Opinión

Todo se moveu cara á dereita...

Moitos estamos fartos do previsible xogo político tarugo, insubsistente e desatinado que desenvolve certo esquerdismo infantil desconectado da realidade.

Moitos estamos fartos do previsible xogo político tarugo, insubsistente e desatinado que desenvolve certo esquerdismo infantil desconectado da realidade. Moitos grupos da esquerda nacionalista ameazan con espectaculares exhibicións de esgrima política seudorevolucionaria, vocean slogans que apelan á mobilización de vangardas insurxentes selectas e puras, chaman a fantásticas incursións no escenario social, asustan co que farán ou deixarán de facer, advirten sobre as desgrazas que se cernen sobre a cidadanía por mor da crise sistémica e prevén a fin do mundo coñecido. Porén, logo da tensión e axitación inicial chega a “calma” e volve a “normalidade” (do sistema convulso e en descomposición no que vivimos) e a credibilidade da “clase política” continúa deteriorándose. Os segmentos dominantes de Galiza prescriben, por boca dos intelectuais retrógrados e comentaristas de opinión reaccionarios, as preferencias políticas “razoables” que o cidadán da pé debe elixir. Desde a fiscalidade á lexislación laboral, pasando polas políticas sociais, as privatizacións, os convenios público-privados, as concesións administrativas e toda clase de medidas (que serven sempre aos intereses do establishment). Os distintos gobernos amosan uns acenos de identidade máis á esquerda ou máis á dereita, para dar a entender que non son esencialmente iguais, aínda que as súas políticas económicas e sociais terminen sendo substancialmente idénticas.

En xeral, esta orde de cousas suxire que determinados partidos están integrados no sistema. Porén hai outros [partidos] (que se guían fundamentalmente por principios político-ideolóxicos caducos e non tanto por oportunidades reais ou por un inevitábel pragmatismo posibilista) aliméntanse da esaxeración histriónica ou a dramatización caricaturesca, e terminan deixándose caer nunha acción caprichosa e condicionada polo guión quimérico que algúns teóricos mesiánicos escriben.

A demanda duns posicionamentos político máis claros e realistas, sen caer novamente nun idealismo irreal, delirante, sectario ou dogmático doutros tempos, semella estar a xerar na sociedade galega actual unha demanda de definicións máis integrais, que aquela que o filósofo, poeta e compositor brasileiro Antonio Cícero manifestou algunha vez á mantenta da necesidade de optar por un “reformismo transformador e consecuente” (fuxindo de posturas extremas ou radicalizadas e intanxibles) perante os ataques máis reaccionarios á modernidade que el detectaba nalgúns círculos intelectuais da sociedade brasileira.

Tales ataques, aliados do imaxinario idealista e romántico imperante e de posturas que aínda se cultivan en determinados sectores intelectuais e que seguen manifestándose nas polarizadas batallas ideolóxicas -abstractas e indeterminadas- como criterio da política, estarían impregnando a conxuntura presente dun anti-progresismo aínda moi presente en Galiza. Opino que é necesario retornar a tempos máis esixentes, pero como unha reminiscencia da preocupación pola complexidade do noso pensamento colectivo e tamén como un convite á reelaboración ideolóxica da esquerda alternativa e á construción nacional partindo dunha nova cultura política transformadora, moderna, reformista-revolucionaria, pero realista e asentada nun enfoque colectivo e de masas (e non en visións de vangarda).

Os segmentos intelectuais da dereita galega manifestan bastantes simpatías cara eses posicionamentos característicos dunha ampla ofensiva anti-progresista. E a esquerda tarabela e insensata non reacciona e déixase envolver por certos líderes aventureiros e temerarios. No entanto, non vexo posibilidade ningunha de que o desafío da unidade, formulado por diferentes voceiros do nacionalismo e a esquerda galega, sexa afrontado con éxito a partir dun campo político-ideolóxico non inclusivo que desprece o que recoñecemos como esquerda progresista, renovadora e transformadora ou, cando menos, como un eixo ou póla da esquerda política e social que, non sendo anti-sistémica, considero que ten que ser tida en conta.

E esa esquerda non está soa. Polos seus temas, enfoques e posturas, ela construíu e mantén unha ponte cun eido significativo do pensamento crítico contemporáneo, que artella e asimila, nas súas críticas, diagnoses e proxectos, aos diversos sectores intelectuais e políticos que se identifican con ese esquerdismo de corte máis socialdemócrata e renovador, aínda que crítico coas posicións do social-liberalismo defendido polo PSOE. Opino que esas correntes de pensamento manteñen fortes e inequívocas condicións para contribuír positivamente ao desafío proposto de conseguir a unidade da esquerda e o nacionalismo.

Con todo e volvendo ao meu punto de partida, é indiscutíbel que hai en Galiza unha esquerda que asumiu, desde o final da década de 1970, unha vinculación profunda co tema da democracia e que efectivamente se afastou das ideas dogmáticas que habitaban o ideario máis convencional da esquerda, tanto da “esquerda tradicional” canto da coñecida como “nova esquerda” (que logo segue sendo a de sempre).

Como afirmaba Xosé Manuel Beiras durante a súa intervención no debate do estado da nación en 2001: “O mundo que se esbarrulla en Europa é o que se baseaba no denominado «modelo renano» de capitalismo. Un modelo xenuinamente europeo, construído por mor da IIª Guerra Mundial mediante a aplicación combinada do modelo teórico keynesián e o fordismo, co centro de gravidade na esfera da produción e a cabeza nas políticas de redistribución da renda e da riqueza. Un modelo que tivo vixencia universal ata os anos setenta, e na Europa Continental ata hai un decenio. Ese modelo socioeconómico baseábase politicamente en dous peares: o primeiro, un acordo polo que o poder económico reserváballe ao poder político un ámbito de actuación própria como «sector público», e confiáballe unha función compensadora e redistributiva como Estado do benestar; e o segundo, un acordo entre o capital e o traballo, entre o empresariado e os sindicatos, no que os dous apostaban pola «concertación social»”. Porén e chegado ao momento actual, de quebra total do esmirrado Estado de benestar, e afondando máis nos argumentos iniciais expostos, poderíase dicer que, malia ter feito algúns esforzos nesa dirección, o estancamento do tempo histórico baseado na estratexia revolucionaria como método e criterio para o cambio histórico non produciu, entre nós, unha nova fórmula identitaria que garantise, simbólica e politicamente, unha nova expresión para a esquerda. Con todo o traxe político da esquerda galega, a comezos do século XXI, segue pivotando sobre tres potentes alicerces de identidade: o marxismo revolucionario por unha banda, por outra a socialdemocracia e o reformismo e por último un social-liberalismo (que en realidade pouco ten de esquerda).

 

Sorprendentemente a actual seudoesquerda social-liberal que xurdira hai décadas (naquela altura aínda era marxista) e cobizaba configurarse como un novo paradigma, fracasou máis rapidamente que aquela dos modelos anteriores. Porén, o escenario que ela deixa logo da súa fulgurante traxectoria é aínda máis inconsistente: fundada no mercado, a falsa esquerda representada polo PSOE exprésase como unha seudo-esquerda de simulacros, nos cales o posibilismo curtopracista e o disparate oportunista intégranse nunha erráticas metamorfose.

 

Está establecido, xa que logo, o desafío de superar simultaneamente as tres dimensións históricas da esquerda galega. Con todo aquí a historia non debe nin merece ser repetida. Esta non pode ser outra das moitas oportunidades perdidas na traxectoria de construción da esquerda nacionalista e transformadora. Entre as moitas razóns, porque o noso penoso e débil proceso de modernización e de democratización soamente consumouse, nos seus trazos coñecidos, debido á non existencia, entre nós, dunha esquerda radicalmente democrática, participativa, asemblearia, transformadora e verdadeiramente inclusiva.

 

Por esa razón, é preciso recapturar o tema das reformas para o campo da esquerda galega por medio da elaboración dun programa que concentre as súas propostas nas demandas democratizadoras do mundo do traballo e de apoio ao pequeno e mediano empresariado. Baseándonos nunha política aberta e en amplo diálogo coa sociedade, é preciso pensar as reformas como cambios que envolvan a democratización do poder político na sociedade galega, ou sexa, é preciso conectar as reformas coa cuestión da cultura democrática. É preciso pensar as reformas para alén do minimalismo e da lóxica de mercado a que elas foron reducidas na política galega recente. Noutras palabras, é preciso rescatalas como unha perspectiva de realización da modernidade (nunha perspectiva combinada reforma-revolución).

 

O país necesita forxar outra esquerda, con amplas bases sociais, lexitimada como forza reformista-transformadora (sen renunciar a posicións revolucionarias cando existan os apoios necesarios). E esa esquerda ten que falar, cunha forte voltaxe emotiva, ao corazón de milleiros de galegos e galegas sen arrecantar a racionalidade ineludible. En Galiza, necesitamos unha fronte política unitaria de novo tipo, un movimento que esgrima un programa sustentado en reformas radicais, un proxecto que defenda a mellora substancial nas condicións de vida da maioría social e, en función desa perspectiva, privilexie a elaboración colectiva, o cooperativismo político e o trazado dun programa que teña as características e o sentido de recuperar a súa propia racionalidade e confianza da cidadanía na súa enerxía transformadora. Malia que nas nosas sociedades percibimos con teimuda insistencia o “mundo desencantado” do que falaba Weber, o esgotamento do sentido de moitos discursos políticos, a distancia entre o sistema institucional e o mundo da vida, entre a política e a moral, a caracterización que aquí asumimos da cultura política permite abrigar unha esperanza moderada. O poder da acción política non radica na recuperación do entusiasmo alimentado de novo pola idealización duns fins, senón no desenvolvemento dunha práctica –a democracia- cuxo exercicio promove valores, bens e fins internos á mesma, e na procura da excelencia da devandita práctica que os vai fortalecendo ou creando outros novos. A acción política como cultura e a democracia como virtude son a base para o desenvolvemento futuro do socialismo.

Ese novo reformismo é, en fin, a base dunha nova cultura política para unha esquerda cooperativa, moderna, inclusiva e democrática.

Ante a situación de urxencia nacional na que os sectores dominantes e as elites financeiras e da dereita política intentan desmantelar o Estado de benestar, recortar o noso autogoberno e baleirar de contido real a nosa democracia, nun ataque sen precedentes ao noso ben común, podemos preguntarnos: Cómpre reforma ou revolución? Eu respondería que é necesaria unha nova esquerda racional e agrupada nunha fronte ampla, democrática e consecuente que non renuncie á reforma (e  se desen as condicións tampouco á revolución)

Dicíame Francisco Fernández Buey, catedrático de filosofía política falecido o pasado 25 de agosto, (a quen tiven a oportunidade de coñecer en abril de 2009) que: “a esquerda pensou o que pode ser unha hexemonía alternativa [ao pensamento dominante que coñecemos como “pensamento único”] . Logo está a esquerda política propiamente dita que é un desastre aquí e en case todo o mundo. Se nos fixamos ben o que se produciu nos últimos quince anos é un desprazamento de todo o arco político cara á dereita. Como ese desprazamento é simultáneo pasa como a relatividade do movimento: a xente non se dá conta de que se está desprazando porque todo se moveu cara á dereita, dende o punto de vista estritamente político”.

 

* Óscar Lomba (1966) É licenciado en dereito pola Universidade de Vigo e diplomado en Maxisterio pola Universidade de Santiago de Compostela. Ex-militante do PSdeG. Voceiro de Unidade da Esquerda Galega. Membro da Coordinadora Nacional de ANOVA-Irmandade Nacionalista

Comentarios