Opinión

Un libro no andel: Dark Butterfly

Escribir é espirse, expoñerse, situarse no centro do escenario e alí ser obxecto de observación, análise, disección.

Escribir é espirse, expoñerse, situarse no centro do escenario e alí ser obxecto de observación, análise, disección.

Escribir é abrirse en canal, cravar un coitelo xusto por debaixo da gorxa e cortar sen consideración un a un pel, músculo, óso, para deixar á vosa vista os motores que nos impulsan, esas máquinas de tecido vivo que palpitan como un motor de explosión levando osíxeno, combustíbel, ao corpo todo

A que escribe íspese, rómpese e deixa á vosa vista o pouso de días e días.

Leo. Subliño. Concordo: “a arte é a actividade mediante a cal pode reconstruírse o mundo cando o mundo xa desapareceu”. Reescribo: a arte é a actividade mediante a cal pode reconstruírse a vida, cando a vida desapareceu” e afirmo: eu necesito esta arte, a arte que me transporta á miña propia realidade e abre as portas que eu deixara pechadas. Cómpre ver.

A arte é menciña para abrir as feridas, saber canta pus se agacha baixo as costras, limpalas, cauterizalas, vixiar a súa cicatrización, tan lenta.

A que escribe tal vez usou o líquido salino e transparente dos seus ollos para limpar as palabras que debían debuxar un itinerario de comprensión, converterse nunha resposta para a que afirmou un día: “algún sentido terá que ter a miña vida. Algún sentido...”

Escoita, escóitasme? Tivo sentido, ten sentido, que saibas que me preguntei a min mesma se estou fóra ou dentro do acuario, se son un peixe triste nadando entre paredes de cristal que non podo atravesar ou estou fóra, vendo como nada me toca, allea á realidade, porque non a percibo no seu conxunto, na súa total complexidade.

Tal vez no Caos todo ten sentido, porque é certo que o bater desesperado das túas ás, avelaíña, chegou a este momento e puidemos rozar os bordes agudos da dor que transportaches.

A miña emoción divídese. Percibo unha destrutiva sensación de claustrofobia, reparo en que a alma está presa nun campo de concentración e por iso elabora estratexias colaboracionistas, quere sobrevivir. Estou inmersa no relato, subliño de novo: “non es libre, como o son eu”, “Pode que, ao contrario do que a xente pensa, sexamos nós os normais, nós os que vivimos arrodeados de seres presos do delirio. É unha cuestión de perspectiva”

Perspectiva

Entón a miña emoción sitúase noutra perspectiva. A da muller sentada, a muller que escribe con esa caligrafía ilexíbel, desde sempre. E pregúntome, de onde sae o valor. Cantas batallas venceu contra si mesma. A batalla da memoria, volvendo os ollos atrás. A batalla da escrita pescudando nas palabras, preguntándose por que viñan esas palabras á luz, como as avelaíñas, lendo como se lle fose estraño o que nunca o foi.

A batalla de espirse, de abrir a ventá, de deixar saír fóra o que está dentro da casa.

Son moitas batallas. Cómpre moito valor. Porque se difícil foi escribir, moito máis difícil é dar á publicación. Porque escribir é espirse.

Querería ter dito estas palabras cando a noite for pechada, sentada na escuridade rota por unha soa luz e agardar a que chegasen as avelaíñas, ver se son claras ou escuras e interpretar as súas mensaxes. Escoitar, asexando o seu voar imparábel, tantas cousas que aínda debemos sentir.

Hoxe é difícil explicar as emocións que este libro prendeu en min. Así que só me queda unha palabra para darlle a Xina:

 Grazas.

Comentarios