Opinión

Porque estamos deixando a nosa terra e o noso fogar, onde temos todo, para poder ter un traballo digno...

 Coa lectura desta frase calquera de nós poderiamos identificar unha realidade que vén  envolvérmonos de xeito cru e recorrente nos últimos tempos. Probabelmente pensemos en mozos e mozas en idade de traballar que están a sofrer o fenómeno da emigración. Mais cómpre dicir que esta frase foi pronunciada por unha alumna que participaba nun Club de Debate que podedes ver nesta ligazón http://www.ponte.tv/2013/02/a-favor-ou-en-contra/, unha alumna que aínda ten por diante probabelmente certo tempo antes de saír ao mercado laboral mais que albisca o seu futuro e o dos seus pares con inmensa preocupación.

O tema do que falaban era: Se o Estado debía garantir un posto de traballo para cada mozo ou moza. De feito, parece moi lóxico que a mocidade debata e se preocupe polo seu futuro, sobre todo cando confirmamos o bombardeo de novas coma esta: En Galicia un total de 70.300 mozos e mozas menores de 25 anos perderon o seu emprego desde o ano 2007. A verdade, é que estas novas están moi lonxe de se aproximar ao desexo que, con toda lexitimidade, expresan estes mozos e mozas. Se cadra poderiamos entrar aquí en contraste de cifras, análise e demais para afondar nestes desalentadores datos mais eu, interesada sempre polo que poidan achegarnos as persoas máis novas seguín desfrutando do visionado de algún outro dos vídeos destes debates. 
http://www.ponte.tv/2013/02/final-club-de-debate/
http://www.youtube.com/watch?v=5AwiAjSy_c8

E logo comecei a compensar a preocupación sobre o futuro laboral xeral na nosa terra pola forza de actividades como esta. Xa sei que non van reverter, nin moito menos, a situación da mocidade galega fronte ao emprego; mais dan certa esperanza polas ideas de reivindicación que destacan nelas ou pola aparación da lingua galega como lingua asociada a valores positivos. 

O certo é que nun contexto totalmente desfavorable tanto para a participación coma para o uso da lingua entre mozos e mozas, poderiamos afirmar que a identificación co galego aínda ten hoxe moita da súa forza primixenia e reivindicativa. Paréceme realmente relevante que unha moza ou un mozo identifiquen a idea de falar en público con mellorar o seu uso do galego na comunicación oral. Esta identificación pertence a un campo de asimilación de ideas nas que emparellamos o uso da lingua coa mellora persoal, o dominio das destrezas comunicativas coa vontade de participación e opinión. En definitiva, identificamos todo este tipo de acontecementos coa reivindicación xusta do que somos. 

A idea coa que quedas cando ves a participación destes mozos e mozas, da que tedes pola rede pequenas mostra, é a de que seguimos existindo porque temos unha identidade á que agarrármonos. E que esa mesma identidade fai moitas veces de motor par superármonos en diferentes campos. O feito de mellorar a comunicación oral en lingua galega posúe un alto valor simbólico, xa que asociaremos inconscientemente a participación activa coa nosa identidade. 

O interesante deste contexto é  que o discurso de superar retos ligados á lingua galega segue aparecendo como valor positivo de reivindicación e xustiza. Aínda nun contexto tan agresivo coa lingua como o actual observo, de xeito reconfortado, como estas iniciativas seguen funcionando e prendendo entre as persoas máis novas. Porque non queremos deixar a nosa terra: onde temos todo!

Parabéns rapaces e rapazas dos Clubs de Debate porque tedes moito que nos contar!

Comentarios