Opinión

O importante é ser eu mesma

Gustaríame vivir nun mundo en que homes e mulleres vivisen en igualdade. Onde todos e todas convivamos desenvolvéndonos, medrando, compartindo [email protected] é raro que abra o xornal e non atope novas de mulleres mortas, vítimas da violencia machista. Iso faime sentir moi triste. Teño a sensación de vivir nun mundo inxusto, hostil, un mundo onde non podo estar cómoda.

Gustaríame vivir nun mundo en que homes e mulleres vivisen en igualdade. Onde todos e todas convivamos desenvolvéndonos, medrando, compartindo xunt@s.

Pero é raro que abra o xornal e non atope novas de mulleres mortas, vítimas da violencia machista. Iso faime sentir moi triste. Teño a sensación de vivir nun mundo inxusto, hostil, un mundo onde non podo estar cómoda. E non é só esa violencia tan terrible, tamén está a violencia en pequenas doses nas moitas agresións de cada día. Eu síntome agredida cando vexo certas pintadas con mensaxes machistas ou cando escoito ao gracioso da clase contando os típicos chistes facendo a risa da nosa intelixencia ou dicindo que só servimos para limpar.

O que máis me doe é que o machismo non só o espallan os homes senón que tamén o fan as propias mulleres. Eu entro normalmente nas redes sociais e vexo rapazas que lles escriben aos seus mozos comentarios do estilo: “Tu eres y serás siempre lo primero, lo único, en mi vida”. Que teñen na cabeza as mulleres que están dispostas a deixar de lado os estudos, as súas afeccións ou o que é para min valiosísimo, as amigas? E todo porque quedaron co seu “príncipe azul”.

É triste ver como nos ensinan dende a nosa infancia e sobre todo na adolescencia que o noso obxectivo primeiro na vida debe ser ter un mozo e que debemos estar sempre ao seu carón. É triste sentir as limitacións, as inseguridades á hora de decidir o que queremos estudar, o que queremos ser. Por que as mulleres non desexamos ser futbolistas, fontaneiras, mecánicas? Por que si que hai mulleres que desexan ser limpadoras, enfermeiras, secretarias? Por que as mulleres non somos, ou temos tan poucas posibilidades, de ser presidentas? Por que hai mulleres que pensan que ser modelos, delgadas, altas e guapas é o máximo ao que podemos aspirar? Por que non hai sitio para nós en tantos lugares? Como pode haber mulleres que din que non son feministas? Por que nós non nos facemos valer?

Por outra parte, e sendo xa máis optimista, tamén é de xustiza recoñecer que hai moitos homes que tamén se entristecen coa violencia machista, moitos homes que tamén desexan coma min un mundo para vivirmos en igualdade. Teño a sorte de coñecer uns cantos.

Hai unha frase moi popular entre as mulleres que di que todos os homes son iguais. Teño que confesar que eu tamén a usei nalgunha ocasión. Hai xa un tempo que decidín deixar de facelo. Non todos os homes son iguais, hai cantidade de homes que si defenden os nosos dereitos, que si queren un mundo máis xusto. Eses, e non os “príncipes azuis” son os homes que me interesan.

Todas e todos facemos falta na loita para crear un mundo novo. Oxalá que algún día poidamos chegar ao lugar que soñamos, e que os soños das mulleres vaian máis alá, moito máis alá de sacrificar a vida por un suposto “amor”, ou de ser modelos de físico perfecto. Como di unha mensaxe que vin hai uns días pola rede: muller bonita é a que loita.

Comentarios