Opinión

Sermos Matria

  Como cada ano, o Día da Patria convócanos. Esa xornada festiva en pleno verán cita xentes de todo o país e bótaas a andar en manifestación -a dicir verdade e tristemente, en manifestacións- por diante dunha morea de turistas que non disimulan o seu abraio ao escoitaren "que queiran que non, Galiza é unha nación", ou aqueloutro canto coas sílabas ben separadas: IN-DE-PEN-DEN-CIA.

Como cada ano, o Día da Patria convócanos. Esa xornada festiva en pleno verán cita xentes de todo o país e bótaas a andar en manifestación -a dicir verdade e tristemente, en manifestacións- por diante dunha morea de turistas que non disimulan o seu abraio ao escoitaren "que queiran que non, Galiza é unha nación", ou aqueloutro canto coas sílabas ben separadas: IN-DE-PEN-DEN-CIA. O Día da Patria, nos últimos anos con Festigal musical incluído e con concorridas presentacións de libros, mais de sempre co seu aquel de romaría e de conversa matizada ou de discusión aberta, crea con cada edición un momento para matinarmos sobre as estratexias do nacionalismo. Sermos Galiza non pode ser indiferente a unha celebración como esta, que está na cerna de nós, e facemos un esforzo por saírmos do prelo nun número especial con suplemento acrecentado de oito páxinas para recollermos algúns agasallos, en forma de discursos e fotografías, da historia do día de Galiza. Porque o noso obxectivo pasa por construírmos unha Galiza liberada. Porén, a expresión liberación nacional, se non caída en desuso, cando menos nas rúas e nos escenarios parece hoxe evitarse. Diríase que, para aparentarmos modernidade, proxectamos unha certa distancia con respecto a unha frase considerada excesivamente ideoloxizada; alusión clara a un proceso imperialista que nos converte en provincia doutro proxecto político, que nos esquilma, que decide por nós e no noso nome. Con todo, o que era certo para a relación con Hespaña, é aínda máis certo para a relación con Europa. Non nos vai moi ben como provincia nesa Unión Europea que lle presta cartos aos bancos españois −aos nosos bancos sería moito dicir− e que sacia esa débeda aplaudindo cobizosa mentres nos estafan nas preferentes ou continúan recortando nos servizos públicos, metendo as tesoiras nas pensións, nas pagas do funcionariado e até nas prestacións por desemprego.

A liberación nacional, o proxecto político que construíu Galiza, non é hoxe un soño liberador máis ou menos novelesco. No século XIX moitos proxectos políticos nacionalistas baseáronse na particular visión do mundo de cada pobo, nesa Weltanschauung con ingredientes lingüísticos e culturais e, en ocasións, mesmo raciais. No século XXI, antes de nada, esa liberación é un asunto práctico e urxente porque soberanía é a capacidade de decidirmos por nós mesm@s quen queremos ser, en que queremos gastar e en que poderiamos aforrar, saber se queremos xubilacións millonarias para os executivos dun banco ou se precisamos infraestruturas antiecolóxicas e carísimas ou se preferimos un ensino público de calidade que garanta universalmente a igualdade de oportunidades, por exemplo. A patria quizais é, sobre todo, un sentimento: esa emoción que nos lembra que mantemos vínculos ancestrais con este país, que aínda se percibe diferenciado nos apelidos que levamos, nos nomes dos lugares que habitamos, nos ríos que atravesamos e nos camiños que andamos. Mais, como aínda hai quen se nega a deixarse invadir por ese sentimento e, sobre todo, como noutras latitudes o amor á patria se identificou con afáns de ocupación territorial e cun forte espírito guerreiro, estamos en disposición de re-inventalo. E, en vez de cantar a patria, podemos cantar a matria, para lembrar que, finalmente, as mulleres, tantas veces ausentes dos grandes asuntos, tamén tiveron nisto algo que ver. Sermos Galiza pasa por sermos un país soberano, libre do dente do capital, pacífico, creativo, xusto. Sermos Galiza pasa por cuestionarmos calquera norma, calquera convención, calquera moda, comprobando se harmoniza connosco ou se se axusta ao proxecto de sociedade cara ao que propositadamente camiñamos. Neste afán de nos inventar a realidade que latexa na república galega non hai −non debe haber− ansia ningunha de nos enlarafuzar co poder e nos instalar comodamente nas institucións senón, máis ben, o proxecto revolucionario de transformarmos esta sociedade competitiva, agresiva, contaminante e desequilibrada nun lugar mellor, de mudarmos as ideas que nos reduzan ou nos fagan infelices, de enchermos os pulmóns de ar para comezar a navegar. É ese mesmo sentimento con que cultivamos a semente, ou con que coidamos a quen se mexe no berce; é sermos Matria.

Comentarios