Opinión

O negocio do salvamento

É certo, son malos tempos para a Lírica, mais non vos vou falar de poesía senón de algún dos moitos recortes que andamos a sufrir as xentes do mar e que van dos máis liviáns, poño por caso a supresión de publicación das táboas de mareas por parte da consellería do mar da Xunta de Galiza, aos máis graves que teñen a ver co salvamento e a vida das persoas.

É certo, son malos tempos para a Lírica, mais non vos vou falar de poesía senón de algún dos moitos recortes que andamos a sufrir as xentes do mar e que van dos máis liviáns, poño por caso a supresión de publicación das táboas de mareas por parte da consellería do mar da Xunta de Galiza, aos máis graves que teñen a ver co salvamento e a vida das persoas.

De certo, o tema das táboas de mareas sería anecdótico de non ser pola necesaria unificación de criterios á hora de irmos traballar ao devalo. Pouco despois de ter denunciado a inexistencia das táboas, persoal dos gardapescas de Galiza identificaban dúas compañeiras e acusábanas de se dirixiren aos bancos percebeiros antes de tempo, cando de certo facíano case unha hora tarde por mor do mal tempo.

Nestes días unha moción apresentada polo BNG anda a percorrer as casas dos concellos ribeiráns EN DEFENSA DO SERVIZO DE SALVAMENTO MARÍTIMO DA XUNTA DE GALIZA E DOS SEGUROS POR MAL TEMPO OU ACCIDENTES NO MAR. Na exposición de motivos que a sustenta asegúrase que o sector pesqueiro galego é o que padece maior taxa de sinistralidade, pois supoñendo apenas o 50% do estado sofre o 80% de sinistralidade mortal por afogamento ou hipotermia. As dúas traxedias que vimos de sufrir ultimamente -a percebeira de Oia en decembro e o tripulante do "Regino Jesús" en novembro- non fan máis que confirmar o que en realidade puido ser ben peor -rescate en Muxía e cantos máis... Faise fincapé no feito de agora cobrar (decreto 130/2012) , e ben, as actuacións de salvamento; Eliminación do "Seguro Colectivo de Accidentes no Mar"; Venda á empresa INAER dos helicópteros "Pesca I" e "Pesca II" pola metade do prezo de custo; Matriculación nas Illlas Canarias (2º rexistro) de dous buques de Salvamento (coa conseguinte desregularización das tripulacións); Eliminación do buque de apoio á asistencia sanitaria na campaña do bonito no Atlántico (co paradoxo de que se mantén o do Mediterráneo) e supresión do "Seguro de mal tempo", voluntario, pero que boa parte da frota e dos mariscadores tiñan contratado. E propoñen o acordo de instar á xunta de Galiza a derogar o decreto; rescatar a venda dos helicópteros; recuperar ambos seguros e garantir o envío do buque, así como trasladar o acordo ao Parlamento, Grupos Parlamentares e ás entidades do sector.

"O sector pesqueiro galego é o que padece maior taxa de sinistralidade, pois supoñendo apenas o 50% do estado sofre o 80% de sinistralidade mortal"

Non sabemos como lle irán ás mocións nos diferentes Concellos, pero si en Malpica, onde o Alcalde -despois de asinar o prego -O SALVAMENTO NON PODE SER UN NEGOCIO PRIVADO- na campaña de recollida de sinaturas que acompañou as mocións, botouna abaixo sen miramentos.

Os datos non deixan lugar as dúbidas:

A Xunta compra en 2005 os helicópteros PESCA I e PESCA II por 27 millóns de € para despois vendelos á empresa INAER por 13,5 millóns. Por certo, a mesma empresa que xestiona tarde, mal e a rastro o HELIMER 210 con base na Coruña. Haberá sobres? Ou temos primos?

A venda realízase coa desculpa de aforrar, porén o orzamento do Servizo de Gardacostas de Galiza pasa de 12,7 millóns de euros consignados en 2012 a 16,5 millóns no presente exercicio, malia a mingua evidente que constatamos todos os días.

As tarifas estipuladas para o SALVAMENTO por HORA son as que a seguir se sinalan: 2200 € por helicóptero + 37 €/tripulante (4). De precisar unha embarcación, por exemplo a PAIO GÓMEZ CHARIÑO, outros 2200€ + 37€/tripulante (10).

O "Seguro Colectivo de Accidentes do Mar" tiña un custo de 800.000 € anuais e cubría a todas as persoas implicadas no sector, co cal os accidentados graves ou as súas familias -en caso de morte- terían dereito a indemnizacións, gastos de enterro, bolsas para os fillos até os 18 anos, etc...

Quen puidera cantar co noso poeta "Disserom-m'oj', ai amiga, que nom/é meu amig'almirante do mar/e meu coraçom ja pode folgar/e dormir ja, e por esta razom/o que do mar meu amigo sacou/saque-o Deus de coitas qu(e) afogou."