Opinión

Realidades inventadas....

Desde finais de 2008 estamos inmersos nunha profunda crise e está a ser moito máis que unha das crises cíclicas que segundo os manuais precisa o capitalismo para auto-reproducirse; na actual crise non falamos só de economía senón da desaparición dun sistema de relacións sociais vixente desde o fin da segunda guerra mundial. E a profundidade desta crise tamén provoca reaccións extrañas en moitas persoas.

Desde finais de 2008 estamos inmersos nunha profunda crise e está a ser moito máis que unha das crises cíclicas que segundo os manuais precisa o capitalismo para auto-reproducirse; na actual crise non falamos só de economía senón da desaparición dun sistema de relacións sociais vixente desde o fin da segunda guerra mundial. E a profundidade desta crise tamén provoca reaccións extrañas en moitas persoas.

Hai xa semanas por non dicir meses, que lle estou a dar voltas a algunhas desas reaccións que empezan a ser repetitivas, e non me refiro á sensación de derrota de quen está desempregad@, perdeu xa todo ingreso e non albisca saída nin ao medo a reivindicar de quen conta cun emprego precario; reaccións dese tipo son perfectamente entendíbeis.

As que me chaman a atención, e nalgúns casos déixanme verdadeiramente apampanado, son outras reaccións que se están a producir en persoas ás que en principio se o consideramos obxectivamente a crise non debería afectarlles de tal xeito.

"Hoxe o ministro de Xustiza do goberno de Mariano Rajoy non precisa caretas e amosa a súa verdadeira faciana de clásico representante da dereita reaccionaria e confesional".

Unha delas é o número importante de persoas que diante da proposta de reforma da lei do aborto manifestan o seu afliximento ao teren descuberto  que o Alberto Ruíz Gallardón alcalde moderno e esperanza dunha dereita civilizada era só unha realidade virtual que lle deu moi bos resultados no seu obxectivo de namorar a moita da chamada progresía, tapándolle os ollos coa súa “suposta” defensa de determinados  dereitos pouco compatíbeis coas tradicións da dereita e coa súa tamén “suposta” capacidade de diálogo. Pero iso era cando Gallardón facía política na Villa y Corte e precisaba vestir unha ropaxe que permitira marcar diferenza coa liña de Esperanza Aguirre. Hoxe o ministro de Xustiza do goberno de Mariano Rajoy non precisa caretas e amosa a súa verdadeira faciana de clásico representante da dereita reaccionaria e confesional. Está claro que a quen teña feito un seguemento da historia deste típico fillo da dereita o Gallardón facha non lle pode chamar a atención, lembremos ademais aquela frase atribuída ao seu pai, que foi dirixente da Alianza Popular na etapa de Fraga “Tenías que conocer a mi hijo Alberto, ese sí que es de derechas”.

Este exemplo amósanos como é posíbel facer uso dos medios que nos aporta a cultura da imaxe para crear unha realidade totalmente virtual que durante moitos anos mantén embobada a xente que se considera a si mesma capacitada para analisar a realidade e dificilmente recoñecerá que pode chegar a ser manipulada.

Outra reacción que me chama a atención vai aparentemente na liña contraria; conforme avanzaba o debate social ao respecto da coñecida como lei Wert fun comprobando como medraba unha ilusión ao respecto da existencia, por fin, da unidade dese ente etéreo coñecido como “toda a esquerda” para facer fronte á intromisión da Conferencia Episcopal no sistema educativo de man do goberno do PP. E síntoo moito, sei que o mantra da unidade en momentos de crise, e por tanto de necesidade de adoptar decisións,  axuda a calmar conciencias pero eu sempre que poida tentarei non axudar a erguer o espellismo das realidades inventadas.

Hai uns días o meu compañeiro Xavier Rodríguez advertía nas redes sociais: "Sendo o primeiro en considerar que unha ensinanza doctrinaria da relixión non ten cabida no ensino, e menos aínda ser avaliable - por tratarse dunha cuestión que pertence á esfera do privado- estame preocupando que todo o debate da LOMCE xire sobre a relixión e que nos empecemos a esquecer das graves consecuencias que tería para o ensino público ou para o concepto mesmo que temos da EDUCACIÓN como formación integral da persoa - non só de traballadores- e o seu papel para equilibrar as desigualdades. O da relixión -por reversible- é, como diría Caneda , "pataca menuda". Que non nos enganen." 

"A necesidade de crer na existencia dunha dereita civilizada e o desexo de unidade sen pensar en base a que se debe producir esa unidade son só dous exemplos de reaccións que observo ao meu redor".

Eu concordo co que dicía pois cada día podemos comprobar como determinados grupos comunicacionais e credores de opinión ligados ao PSOE centran case todos os seus dardos nesa cuestión á mantenta para deixar en nivel inferior a xeralización das subvencións ao ensino privado, a recentralización de competencias, a agresión aos idiomas propios de Galiza Catalunya e Euskadi, o modelo de dirección….., cuestións nas que hai poucas diferenzas no que defenden os dous partidos sistémicos do estado. 

A necesidade de crer na existencia dunha dereita civilizada e o desexo de unidade sen pensar en base a que se debe producir esa unidade son só dous exemplos de reaccións que observo ao meu redor. Reaccións que ao meu entender responden á necesidade de atopar algo real ou imaxinario ao que agarrarse diante da acelerada desaparición dun mundo no que moitas das persoas que experimentan esas reaccións gozaban dunha estabilidade e dun nivel de vida relativamente confortábel; persoas que en moitos casos non viviron procesos de reivindicación colectiva de dereitos, e consideraban que a historia só ía cara adiante non pasándoselles nunca pola mente a posibilidade dunha involución nas súas condicións de vida.

Comentarios