Opinión

Suárez e o mito da transición

As elites dirixentes do Estado que teñen como referente a Juan Carlos Borbón aproveitaron a morte de Suárez

As elites dirixentes do Estado que teñen como referente a Juan Carlos Borbón aproveitaron a morte de Suárez para lanzar unha campaña propagandística dunha envergadura sen precedentes e cunha escenografía que en algúns aspectos (anuncio, por parte do fillo, da morte en 48 horas, comparecencia de El-Rei en televisión...) até evocaba o formato empregue polo búnquer franquista para informar sobre o óbito do ditador.

Esta campaña procura dous obxectivos: primeiro, relexitimar o Borbón como símbolo do réxime; segundo, reactualizar o mito da transición e proxectalo cara ao futuro.

O mito da transición descansa na ideia de que a pasaxe da ditadura á democracia foi basicamente obra do monarca. O argumentario complétase coa tese de que o tránsito desde o fascismo até un réxime de liberdades foi produto da aposta na "conciliación nacional".

O consenso que instituíu o mito da transición selárono as familias franquistas e a esquerda española -PSOE e PCE. Dese pacto non participou o nacionalismo galego

Como se podían conciliar verdugos e vítimas? Explotadores e explotados? Imperio español e nacións oprimidas? Quíxose facer através do artificio do "consenso", da equiparación moral entre uns e outros. O consenso significa branquear os crimes do franquismo, pór á mesma altura moral fascistas e demócratas. A figura de Suárez, ex secretario xeral do Movimento, era funcional nesa lóxica: o franquista travestido en demócrata. Certo é que Suárez acreditou na necesidade de rachar con algunhas inercias do pasado e que iso o virou en inimigo dos seus correlixionarios. Pagouno cunha demisión que nunca tivo a responsabilidade de esclarecer.

O mito da transición é falso. A ditadura non podía eternizarse. A súa continuidade nen sequer interesaba ás elites españolas, que sabían que o futuro pasaba por algún acordo co capitalismo franco-alemán e co ingreso na OTAN. As loitas populares e nacionais, os movimentos obreiros como os de Ferrol e Vigo en 1972, aceleraron a súa deterioración.

O consenso que instituíu o mito da transición selárono as familias franquistas e a esquerda española -PSOE e PCE. Dese pacto non participou o nacionalismo galego. Daquela e hoxe, o nacionalismo galego é xeneticamente rupturista cun Estado, o español, que arrastra ab initio un déficit democrático que non é quen de superar: a dominación sobre as nacións, entre elas a nosa, Galiza.

Comentarios