Opinión

Nova política

É necesaria unha nova política? Se por nova política, entendemos aquela que signifique máis participación social e, nas condicións da Galiza, maior consciencia social da nación que somos, desde logo que si.

É necesaria unha nova política? Se por nova política, entendemos aquela que signifique máis participación social e, nas condicións da Galiza, maior consciencia social da nación que somos, desde logo que si. Hai momentos en que a historia se acelera e, de súpeto,  dá a impresión de que todo está en cuestión, ou pode estalo. É moi probábel que esteamos nun deses momentos e é seguro que os movementos socio-políticos transformadores non poden ficar alleos a iso.

Vaiamos ao concreto. O BNG anuncia asembleas abertas á participación social co propósito de afortalar o que cualifica como "polo nacionalista de esquerdas". É un propósito moi loábel. Non é concebíbel un proceso de autodeterminación na Galiza sen o concurso das maiorías sociais, e nese sentido o nacionalismo ten necesariamente de revisar rotinas de funcionamento, abeirar os vicios de burocratismo que axexan a todo colectivo humano cando ultrapasado certo grao de complexidade organizativa e ensaiar novas fórmulas de participación. A chave está en envolver máis xente, se o quixermos dicer na fraseoloxía posmoderna, ou pobo, se mantemos a terminoloxía clásica.

É necesaria unha nova política. Unha nova política autocentrada no país, coral, o máis plural posíbel. Unha política que abra a polis á máis ampla participación social, para un debate sen cancelas, até ousado

Na entrevista que publicamos neste número 103 de Sermos Galiza con Josu Juaristi, o eurodeputado de Os Pobos Deciden sitúa a explicación básica do suceso do independentismo en Catalunya no impulso social, un impulso de abaixo arriba, que findou por levar por diante a inercia acomodaticia de Convergència i Unió. Hai impulso social abondo na Galiza? Obxectivamente, si hai enerxía e vese na capacidade mobilizadora do País, sen dúbida maior do que a que se pode verificar no resto da Península. O asunto está en que esa enerxía, ese impulso, se exprese politicamente en chave de País. Ese é o desafío que ten perante si, aquí e agora, o nacionalismo galego. Ese é o desafío que debe encher de sentido as asembleas abertas que propón o BNG.

En definitiva, si é necesaria unha nova política. Unha nova política autocentrada no país, coral, o máis plural posíbel. Unha política que abra a polis á máis ampla participación social, para un debate sen cancelas, até ousado. Un debate que cuestione o pensamento único neoliberal e español. Un debate sen estación termo predefinida e cuxo ponto de partida sexa que aquí, na Galiza, só hai e só pode haber un soberano, o pobo galego.

Comentarios