Opinión

Taxas xudiciais

Creo que hai unha opinión xeneralizada na sociedade de que temos unha xustixa cara e moi lenta. A falta de persoal e infraestruturas fai que os xuízos se retrasen e moitos delitos prescriban e queden na impunidade, sobre todo cando os acusados son ricos e teñen avogados e cartos para presentar recursos.

Creo que hai unha opinión xeneralizada na sociedade de que temos unha xustixa cara e moi lenta. A falta de persoal e infraestruturas fai que os xuízos se retrasen e moitos delitos prescriban e queden na impunidade, sobre todo cando os acusados son ricos e teñen avogados e cartos para presentar recursos. Carlos Varela, Fiscal Xefe de Galiza, dicía o pasado 26 de outubro na inauguración do ano xudicial: “Os órganos xudiciais están moi ocupados con litixios de baixa intensidade, o que lles impide unha dedicación plena á criminalidade grave e complexa”.

Os recortes sociais do goberno do PP chegan tamén á xustiza e o ministro de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón, pon en marcha unha reforma que, entre outras medidas, contempla a suba das taxas xudiciais para que a xente non acuda á xustiza, reducir así a actividade dos xulgados e acabar co colapso actual. De aplicarse esta reforma moita xente non accederá á xustiza por motivos económicos. Antonio Platas, decano do Colexio de Avogados da Coruña dicía que con este proxecto haberá “una justicia para ricos y otra para pobres”.

Presentar un recurso contra un despido pode supor 800 euros para o traballador; 200 euros recorrer unha multa de tráfico, 800 euros un recurso de apelación, 1.200 euros un recurso de casación. Todas e todos podemos estar afectados e teremos que pagar unhas taxas abusivas se acudimos á xustiza por unha baixa laboral, unha xubilación, a negación dunha prestación por desemprego, un accidente de tráfico, un problema co banco, co teléfono ou a compañía eléctrica.

A contestación a este proxecto foi unánime por partes dos distintos estamentos relacionados coa xustiza. Antonio Platas acusaba a Gallardón de “traición” e “deslealtad” por non ter en conta a opinión dos distintos estamentos xudiciais. Para Alfonso Álvarez Gándara, decano do Colexio de Avogados de Vigo, “As taxas son un insulto á cidadanía e ao Estado de Dereito”.

O Consello da Avogacía Galega, co apoio dos sete colexios de avogados de Galiza e de todas as asociacións de xuíces e fiscais convocaba manifestacións en toda Galiza o 9 de novembro de 2012, baixo o lema “En defensa da cidadanía, non ás taxas xudiciais” onde centos de avogadas e avogados pediron a dimisión de Gallardón.

Na convocatoria das manifestacións dicía o Consello da Avogacía Galega: “Con desprezo do principio constitucional de tutela xudicial efectiva, o Goberno pretende aliviar a carga de traballo dos tribunais polo método antidemocrático de restaurar as taxas, que foron abolidas en 1986. O proxecto de lei mereceu a crítica do Consejo General del Poder Judicial (CGPJ), de todas as asociacións de xuíces, do Consejo de Estado e do Consejo General de la Abogacía Española, ao cal non se lle deu o trámite de audiencia. A opinión pública debe reparar no feito de que a vítima deste abuso é a cidadanía que –logo de ter sufragado o custo da Administración de Xustiza cos seus impostos– cando lle toque valerse dela, vai topar contra un obstáculo económico”.

Chama a atención que por parte do Consello da Avogacía Galega se convoque unhas concentracións “en defensa da cidadanía”, que é “a vítima deste abuso”, pero que non se chame a esa mesma cidadanía a participar neses actos que, por outra parte, son ás 12 da mañá, cando a xente non pode acudir. Estamos ante un feito gravísimo como é eliminar un dereito fundamental como o acceso á xustiza e aínda non houbo chamamentos á mobilización cidadá por parte de organizacións sociais, sindicatos e partidos políticos. A que esperan?

Comentarios