Opinión

Señoras que non pintan nada

A rotina informativa cotiá, inzada de novas lúgubres de inxustizas e retrocesos nas conquistas sociais camufladas tras áridas métricas económicas, trátana de adozar os medios de comunicación comerciais con novas de ton humano e amábel con que distraer a atención e o espírito crítico das audiencias, así, en abstracto, como cifra máis ca conxunto de persoas quen de formaren unha opinión sobre os

A rotina informativa cotiá, inzada de novas lúgubres de inxustizas e retrocesos nas conquistas sociais camufladas tras áridas métricas económicas, trátana de adozar os medios de comunicación comerciais con novas de ton humano e amábel con que distraer a atención e o espírito crítico das audiencias, así, en abstracto, como cifra máis ca conxunto de persoas quen de formaren unha opinión sobre os asuntos que lles afectan e de axir en consecuencia. A máis recente destas “serpes de verán” tivo como infeliz protagonista a unha octoxenaria que, cargada de boa vontade, decidiu armarse de brocha e resolver por se soa o que a institución competente non se resolvía a facer. Restaurar, segundo o seu criterio, o fresco da igrexia da súa vila. As voces bempensantes cargaron de seguida contra a ousadía da señora. Non se abriu un debate sobre o lamentábel estado en que, polo xeral, manten a Igrexa o (noso) patrimonio ao seu cargo –o esperpéntico espisodio do Códice aínda quente- nen se sinalou os miles de párrocos que teñen promovido aberracións semellantes en incontábeis igrexas e capelas da nosa xeografía, defendendo que se cubrisen de cemento frescos que non eran “máis que garabatos”, ou mandando substituír retábulos de valor incalculábel por estaren “cheos de couza”. Por non falar de operacións de reforma ou reconstrución de capelas sen ningún tipo de asesoramento experto, con que o atopar unha capela libre de intervencións destrutivas, iso si que é unha milagre e non a do santiño que esta alberga.

Mais non, moi lonxe de aproveitar o episodio do Ecce Homo de Borja para criticar o provervial desleixo clerical respeito do patrimonio relixioso (sempre que este non constitúa unha fonte inmediata de lucro), as lanzas apuntaron a impericia da boa da señora. O humor dominante acudiu á chanza fácil enfocando o feble, muller e maior, o que garantiu a súa rápida difusión sen trabas nin silenciamentos. O capítulo de “señoras que fan” (calquera cousa menos o que se espera delas: ficar na casa diante do televisor) das redes sociais, nutriuse cun novo episodio.

A crueldade desta brincadeira estival lembroume un recente acto na miña aldea. O colectivo Máis talento e menos cemento de Barreiros, sen máis apoio que a enerxía de mulleres e homes afoutos, presentou un proxecto para reivindicar a recuperación dos lavadorios do concello, non só como elementos do patrimonio arquitectónico civil a preservar, senón tamén como memoria dun espazo que, até hai moi pouco, pertencía ás mulleres, responsábeis únicas do traballo reprodutivo (e por tanto sen valor económico) do lavado da roupa dos fogares.

Moitas mulleres acudiron á cita do colectivo cidadán. Compartiron lembranzas dos momentos pasados xunto á flor da auga, cando as únicas saídas que lles eran permitidas eran á misa ou, vixiadas, ao baile ou á festa. Moitas delas expresaron certa nostalxia, non polo feito de teren que lavar á man –benditas lavadoras!- mas polo de contaren cun espazo de convivio que a modernidade lles tiña retirado. Hoxe, na era das tecnoloxías domésticas, moitas mulleres maduras do rural seguen sen atopar máis espazos que as misas para socializaren. Un medo a desentoar fainas inibirse á hora de participaren en actividades consideradas impropias da súa idade e xénero, como asistiren a clases ou bailes, faceren teatro, iren ao cine ou a un bar. Expresións do humor bempensante, como ás ditosas “señoras que...” ou os chascarrillos en canto á señora que reinterpretou o Ecce Homo de Borja, apuntan nesa mesma dirección. Veñen dicirlles a estas mulleres que non pintan nada, que caladiñas están máis guapas. Até que un día rebentan e deciden esborranchar un Ecce Homo. Mellor iso que moitos “cristos” perpetrados por párrocos con toda a autoridade do seu ministerio.

Comentarios