Opinión

Por unha lingua sen límite II

Por unha lingua sen límite 1991-2011semella ser certeiramente o título máis acaído para o novo capítulo que a política lingüística galega proxectou entre o 2006-2009.O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, a estrela debutante logo de máis de dous anos de preparación do papel, fixera a súa entrada nos fogares galegos, iso si, moi modestamente e sen apenas ruído.

Por unha lingua sen límite 1991-2011semella ser certeiramente o título máis acaído para o novo capítulo que a política lingüística galega proxectou entre o 2006-2009.

O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, a estrela debutante logo de máis de dous anos de preparación do papel, fixera a súa entrada nos fogares galegos, iso si, moi modestamente e sen apenas ruído.

Velaquí a posíbel solución ilusionante de onte convertida hoxe polo actual goberno da Xunta no problema ou, mellor dito, no documento fantasma que se presinte, sábese que está, que foi concibido polo partido de siglas comúns, mais o esforzo por arremedalo no túnel das tebras ignorantes medra canto maior é a teimosía por negar a súa célula nai, o galego.

Será, no entanto, ese Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega a cerna que xustificará o plano de accións desenvolvidas desde a Administración educativa no período 2006-2009. Un punto de inflexión marcado pola publicación dun novo marco legal educativo e mais por unha batería de medidas destinadas a favorecer tanto a implantación como a reorientación dos equipos, así como a dignificación do labor que viñan desenvolvendo.

O punto de partida para virar o rumbo co obxectivo explícito de reforzar o uso da lingua galega no ensino concretouse no Decreto 124/2007, literatura legal que supuxo un incremento cuantitativo e cualitativo das materias que se habían impartir en galego. Sen dúbida, estabamos a abrir a porta e saudar a esperanza cun regulamento ben distante daqueles fados intoxicadores que desde o principio pretenderon agoiralo con mentiras e falacias que unha sociedade ben formada e reforzada en autoestima nunca debeu ter atendido nin moito menos acreditado.

Este mesmo decreto incorporaba raios de luz osixenadora para aquelas persoas comprometidas ao longo de tantos anos na responsabilidade de coordinar o equipo do centro educativo. A mellora do status dos agora denominados Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, o recoñecemento para @ coordinador/a con dereitos administrativos e económicos, a elaboración de plans de formación que garantisen un coñecemento dos aspectos sociolingüísticos do idioma e unha competencia oral e escrita suficiente para comunicarse e para desenvolver a súa actividade profesional en galego; o recoñecemento da competencia lingüística en galego como elemento determinante para a mobilidade laboral; a implicación dos equipos directivos como responsábeis últimos dos plans de normalización dos centros educativos, así como a necesidade de elaborar un Proxecto Lingüístico de Centro axeitado ao contorno sociolingüístico, focalizaron o compromiso normalizador no ensino desde unha outra miraxe, repudiada, iso si, por pequenos sectores sociais con intereseira amplificación mediática, que só puido ter existido debido á escasa capacidade ou vontade (?) comunicadora transparente das persoas con responsabilidade política naquela altura que impediron un presente máis alentador.

Con todo, desde unha perspectiva consciente, argumentada pedagoxicamente e atenta ao PXNLG como páxina índice de traballo, o curso alto do río fluía vizoso. Podería sintetizarse o percurso na confluencia de sete afluentes vertebradores que hoxe aínda bolen emocionados na nosa memoria, coa intención de contribuírmos á reorientación do labor dos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, que axudase na superación das inercias estabelecidas e paliase a ausencia de tradición planificadora:

1. A formación específica para o profesorado, inspección educativa, equipos directivos e funcionari@s en prácticas.

2. A elaboración de materiais de planificación lingüística e de didáctica específica para a detección e abordaxe dos prexuízos lingüísticos.

3. A creación dunha rede técnica de apoio á normalización no sector educativo con incidencia no contorno sociolingüístico.

4. A reorientación e exposición pública dos criterios da convocatoria de axudas a proxectos de normalización nos centros escolares.

5. A aposta por elaborar unha convocatoria de accións para potenciar o ensino da lingua galega no segundo ciclo da educación infantil en contextos castelanfalantes.

6. A promoción dunha convocatoria de premios a proxectos de innovación en normalización lingüística.

7. A visualización e posta en valor de boas prácticas dinamizadoras que ao longo das dúas décadas ficaran arrombadas no almacén da memoria non sempre valoradora do centro.

Unha outra política lingüística era necesaria, agardada e tamén posíbel.

E chegamos á última parada da viaxe -parada no sentido máis literal- en que o prometido golpe de temón visceral, como moeda de cambio en campaña electoral, concretado desde marzo de 2009 polo actual goberno do PP mediante a implantación, sen diálogo nin consenso e contra a clamorosa maioría social, dunha agónica cadea de medidas despropositadamente lesivas e regresivas, marxinadoras para aquelas persoas que acreditamos, de verdade e a corazón aberto, sen mentiras, no desexo dun futuro vivido con plena garantía en galego.

O obxectivo de acción positiva morreu para alentar e facer medrar o desacreditamento e a anulación non só do traballo realizado nun tempo récord, con medios limitados e partindo de cero, senón tamén das persoas que o pensaron, soñaron e levaron a termo.

Nunca antes na nosa historia da democracia recente se tiña vivido semellante carga agresiva contra o idioma propio, asinada con carimbo de alto rango oficial, por parte de quen ten a obriga legal de o defender, protexer e promover como lingua minorizada que é no seu territorio. Porque nela habita a razón primera que xustifica a existencia dun goberno (cada vez menos) autónomo. O seu quefacer político débese á existencia dun idioma propio que glosa con capitulares a existencia desta nación diferenciada.

Lembrándoo, alto e claro, permanentemente, aí estaremos nós!

Comentarios