Opinión

O adeus dun papa continuísta

  O papa Bieito XVI acaba de anunciar que renunciará ao seu pontificado o próximo día 28. Unha noticia fulminante que, posiblemente, sabían moi poucos. Segundo a axencia italiana que deu a noticia, logo confirmada por outras axencias e polo mesmo Vaticano, o anuncio fíxoo o mesmo Papa na canonización dun numeroso grupo de mártires italianos.

O papa Bieito XVI acaba de anunciar que renunciará ao seu pontificado o próximo día 28. Unha noticia fulminante que, posiblemente, sabían moi poucos. Segundo a axencia italiana que deu a noticia, logo confirmada por outras axencias e polo mesmo Vaticano, o anuncio fíxoo o mesmo Papa na canonización dun numeroso grupo de mártires italianos. Aínda que el mesmo anunciara hai dous anos esa posibilidade: “Cando un Papa alcanza a clara conciencia de non estar ben física e espiritualmente para levar adiante o encargo confiado, ten dereito e, en algunhas circunstancias tamén o deber de dimitir”. E, de certo, os rumores da dimisión fixéranse máis insistentes desde hai meses co escándalo do chamada “Vatileaks”, a fuga de documentos privados que puxeron en evidencia as loitas de poder no Vaticano; o mesmo papa seica comentara daquela que sentía que xa non contaba con apoios de abondo, que non tiña forzas para seguir no cárrego, e falouse de que mesmo temía pola súa vida.

Bieito XVI explicou agora no seu anuncio de dimisión que a decisión fora “moi meditada” e que a tomara “polo el ben da Igrexa”, pois xa non ten forzas de abondo para seguir no cargo. Unha postura ben distinta da do seu predecesor, Xoán Paulo II, que non cedeu nunca ao clamor para que dimitira debido ao seu estado de saúde; eatado que acabou inutilizándoo case completamente e converteu a súa negativa nun verdadeiro escándalo. Como é sabido, o papa alemán Joseph Ratzinger, nacido o 16 de abril de 1927, foi elixido Papa o 19 de abril de 2005, despois da morte de Xoán Paulo II.

Certamente, o anuncio da dimisión do papa Bieito XVI, non é habitual e apeas ten precedentes na historia; pero non foi o único; aínda que si nos tempos modernos. Especulan os historiadores coa noticia de que na Segunda Guerra Mundial, Pío XII elaborara un documento, asegurando que se el era secuestrado polos nazis, considerábase que renunciara e debía elixirse un sucesor. Pero o último caso dun Papa renunciante remóntase a máis de cinco séculos: o papa Gregorio XII, que reinou entre 1406 e 1415, e fíxoo para por fin ao chamado “Cisma de Occidente”; momento único na Historia da Igrexa no que chegou a haber tres papas que se reivindicaban como tais: o papa romano Gregorio XII, o papa de Aviñón Bieito XIII e o antipapa Xoán XXIII. Pero o caso máis coñecido na Historia da Igrexa é o de Celestino V en 1294; apeas cinco meses despois da súa elección, publicou un decreto declarando solemnemente que estaba permitido que un Papa dimitirá, e fíxoo inmediatamente. Era un monxe, e despois da dimisión retirouse a vivir como un eremita; máis tarde foi declarado santo.

Coido que é unha boa noticia que un papa dimita, cando xa non se sinte con forzas para seguir; e coido que é boa cousa que este decidira facelo. Cumpren grandes reformas neste momento na Igrexa católica que este papa non se atreveu a afrontar, e que o próximo debe facelo con urxencia; sobre todo de cara a unha meirande democratización –ou “koinonía” na linguaxe teolóxica e eclesiástica- e respecto da concepción do clero: que se acabe co escalafón eclesiástico-clerical que impide a os leigos ter responsabilidades altas na Igrexa, que os curas poidan casar, que as mulleres poidan acceder ao sacerdocio, etc.

O que non estou moi seguro é que o novo papa sexa máis aberto e avanzado ca este. E o Espírito Santo non terá a culpa... senón as loitas de poder que se movan no cónclave que elixa o novo papa; loitas ben coñecidas desde hai séculos.

Comentarios