Opinión

Traxedia e farsa

Que se repite é seguro. A Historia. Onde acabe é máis dubidoso, por moita leria neoliberal de Fukuyama dicindo que terminou. Continúa. En bucle. E seguramente “primeiro como traxedia, logo como farsa”, tal e como escribiu hai moito Karl Marx.

Que se repite é seguro. A Historia. Onde acabe é máis dubidoso, por moita leria neoliberal de Fukuyama dicindo que terminou. Continúa. En bucle. E seguramente “primeiro como traxedia, logo como farsa”, tal e como escribiu hai moito Karl Marx.

Coincidindo cos últimos anos da vida de pensador de Tréveris resulta doado atopar no Estado español un exemplo de repetición histórica. Foron aqueles os tempos da chamada Restauración, isto é, da volta dos Borbóns ao trono baixo un sistema bipartidista con grandes coincidencias de fondo entre os dous actores principais e que se veu abaixo tras un longo devalo marcado pola corrupción. Recoñecible, verdade?

"O ano pasado, de Galiza marcharon arredor de 15.000 persoas. O pasado como actualidade".

Por certo, unha das primeiras fendas naquel sistema xurdiu pola cuestión nacional. Os resultados das eleccións xerais en Cataluña en 1901, cun amplo triunfo nacionalista e claro fracaso das dúas forzas do “turnismo”, abriron un debate que xa quedaría permanentemente instalado no corazón sistémico. Parece onte.

Pero as repeticións históricas poden atoparse mesmo indo máis atrás. Coa Lei Provincial de 1822, o Goberno central instauraba as Deputacións, entendidas estas como brazo periférico do centralismo e controlador de municipios. Igualiño que fixo o Executivo de Rajoy hai unha semana.

"Tiña razón Marx, pero non lla dan. Trabucouse Fukuyama, pero fanlle caso".

Tamén lonxe, pero á vez algo máis perto, máis probas do tráxico loop entre épocas. No primeiro terzo do século XX, os movementos libertarios organizaban “folgas de inquilin@s” (non pagaban) para así protestar contra os abusos d@s caseir@s. Imposible non ter presente á coruñesa Aurelia ou ás mobilizacións contra os desafiuzamentos destes días.

Foron traxedia, son farsa. Ou ambas cousas á vez. Entre 1860 e 1900 calcúlase que emigraron uns 400.000 galeg@s, o que significa unha media de 10.000 ao ano. O ano pasado, de Galiza marcharon arredor de 15.000 persoas. O pasado como actualidade.

Tiña razón Marx, pero non lla dan. Trabucouse Fukuyama, pero fanlle caso.

Comentarios