Opinión

Superar as deputacións

O 24M puxo de novo sobre a mesa o debate das deputacións, nomeadamente após se abrir a hipótese de o PP gobernar so nunha delas, a de Ourense

O 24M puxo de novo sobre a mesa o debate das deputacións, nomeadamente após se abrir a hipótese de o PP gobernar so nunha delas, a de Ourense. Son institucións de raíz decimonónica, lastradas por un funcionamento burocrático e caciquil e, na práctica,  foron historicamente -e continúan a selo hoxe- axentes españolizadores da nosa nación, ao impor unha división do territorio artificial e que non responde á realidade material dun país que ten por diante a eterna materia pendente da comarcalización.

Está a ser o nacionalismo o que está a formular con clareza o obxectivo político da desaparición destas entidades

Está a ser o nacionalismo o que está a formular con clareza o obxectivo político da desaparición destas entidades. O programa ten de ser forzosamente gradual -o poder para facelas desaparecer teno o Estado- e nunha primeira instancia o lóxico sería ir baleirando de competencias as administracións provinciais, en beneficio da Xunta e dos concellos, coa expectativa de que un cambio político nas galegas de 2016 poda pór a primeira pedra do camiño que debe levar a outorgar entidade política, xurídica e administrativa ás comarcas deste país.

Acerta o BNG ao introducir esta variábel programática nas súas conversas co PSOE e con outros interlocutores -as mareas, a Alternativa dos Veciños de Oleiros no caso da Coruña. O continuísmo nas deputacións sinxelamente non é unha opción. Mentres existan, haberá que as xestionar con probidade, transparencia, e con eficacia e equidade na relación cos concellos  por suposto, mais tamén cunha orientación clara: a do seu adelgazamento, rumo á desaparición.

Comentarios