Opinión

Rebelión democrática e autodeterminación (segundo Esquerda Unida)

O vindeiro 27 de abril esquerda Unida vai realizar a súa XI Asemblea Nacional, que neste caso ten a súa importancia dado o avance electoral desta forza política de ámbito estatal no noso país nas últimas eleccións autonómicas. Polo que coido de interese debullar os textos que se apresentan para a súa aprobación, aínda que sexa moi brevemente, xa que serán o marco tanto de puntos de acordo como de debate co nacionalismo anticolonial nos vindeiros anos. 

O primeiro que chama a atención é que, no Documento Político, a referencia ao BNG, cando é directa, sexa anecdótica, descontextualizada e mesmo ofensiva tamén para os seus actuais aliados nacionalistas. Nomeadamente, afirma: “EU ten demostrado nestes anos que é unha forza con plena autonomía nas decisións políticas concernentes a Galicia, a propia concreción de Alternativa Galega de Esquerda é un exemplo palpable, pero do mesmo xeito temos manifestado a nosa defensa dese modelo de estado que empezamos a formular en IU a partir dos anos 90 mentres outros definían o problema nacional no estado español como un simple pacto entre estado central e as nacionalidades históricas. Compre voltar a ler coa luz do tempo a Declaración de Barcelona que en xullo de 1998 asinaban BNG, PNV, CiU e Coalición Canaria e ver como se obviaba o dereito de autodeterminación a cambio dun modelo de “pacto de estado” entre nacionalidades históricas e estado central para construír “un estado plurinacional, pluricultural e plurilingüe”. 

 "Na praxe desta organización, que é o que vale, nunca realizou divulgación ou campaña algunha polo dereito de autodeterminación de Galiza".

Esta tese referenda a práctica tradicional de Esquerda Unida sobre o dereito á soberanía, xa que destaca que dende 1998 asume o dereito de autodeterminación dos pobos e defende un modelo “federal, plurinacional, democrático e solidario”. Agora ben, na praxe desta organización, que é o que vale, nunca realizou divulgación ou campaña algunha polo dereito de autodeterminación de Galiza, e o federalismo foi, xunto coa defensa da Constitución española de 1978, a súa grande aposta, como todos e todas sabemos. Só nos últimos tempos comezaron a reivindicar a Terceira República. Como exemplo da pouca sinceridade en relación coa autodeterminación temos a postura de Cayo Lara, coordinador xeral de Izquierda Unida, que afirma que Cataluña “non pode decidir o seu futuro unilateralmente” (http://www.europapress.es, 24-01-2013). Ou sexa, que España débelles dar permiso. Por se non abondase, o ex-secretario xeral do PCE, Francisco Frutos, declaraba o seguinte: “a independencia de Cataluña en relación ao Estado español encerra, na miña opinión, un grave perigo para Cataluña e para España, polo cal chego á primeira conclusión: mellor non ensaialo” (http://franciscofrutos.blogspot.com.es). 

"O BNG, mesmo na etapa moderada de Beiras e Quintana, sempre estivo en actitudes iguais ou máis combativas que Esquerda Unida".

É paradoxal que utilicen o acordo de Barcelona entre o BNG, PNV e CiU, aínda tendo razón en parte do argumento, xa que este non era a vía correcta para a autodeterminación, dado que EU non é un exemplo precisamente, e ademais ese acordo tivo como principal valedor a X.M. Beiras, agora o seu aliado político, e daquela portavoz do BNG. Pódese consultar o tema nos xornais da época, ou en Wilkipedia na voz de Beiras onde se di: “No 1998 volve a renovar o cargo como voceiro nacional do BNG, así mesmo levou a un irmandamento do seu partido con outras forzas nacionalistas a través da Declaración de Barcelona. Isto tivo como consecuencia o pacto co PSdG nas municipais do 13 de xuño de 1999 para a repartición de alcaldías nalgúns concellos”. Tendo isto en consideración, as críticas débenas dirixir sobre todo ao interior de AGE. Semella máis grave apoiar un sindicato como CC.OO. con toda a súa historia de pactos sociais e desmobilización obreira, e votar a prol da integración na Unión Europea e seguir apoiando esta estrutura imperialista. Nos erros hai niveis, máxime cando daquela declaración pouco saíu na práctica, e foron moitas as votacións no Parlamento de Madrid nas que non houbo coincidencias nas posturas.O BNG, mesmo na etapa moderada de Beiras e Quintana, sempre estivo en actitudes iguais ou máis combativas que Esquerda Unida. Iso non quer dicir que no BNG non haxa cadros moderados e en Esquerda Unida dirixentes antisistema, como Sánchez Gordillo, do SAT de Andalucía. 

Unha e outra vez repite na súa Ponencia con teimosía que a súa proposta é a dun Estado federal en calquera consulta de autodeterminación. Lembremos que no federalismo o suxeito de soberanía é o Estado central, que cede certas competencias aos estados constitutivos da federación, que non terían capacidade de autodeterminación. Algo moi diferente é unha confederación, que ademais no texto se considera como unha opción distinta (polo que non hai confusión na definición), na que a soberanía reside en cada unha das nacións que integran o Estado, como por exemplo foi na URSS. Por certo Lenin, que se nomea no texto, abriu as portas á independencia e á confederación, garantindo a soberanía das nacións oprimidas polo Imperio Ruso (Polonia, Finlandia, etc.). Non condicionou este dereito á conquista do socialismo, que en todo caso EU tampouco propón, e non lle pode dar leccións ao nacionalismo galego de loita a prol das clases populares, e moi especialmente da clase obreira. Entón par alén da leria ¿en que se concretan os dereitos nacionais de Galiza para EU? Semella que en nada. Por un lado non fai campaña nen divulgación do dereito de autodeterminación, só o considera válido se está acordado co Estado español, e en caso de se facer un referendo a súa opción sería unha federación, ou sexa, que Galiza renuncie a ese dereito. 

"O dereito de autodeterminación, só o considera válido se está acordado co Estado español, e en caso de se facer un referendo a súa opción sería unha federación"

Esquerda Unida ataca unha e outra vez aos que piden unha Galiza con capacidade de decisión, ou sexa, o nacionalismo. Será por iso que non pide maiores competencias para a nosa nación, polo que resulta evidente que o actual Sistema Autonómico elles válido. Din que pedir máis competencias é incoherente nos que esixen a plena soberanía (como se as conquistas non fosen un proceso) porén ao mesmo tempo EU realiza está esixencia con toda normalidade cando se trata dos concellos, as relacións do Estado español e Europa, e as políticas económicas e sociais. En realidade só pode ser así, ben porque non considera esencial que o pobo galego sexa dono do seu destino, ou porque a chamada “rebelión democrática” e o “anticapitalismo” son puro fume, sen ningunha perspectiva de ruptura democrática, de avance ao socialismo, ou ambas cousas á vez.

Asegura Esquerda Unida de Galiza que é unha organización soberana, porén isto non se reflectiu nunca nas últimas décadas nunha liña política autónoma, para alén de manter tácticas propias para ampliar a súa incidencia, xa que sería moi mecanicista non facelo. Nas ponencias é inexistente unha análise autocentrada na nosa realidade; nada se di da nosa cultura e da lingua do país, algo que faría calquera que non sufrise unha tremenda alienación da súa contorna. Por este motivo, nos textos non se teñen en consideración as consecuencia da dependencia política sobre a economía, a sociedade, a cultura, e a identidade do país. O recuar económico, social e demográfico, semella xurdido da crise que nos atinxe a todos, non hai antecedentes, nen intercambio desigual, nen unhas clases dominantes foráneas que inciden sobre as condicións de vida en todos os aspectos (incuída a cultura) das clases populares e moi especialmente da clase traballadora. Mesmo dicir que “hoxe en Europa todo o poder político foi secuestrado polo poder económico” é unha interpretación de que antes non era así, ¿nalgún momento a alta burguesía non foi a clase dominante?... 

Daquela non se poden considerar titulares errados cando ao tratar o marco estatal da crise  encabeza o texto así: “por que a crise en España será máis longa, dura e duradeira que nas demais economías da UE”. Porén cando analiza a situación de Galiza faino co seguinte titular “a estratexia do capitalismo galego” facendo referencia a Zara, Pescanova, San José, Copasa. Quérese deformar a análise, como se o marco do Estado fose unha referencia de clase, e o ámbito galego un refuxio de intereses capitalistas autóctonos. Ren se di de que sectores estratéxicos como o crediticio, enerxético e das comunicacións están en mans de capitalismo foráneo, especialmente con sede en Madrid, e que o pouco “capitalismo autóctono” que aínda resta, que ten peso empresarial, está totalmente integrado no proxecto estatal. Acaban de inventar a burguesía nacional galega, porén facendo unha Asemblea “Nacional” non recoñecen unha clase obreira desta nación. Ignoran o proceso histórico, a conquista do país, e a súa colonización por Castela primeiro e o Reino de España despois.

"Ren se di de que sectores estratéxicos como o crediticio, enerxético e das comunicacións están en mans de capitalismo foráneo, especialmente con sede en Madrid"

Chama a atención que asumindo na Ponencia o anticapitalismo non se propoña unha nova regulación das condicións laborais, que dignifique o traballo e dea poder á clase traballadora no seo da empresa, ou a nacionalización da enerxía, telecomunicacións, grandes empresas e a gran distribución comercial, por poñer só algúns exemplos. Tampouco se cuestiona o euro e nen a Unión Europea como un proxecto do capital, crendo que son contextos dende os que construír o cambio malia a súa evolución e o papel que xoga como amortiguador da loita de clases. Ignoran ou canean intencionadamente a relación dialéctica entre a loita económica e social e a cuestión nacional no noso país e en todo o mundo, pasando por alto que a explotación está intimamente unida á opresión. E hoxe este último ámbito de confrontación está moi agudizado por mor da globalización, a depredación, e a loita pola hexemonía entre as grandes potencias. Persoalmente, esperaba despois da coalición de Anova con Esquerda Unida que esta forza avanzase nun achegamento á realidade nacional. Porén os relatorios amosan que non é así; fica todo en facer dunha palabra, autodeterminación, un adorno retórico sen ningunha consecuencia teórica e práctica.

http://manuelmera.blogaliza.org/