Opinión

Por unha minaría galega

“O sector mineiro galego caracteriza-se pola escasa transformación do produto e os reducidos valores engadidos da sua indústria”. Esta podería ser a frase común aos múltiples textos descritivos dun sector que podería ser estratéxico na nosa economía.

Vou-me permitir lembrar unha anécdota que me aconteceu en Namíbia en 2006. Atravesando o deserto por unha pistiña local encontramos un rapaz, de pouco menos de 20 anos, co seu esmendrellado coche sen combustíbel. Levaba alí 8 horas parado ao sol. Conducía cara unha mina de ouro perdida no medio do deserto, onde ía traballar de cociñeiro. Procuramos unha goma para facer o trasvase, mais foi imposíbel encontrar nada na nosa Toyota de aluguer. Deixamos-lle agua, fruta e comida variada para pasar outras 8 horas ao sol e marchamos, confiando nas suas palabras de que outro coche habería pasar pronto.

Un estado soberano como Namíbia conta con várias minas de ouro e metais. A sua rede de estradas vai mellorando. O goberno de Sam Nujoma, outrora xefe da SWAPO, non puido nacionalizar as empresas mineiras que espoliaban o seu território, mais logrou forzar acordos que permitiron ao país incrementar as suas rendas e paliar a desvertebración territorial, no camiño de rachar coa economía colonial das multinacionais mineiras.

"A minaría que coñecemos no noso país non se diferencia demasiado do modelo de Namibia"

A minaría que coñecemos no noso país non se diferencia demasiado do modelo dese país africano. O wolfram  explotou-se para ser transformado no exterior. A lousa ou pizarra sempre foi transformada aquí, faltaría máis que non desemos para iso. Porén, houbo que agardar máis de 40 anos para que unha louseira dese en fabricar a “thermoslate”, a placa de lousa para uso en enerxía solar. A minaría de zinc, chumbo, cobre ou estaño, podemos pór como exemplos as minas de Rubiais, Touro ou Penouta, sempre perseguiron o mesmo obxectivo: extracción do mineral por unha empresa foránea e transformación nun país extranxeiro, onde o produto elaborado deixa o maior valor engadido, ao ser logo exportado a, entre outros países, a própria Galiza. O famoso seixo ou cuarzo de Serrabal, o mellor filón do Pico Sagro, foi parar durante anos a Noruega e, despois, o vampiro Villar Mir levou-no para Ferroatlántica a facer aleacións metálicas de silício en bruto, unha primeira e burda transformación, de escaso valor engadido comparado coas grandes posibilidades dun produto tan valioso como o cuarzo de Serrabal. Qué dicir do ouro extraído polos romanos? Acaso ficou tamén no país, despois de centos de anos de escravitude e morte en Montefurado ou nas Médulas?

"As minas de Rubiais, Touro ou Penouta, sempre perseguiron o mesmo obxectivo: extracción do mineral por unha empresa foránea e transformación nun país extranxeiro, onde o produto elaborado deixa o maior valor engadido, ao ser exportado a, entre outros países, a propria Galiza"

Unha minaría auténticamente galega sería aquela que permitise a transformación do produto, através dunha indústria e unha tecnoloxía próprias, capaces de multiplicar o valor engadido do mineral, de criar postos de traballo e de contribuir á estruturación económica da nosa sociedade en clave nacional. Unha minaría que permitise tamén harmonizar a explotación do recurso coa conservación do entorno. Unha minaría lonxe do modelo Edgewater de Corcoesto ou dos novos proxectos de Penouta ou de Touro, remedos transparentes do modelo colonial espoliador. 

Establecer os estritos critérios de incidéncia e control ambiental e determinar os procesos extractivos admitidos en función dos primeiros. Acompañar cada proxecto con un plan estratéxico de transformación, ao cal se debería acoplar o pertinente plan de fomento I+D+I. Estas serían as bases do novo modelo para unha minaría auténticamente galega. Di-o un ecoloxista recalcitrante que é consciente que a oposición a esta nova vaga espoliadora non triunfará senon acompaña o seu argumentário cunha sólida análise proporcionada desde unha perspectiva de construción nacional.  

Sam Nujoma dixo en 1998 nun acto oficial: “Non debemos permitir que o Goberno de Namíbia e o seu pobo permanezan cegos ante o roubo dos seus recursos naturais… Verdadeiramente, chegou o tempo dos namíbios gozaren dos fruitos da sua independéncia, asegurando que os nosos recursos naturais son explotados dun xeito que beneficie o país e o seu pobo”. Pois traballemos para algún dia poder aplicar esta cita.

Comentarios