Opinión

O caso Bárcenas xa é o caso Rajoy

Vaise estreitando o cerco sobre a actual cúpula directiva do Partido Popular.

Vaise estreitando o cerco sobre a actual cúpula directiva do Partido Popular. O caso Bárcenas comeza a tomar a forma de caso Rajoy. Era evidente, para calquer observador minimamente asisado, que esta historia non é só a historia dun espelido que se aproveita de que varios millóns de euros pasan por diante dos seus fociños. Aquí hai algo máis. Aquí hai unha trama de financiamento irregular do partido que actualmente detenta os gobernos do Estado e da Galiza.

O financiamento irregular resultou tamén en enriquecemento da cúpula dirixente do PP, e até de parte da asalariada. Sobresoldos cuantiosísimos foron parar durante, no mínimo, dúas décadas aos petos de Fraga primeiro, Aznar despois e logo Rajoy, no período 1990-2011. Aos petos deles e dos seus aparatos, unha fontanería retribuída a prezo de altos executivos bancarios.

A cuestión central agora é que Rajoy terá de esclarecer se declarou ou non eses 1,5 millóns de euros a Facenda

De acordo coa acusación particular no caso Bárcenas, os executivos do PP embolsaron a astronómica cantidade de 23 millóns de euros (case 4.000 millóns das antigas pesetas!!) durante esas dúas décadas de ouro. E quen foi o dirixente que levou a parte do león? Mariano Rajoy, cuxas percepcións extras -alén dos salarios formais- ascenderon a 1,5 millóns de euros.

Cumpre lembrar a este respecto que Bárcenas non é un personaxe estraño nin colateral á biografía política de Rajoy. Foi xerente do partido durante o período en que o político de Pontevedra ocupou o número 2 da formación  conservadora, cando Aznar era o chefe de máquinas da dereita española. E o seu ascenso na cúpula -de xerente a tesoureiro nacional- levou precisamente a sinatura de Rajoy, xa este convertido en presidente e líder do partido.

A cuestión central agora é que Rajoy terá de esclarecer se declarou ou non eses 1,5 millóns de euros a Facenda. Con independencia das consecuencias de orde xudicial que se puideren tirar deste asunto, o relevante en termos políticos é sabermos se o presidente do goberno español defraudou ou non ao fisco. De se confirmar que así foi, prescribise ou non a irregularidade en termos tributarios, estaríamos perante unha circunstancia que, do punto de vista da presentabilidade ética e política, inhabilitaría a Rajoy para continuar na Moncloa.

Ítem máis: o PP debe unha explicación á sociedade. En todo financiamento corrupto, hai un corrupto e un corruptor. Aquí aparece en escena o empresariado inmobiliario español. Que obtivo este en troca de financiar o PP? Está claro: a barra libre coa que durante os '90 e a primeira parte dos anos cero puido ir engordando a burbulla inmobiliaria cuxo estourido nos trouxo a durísima crise antisocial que agora atravesamos.

Comentarios