Opinión

Un proxecto longo para Fernando

  Coñecín Fernando Vázquez no instituto de Melide, nos primeiros anos da década dos 80. El impartía aulas de inglés. Non foi profesor meu, pois eu batía coa lingua de Molière, non coa de Shakespeare. Si que xogamos futebol sala xuntos, el a liderar a equipa de profesores coa súa esguía figura, eu a tentar non derramar a bola cada vez que algún incauto ben-intencionado ma pasaba.

Coñecín Fernando Vázquez no instituto de Melide, nos primeiros anos da década dos 80. El impartía aulas de inglés. Non foi profesor meu, pois eu batía coa lingua de Molière, non coa de Shakespeare. Si que xogamos futebol sala xuntos, el a liderar a equipa de profesores coa súa esguía figura, eu a tentar non derramar a bola cada vez que algún incauto ben-intencionado ma pasaba. Xa daquela andaba el a treinar, nas categorías inferiores do Lalín.

Aledemei da súa progresión imparábel e da súa chegada á elite. Fernando era unha lufada de ar fresco. Un treinador con discurso, dos primeiros que souberon da importancia da comunicación para lidar co vestiario e para criar unha nova cultura futbolística, ilustrada, nas antípodas do culto ao músculo e ao suor, un pioneiro do libreto que logo Guardiola aperfeizoaría no Barcelona.

Fernando, que levou ao Celta a xogar a Uefa, sempre quixo treinar o Deportivo. A súa chegada á equipa inevitabelmente evoca a de Arsenio cando apañou o Deportivo á beira do descenso á Segunda División B. Fernando é un magnífico treinador, mas non fai milagres. As cousas, como son: a situación do Depor é desesperada. Non só é que a equipa branca e azul estexa a 6 pontos da salvación, é que existen serias dúbidas sobre que o seu futebol dea moito máis de si. A permanencia non está imposíbel, mas agardo que Lendoiro teña a clarividencia de apostar por el non tanto como redentor de última hora, mais si como arquitecto dun proxecto a longo prazo que, quer en Primeira quer en Segunda, teña o futbolista da casa como alicerce.

Ninguén mellor que o seleccionador galego Fernando Vázquez para edificar ese proxecto.

Comentarios