Opinión

O que os xornais españois non contan de Venezuela

Hugo Chávez preséntase á reelección presidencial cun programa electoral que contempla diversos obxectivos para o período 2013-2019. Para alcanzar estes obxectivos, propón unha batería de propostas concretas.

Hugo Chávez preséntase á reelección presidencial cun programa electoral que contempla diversos obxectivos para o período 2013-2019. Para alcanzar estes obxectivos, propón unha batería de propostas concretas.


Con todo, a audiencia dos medios de comunicación de masas internacionais e moi especialmente os do Estado español, co País e ABC á cabeza, non poderá acceder a esta información, simplemente porque eses medios a ocultan. Os artigos na prensa internacional e española referidos á contenda electoral venezolana céntranse na suposta e nunca probada ausencia de democracia no país, en complots chavistas para manterse no poder pola forza ou na vida sexual do actual presidente, facéndose eco dunha rumoroloxía nunca contrastada e vulnerando así as mínimas normas deontolóxicas do xornalismo, tanto na confirmación das fontes como na selección de temas segundo o seu interese social.

O mesmo ocorre nos medios de comunicación venezolanos, o 85% dos cales está en mans da oposición. O desequilibrio na propiedade dos medios e o ton absolutamente belixerante da prensa da dereita refutan calquera acusación de falta de liberdade de expresión en Venezuela. Algúns dos seus artigos ou imaxes sobre o xefe de Estado por exemplo, a publicada pola revista Tal cal, na que Chávez aparece caracterizado como un porco- serían prohibidas no Estado español e os seus autores xulgados e condenados, como xa ocorreu con informacións ou sátiras sobre o rei.

Os lectores non atoparán nas páxinas do seu xornal información sobre a proposta electoral de intensificar a explotación das reservas de cru do Orinoco, as maiores reservas de petróleo probadas do mundo, con máis dun millón de millóns de barrís- co obxectivo de alcanzar en 2019 unha produción de seis millóns de barrís diarios.

A radio tampouco falará do obxectivo de chegar en 2019 aos tres millóns de vivendas públicas subsidiadas e de baixo custo, diminuíndo o prezo canto menor é a capacidade económica da familia beneficiaria ata chegar á gratuidade para os estratos máis vulnerables. Ningún tertuliano explicará que entre 2011 e 2012 se edificaron 250.000 vivendas públicas e hai 450.000 máis en construción.

Non haberá reportaxes audiovisuais para mostrar como Venezuela pasou de loitar por erradicar o analfabetismo -en 2005 foi declarada por Nacións Unidas Territorio Libre de Analfabetismo- a ser o quinto país do mundo en taxa de matriculación universitaria e o segundo de Latinoamérica tras Cuba. Non informarán sobre o proxecto de abrir novas universidades que se sumarían ás 22 creadas nos últimos 14 anos e de facilitar o intercambio de estudantes cos países do Mercosur.

Os columnistas non analizarán a proposta de construción de 16 centros sanitarios -entre eles, 8 hospitais- nin os plans para estender a atención especializada a toda a poboación, con independencia do seu lugar de residencia ou capacidade económica.

As revistas especializadas non se farán eco da intención de incrementar a superficie de cultivos de regadío nun 200% nin de aumentar a produción de alimentos nun 45%, ata chegar aos 42 millóns de toneladas ao ano.

Non hai ningún economista nos grandes medios de comunicación de masas que salga a explicar os datos macroeconómicos do país: un 5,6% de crecemento do PIB no primeiro semestre do ano, encadeando sete subidas consecutivas; un descenso do desemprego ata o 7,9%, o que supón unha diminución de case o 50% desde 1998, cando Hugo Chávez chegou ao poder; por primeira vez, a inflación interanual sitúase por baixo dos 20 puntos? Xa que logo, non haberá expertos que fagan inteligible ao gran público a situación económica da que parte Venezuela para poder facer realidade as propostas electorais.

Tampouco se realizarán entrevistas a politólogos para que expliquen os cinco grandes obxectivos xenerais para o período 2013-2019: independencia nacional, con especial énfase na soberanía sobre os recursos e a soberanía alimentaria; profundización no proceso socialista; converter a Venezuela nun país potencia no social, o económico e o político integrada na potencia emerxente de Latinoamérica; contribución a unha nova geopolítica multipolar enfocada ao equilibrio e a paz, e, para rematar, unha política orientada á preservación do medio ambiente e a unha relación harmónica entre o ser humano e a súa contorna.

O deber dos medios de comunicación que cobren as eleccións venezolanas é informar sobre os programas electorais, tanto de Hugo Chávez como do candidato opositor, Henrique Capriles. Os seus xornalistas e analistas de opinión teñen a obrigación de explicar á audiencia os seus contidos, con argumentos razoados e comprensibles. Despois, estas propostas poderán ser apoiadas ou non por cada persoa, pensar que son máis ou menos cribles, cualificalas como obxectivos plausibles ou ben mercadería política. E, no caso da audiencia venezolana, orientar o seu voto en función dunha información certa, plural e argumentada.

Ao ocultar sistematicamente as propostas electorais de Hugo Chávez -as do candidato opositor teñen unha considerable cobertura- os medios de comunicación de masas vulneran o Dereito á Información da cidadanía. É necesario recalcar unha e outra vez que o Dereito á Información está recollido na Declaración Universal dos Dereitos Humanos. rompe así o consenso fraguado durante séculos entre a cidadanía e unha prensa que debía fornecerlle información veraz ante a imposibilidade de cada persoa de solicitar información en todos os ámbitos por si mesma.

Por iso, as enquisas indican que os medios de comunicación son un dos grandes problemas do Estado español.

Alejandro Fierro é xornalista do Estado español e colaborador da Fundación CEPS