Opinión

O factor número 12

Canto a números, o equipo coruñés segue precisando tres goles para pechar un partido con éxito, pero agora semella que o Depor sí pode.

Tres vitorias consecutivas e dar un chimpo na táboa clasificatoria foron todo un. A só un punto da alta médica e a piques de poder lograr ademais ese novo concepto inventado por Xosé Mourinho, a alta competitiva. Si, digo ben. Alta competitiva. Un equipo que está nos tres últimos postos da clasificación é un equipo que merece que o baixen de categoría e que marche, como castigo, cara á Segunda División. Estar por riba desa liña vermella é ter licenza para xogar entre a elite  e manter o pulso económico, a vida. Xa que logo, alta competitiva non é simplemente saír a xogar ó fútbol é tamén xogar cun obxectivo e logralo: manterse outro ano na Liga e ter con que é unha misión tan complicada como ser campión de Liga.
O Depor non sabía a que xogaba durante 25 xornadas e agora si. O Depor era un equipo incompetente e agora si o é. O Depor era un equipo que tropezaba sempre coa mesma pedra e agora aprendeu a erguerse se cae. O Deportivo era un saco de mallar nel e agora é un equipo serio, que pensa, que rexeita os golpes e sabe golpear cando é preciso.

Faltaba a materia gris, o cerebro. E veu Fernando Vázquez para darlle ao Deportivo o que lle faltaba.

O cadro herculino xa non é unha escopeta de feira. Os xogadores branco e azuis xa non son o faime rir da Primeira División cada domingo. Os que se enfundan a branca e azul cada fin de semana xa non son un equipo de mentira, impotente, inoperativo. O cadro deportivista deixou de ser unha estafa para o público, o único que deu a talla toda a tempada. Agora, os que parecían un fato de peleles que corrían de curto detrás dun balón teñen algo máis que corazón, pernas e pulmón.
Faltaba a materia gris, o cerebro. E veu Fernando Vázquez para darlle ó Deportivo o que lle faltaba. E aportou o factor 12. O xe da ecuación recolle a componente emocional, a espiritual e a alma dun equipo. Para gañar en estado de ansiedade e urxencia, ademais, hai que recobrar a confianza. A emoción chega onde non o fan os conceptos tácticos, que abofé son decididamente necesarios. O espiritual está ligado coa fe e para alcanzala hai que crer, sen crenza non hai nada. A alma é o sentimento, que representan 25.000 fieis seareiros.

    Son a a afección campioa da LIga en fe, sentimento e emoción

Quen ten interiorizados os elementos do factor 12 é a súa enorme afección. Fernando Vázquez conectou o equipo coa bancada para demostrar que o fútbol non é só táctico. Tamén é un estado de ánimo. Por iso, os afeccionados merecen un monumento na praza das conquistas herculinas, en Catro Camiños, porque son a afección campioa da Liga en fe, sentimento e emoción. Son os que nunca deixaron de crer. Un público que dou toda a tempada, e segue a dar sinais de entregarse incondicionalmente aos seus xogadores. Pero os futbolistas desde o céspede respondían a esa fe poñéndose de costas. Oltra e Domingos, teimudos, demostraron estaren igualmente incapacitados ademais de estar xordos. Pero Fernando Vázquez entrou cos ouvidos e os ollos ben abertos e mudou os conceptos. Colleu un peso morto e insufloulle vida. Colleu unha misión imposible e púxelle un horizonte. Sacudiu un pelexo e inoculoulle un lema: si se pode.
O Deportivo xa leva tres vitorias das oito que marcou Fernando Vázquez desque collera o leme desta nave sen goberno.
Hai vida. Hai esperanza. Próximo obxectivo: Levante.

Comentarios