Opinión

Sobre a corda bamba

Convivimos desde hai tempo coas nosas crises e coas alleas. As crises dos valores, das pandemias, da economía, da política, da enerxía, da especulación financeira, da educación, da miseria que rebenta o mundo sempre pola parte máis feble. E por suposto cada quen ten as súas crises predilectas. Mais a cuestión, por parafrasearmos Shakespeare non é ser ou deixar de ser desta ou daqueloutra crise.

Convivimos desde hai tempo coas nosas crises e coas alleas. As crises dos valores, das pandemias, da economía, da política, da enerxía, da especulación financeira, da educación, da miseria que rebenta o mundo sempre pola parte máis feble. E por suposto cada quen ten as súas crises predilectas. Mais a cuestión, por parafrasearmos Shakespeare non é ser ou deixar de ser desta ou daqueloutra crise. A cuestión é entendermos as razóns e actuarmos para non nos deixar sorprender polas consecuencias.

Nunha publicación da Editora e Livraria Instituto Paulo Freire, titulada Riscos e oportunidades en tempos de mudanças, pode lerse a frase: “o mundo caminha sobre uma corda bamba”. Sen dúbida a crise, as crises, non caen do ceo: están en relación directa ao modelo de desenvolvemento e de produción imperante en cada momento. E neste momento o sistema produce uns cantos millonarios mais non responde á necesidade dunha vida digna e sustentábel para as maiorías; centra as chaves do éxito na sorte dos afortunados até os converter en símbolos, mais esquece que a ética do éxito debe estar centrada no que cada unha e cada un de nós, de maneira individual ou como participantes en actividades sociais, contribúe para mellor a calidade de vida das maiorías sociais.

Hoxe na Galiza os desequilibrios comezan a ser dramáticos, ou se quixermos minoralos, preocupantes, e están intimamente ligados aos procesos de desenvolvemento por canto o principal motor do investimento privado -ideoloxía suprema - é o lucro, e o sistema considera que non ten nada que gañar con quen ten pouca capacidade adquisitiva. O goberno global, cuxas funcións se autoatribuiu o G-20, na compaña dos seus fieis aliados do Banco Mundial, do Fondo Monetario Internacional (FMI) e da Organización Mundial do Comercio (OMC), claramente non entenden as realidades, e as necesidades, actuais. Até o de agora, as súas receitas limítanse ao sector financeiro, o único aspecto da crise que aparentemente entenden, e até mesmo niso os remedios parecen peor do que a doenza. As estimativas das sumas inxectadas nas institucións financeiras mundiais son equivalentes a un cuarto do PIB anual e mundial; na Galiza esas cantidades son superiores ao orzamento anual da comunidade. Ese diñeiro non nace nunha fonte milagreira: como todo valor, está enraizado no traballo e na natureza. O goberno -quer o do estado quer o da Galiza-, está apostando polo traballo futuro -eses gromos verdes que asoman no outono- por medio de impostos e na natureza por medio da explotación de recursos non renovábeis, para pagar os seus donativos ao sector financeiro. Mais os recursos estanse esgotando e a súa explotación tornándose máis custosa e o desemprego ten aumentado de tal forma que os contribuíntes comúns teñen menos facilidade para encaixar o pagamento dos seus impostos, mentres que os ricos -habilísimos saltimbancos- evitan pagar de calquera forma.

É fácil recoñecer que as desigualdades están a alcanzar altos niveis de insustentabilidade, que a pobreza se está espallando e profundando en sectores que antes non tiñan vivido esta situación, coa conseguinte mudanza nos hábitos de consumo, hábitos que en ocasións van mesmo contra a propia saúde. Cada día recibimos, e procesamos, datos que nos impactan cal pedradas de dura realidade. Cifras de índices de abandono-fracaso escolar; de crianzas ás que nin chega a vara de medir a súa cantidade de pobreza; de desemprego ou de envellecemento poboacional que inviabilizan calquera proxecto de futuro. E con elas recibimos tamén todo tipo de proclamas. Hai quen afirma que a crise é unha oportunidade. Que da crise se sae máis forte.

Quen así pensa non fai máis que aplicar a teoría da evolución, da supervivencia de quen é mais forte ou actúa con máis astucia. Quen iso crea seguramente non se ve afectado pola crise, seguramente o seu territorio fique para alén da austeridade obrigada.

Comentarios