Opinión

Por que non saír da UE?

Calquera pode ollar que os países do sur e leste da Unión Europea non dan seguido o ritmo que se lle impón dende Bruxelas e aceptan submisamente. As dificultades son máis que evidentes nos primeiros, por pertencer á zona euro, e polo tanto carecer de soberanía sobre a moeda.


Calquera pode ollar que os países do sur e leste da Unión Europea non dan seguido o ritmo que se lle impón dende Bruxelas e aceptan submisamente. As dificultades son máis que evidentes nos primeiros, por pertencer á zona euro, e polo tanto carecer de soberanía sobre a moeda. As hipotéticas medidas para pagar débedas e saír da crise, só serviron para aumentar a recesión e a perda de emprego, baixar salarios e reducir as prestacións e servizos públicos esenciais. A situación parécese moito á que pasou a Arxentina hai pouco máis dunha década, afundindo unha gran parte da poboación na pobreza. Situación da que aínda hoxe non saíu totalmente, malia que se crease emprego e sexa unha das economías do mundo que máis medra.

Facer funcional toda a actividade económica para pagar as débedas exteriores (en gran medida de bancos e empresas privadas) está afundindo o consumo interno, destruíndo a pequena empresa, e alentando o paro e a precariedade laboral. E, o aumento das exportacións, sempre moi conxunturais, dado que todos aplican as mesmas políticas de retroceso social, non son quen de impulsar un crecemento sostido que permita saldar as débedas e recuperar o emprego. É un circulo vicioso, no que mediante a lei da selva dáselle novos folgos á centralización e concentración da riqueza.

Contra o que se pensa, esta é unha política planificada, moi meditada, funcional ás clases dominantes, para un escenario do capitalismo na súa etapa senil. Un capitalismo no que os principais nichos de beneficio están hoxe na especulación financeira, nas burbullas, na privatización da guerra e dos servizos esenciais; así como na actividade delictiva, nomeadamente droga, prostitución, tráfico de persoas, etc. A Unión Europea é un estrutura política que naceu para responder a esta necesidade do capital. Non é casualidade que xurdira como unha asociación dos sectores do aceiro e carbón, nen que en todo momento fosen centrais os temas económicos e se privilexiaran as grandes empresas. A xestación da UE é única, distinta á de calquera outra estrutura política no mundo.

As numerosas protestas sociais e o avance nos procesos electorais de diversos países das opcións que piden que, sen deixar de apertar co axuste fiscal, se abra un pouco a man, pode permitir unha certa recuperación da economía en Portugal, Grecia, o Estado Español, e outros países. Sería unha decisión positiva, mais non podemos esquecer que só permite gañar tempo xa que non soluciona os problemas de fondo. Sen racionalizar a abertura económica, a disputa global seguirá en ascenso e, ademais, agrava o irracional consumo de enerxía, a inseguridade alimentar, a destrución das áreas con producións limitadas, e acelera a destrución do ecosistema.

Claro que, supeditar a globalización ás necesidades nacionais e locais, facendo as economías sustentábeis e polo tanto autocentradas, frea o proceso de centralización e concentración da riqueza, ataca no corazón os intereses das clases dominantes, polo que unha mudanza deste tipo leva á confrontación. O problema é que xa non hai tempo nen espazo para as alternativas intermedias, como as que propoñen François Hollande e Syriza, porque a dinámica da globalización neoliberal é hexemónica, e con poucas posibilidades de sobrevivir se fai concesións, dado que a expansión faise hoxe mediante a depredación e a destrución.

Fago estas reflexións porque non penso que a Unión Europea poida dar reposta ás necesidades das maiorías sociais, nen sexa modificábel. É practicamente imposíbel cambiar a correlación de forzas neste marco político-xurídico. Non se trata de abandonar a utopía da unidade europea, e mesmo mundial, e de facer da solidariedade internacional unha bandeira fundamental, senón de dar os pasos que permitan mudar o escenario para construír unha correlación de forzas favorábel que permita avanzar na transformación da sociedade. Por exemplo, a saída da eurozona, malia os grandes problemas iniciais, permitiría recuperar a economía e daría máis capacidade de presión á loita social. Esta sería aínda maior coa saída do estado español da Unión Europea, xa que achegaría o poder real á xente, e daríalle a Galiza, como nación, maior capacidade de presión e negociación.

Pretender separar a moeda ou a estrutura da Unión Europea da súa funcionalidade política, é unha actitude idealista. Pensar que rachar con este marco imposto é unha utopía, amosa a hexemonía ideolóxica do capital na maioría da esquerda e mesmo en sectores do nacionalismo. Argumentar que é imposíbel saír da UE demostra a asunción da derrota, máxime cando hoxe é unha meta máis afastada conseguir un cambio radical da Unión Europea. En calquera caso, estamos nunha conxuntura, onde todos os escenarios están abertos, malia que vaian gañando as vellas clases dominantes. Sempre queda a alternativa de dous camiños para o cambio: ou unha Unión Europea radicalmente distinta ou, porque non, recuperar a vella idea das Irmandades da Fala, unha confederación de Estados Ibéricos.

Comentarios