionalismo marxista na Galiza sempre considerou que a loita de clases e nacional son indivisibeis nunha colonia ou país dependente. Ademais, malia que esta alianza tivera só un carácter electoral e teoricamente conxuntural, necesita unha mínima estrutura e compromiso de actuación en común, de continuidade, polo que sempre será un paso atrás na autoorganización e na xeración de conciencia de nación; un retroceso evidente nun proceso de acumulación que ten que vencer moreas de atrancos e eivas.

"Que nacionalistas propoñan por oportunismo electoral unha coalición con forzas de ámbito estatal non parece moi coherente"


Asemade, pode que Syriza non sexa o mellor exemplo de anticapitalismo, abonda con ollar o seu programa e obxectivos: renegociación da débeda, non á ruptura co euro, aposta pola Unión Europea, alianza coas forzas sistémicas en concellos para arrebatar a alcaldía ao KKE (Partido Comunista Grego), colabora coa dirección do sindicalismo pactista das centrais CSEE e ADEDY, reunións previas ao proceso electoral coa cúpula da UE e representantes de USA. Syriza (Coalición da Esquerda radical) é unha alianza de partidos e organizacións, das que a máis importante é Synaspismós. Esta última forza ten un programa socialdemócrata e no seu día votou a prol do Tratado de Maastricht no Parlamento Grego, a súa orixe está no Partido Comunista de Grecia interior (eurocomunista) e dun sector minoritario do KKE no ano 1991, o seu presidente é Alexis Tsipras. En Syriza converxen asemade escisións do PASOK, troskistas, maoistas, e eco-socialistas. O pulo que adquiriu na actual conxuntura segundo os analistas está moi relacionado cunha moderación no programa e no discurso, así como a un desembarco de cadros do PSOK e do sindicalismo ligado a este partido sistémico.

Semella lóxico e esclarecedor que EU de Galiza vexa nesta forza grega un exemplo a seguir, e non no KKE que se define claramente polo socialismo e a saída da UE, despois de todo é herdeira da deriva eurocomunista do carrillismo. Agora ben, non deixa de ser contraditorio que pretendan facer tamén esta xeira nacionalistas que sempre apostaron polo soberanismo e un modelo económico e social ao servizo das clases populares, é que se gaban decote da súa coherencia. Esta proposta ten as mesmas contradicións que se integrar despois da morte de Franco na Coordinación Democrática (Platajunta), que pactou a transición, e non no Consello de Forzas Políticas Galegas, que apostaba pola ruptura e a soberanía nacional.

En tan pouco tempo mudou tanto a realidade de Galiza, ou o fundamental é non perder protagonismo?... Lembremos que a crise encetou hai catro anos. En todo caso, hai que esperar a ver como se completa este xogo de xadrez nas alturas, onde neste intre parecen pesar máis os intereses conxunturais e electorais que os proxectos estratéxicos de cada organización, aínda que poder haber moito de tacticismo, un xeito de facer política sempre á marxe da xente. Sen dúbida terá moita importancia a cuestión das listas, porque se trata como din todas as partes dunha alianza electoral, e non da construción dun proxecto para a liberación nacional e social de Galiza.

En todo caso, o importante é a coherencia, a teimosía, a construción de conciencia e acumulación para o cambio desde abaixo, que todos afirman querer facer, polo que resulta frustrante unha proposta que non é moi distinta a dos que manexaban a hipótese de que o bipartito era unha panca esencial para avanzar na liberación nacional e social de Galiza substituíndo ao partido e ás organizacións de masas. A única diferenza é que agora coidan que é abondo con chegar ás institucións. Hai en ambas posturas políticas moito de mesianismo, de elitismo fidalgo. Ademais, non poden obviar que xa existe unha fronte nacionalista, que ten deputados no Parlamento, forte implantación social, e que virou á esquerda nas últimas asembleas. E que mentres os demais discuten posíbeis alianzas e cuestións de reparto de poder, o BNG propón solucións inmediatas e a medio prazo, mobiliza as súas bases e cuestiona a autonomía e o sistema.

"Non poden obviar que xa existe unha fronte nacionalista, que ten deputados no Parlamento, forte implantación social, e que virou á esquerda nas últimas asembleas".

 

Dicía nun artigo, valorando o 25 de xullo, que os resultados ían producir rexustes nas forzas que se escindiron do Bloque, non esperaba que fora tan pronto e con propostas tan desesperadas. Que sexa deste xeito non é positivo para o nacionalismo, nen para ao país. Cómpre maior reflexión e proxecto a longo prazo; partindo da idea que poden convivir na Galiza varias forzas do nacionalismo, ter acordos cando coincidan e debates maduros sobre as diferenzas estratéxicas. Non se pode ignorar que sempre estarán latentes no nacionalismo galego, como en calquera país, as distintas sensibilidades e intereses das clases e camadas sociais interesadas no cambio. Agora ben, se as disputas de poder non sobordan os obxectivos irrenunciábeis de liberación nacional e xustiza social, e está clara a política de alianzas, que o nacionalismo teña máis dunha expresión non ten porque ser un atranco.

Manuel Mera

Comentarios