Opinión

Non somos ratos de Hamelin

Nos últimos tempos estamos vendo como -de cara a conseguir a total submisión social- se manipulan as estruturas lingüísticas e de pensamento mediante fórmulas que van moito máis alá do que nunca foran. Exemplos abondo se teñen referido.

Nos últimos tempos estamos vendo como -de cara a conseguir a total submisión social- se manipulan as estruturas lingüísticas e de pensamento mediante fórmulas que van moito máis alá do que nunca foran. Exemplos abondo se teñen referido.

Esta mesma semana a presidenta de Madrid, con plena consciencia do que dicía, soltaba iso de que os políticos deberían desaparecer, “yo la primera”, co propósito de xustificar a súa nefasta xestión (a súa, a do concello de Madrid, a de Rato e, en xeral, a de todos os que, nun ou noutro posto de responsabilidade conciben a política e a xestión pública como se fosen frautistas de Hameln a levaren detrás unha manda de ratos) e seguía empeñada en falar de “clase política” en sentido pexorativo, avanzando un chanzo máis nesa carreira de desprestixio de todo o relacionado co público e coa actividade política que tanto a caracteriza e tanto a aproxima con reximes de triste lembranza.

Perante estas actuacións, e outras similares, non abonda con reflexionarmos e abrazarmos a bandeira da resignación e o sacrificio á espera dunha compensación -como propón a vicepresidenta do goberno do estado- que non chegará. É preciso actuarmos pois a realidade podemos mudala sen que por iso deixe ela de ser realidade.

Estamos habituados a deixármonos guiar por irresponsábeis que nos aproximan aos barrancos do medo para a continuación exerceren de salvadores. Estamos afeitos a escoitar que a “clase política” debería desaparecer, que todos son iguais, que o importante é procurar o ben individual e observamos tranquilamente a demagoxia como mal necesario.

Mesmo podemos compracérmonos e consolármonos pensando que isto non vai con nós.

Mais non é así e non podemos caer nesa trampa, porque non existe tal “clase política”.

Existen persoas que traballan no ámbito público, político se quixermos, e que proceden dunha ou doutra clase social. Existen persoas que traballan no ámbito público que non dubidan en defender os intereses das oligarquías, do capital, dos monopolios sen lles importar actuar desa maneira contra os intereses das maiorías sociais. Existen persoas que traballan no ámbito público e que non dubidan en sacrificar os dereitos das persoas para satisfaceren a voracidade dos “mercados” e, de paso a súa autoestima e, quen sabe, algo máis.

Todo iso é certo.

Mais tamén é verdade que hai outras persoas que traballan no ámbito público -e na Galiza son ben coñecidas, tanto elas como as siglas a que se adscriben, quer no ámbito político, quer no sindical, quer no veciñal, asociativo, etc -que traballan para frearen ou minimizaren o “programa de reformas” con que os executores das políticas neoliberais nos obsequian; persoas que defenden a democracia, os intereses das maiorías sociais, nunha palabra, a xustiza social. Persoas -e siglas- que traballan pola soberanía nacional con propostas concretas e factíbeis; persoas e siglas que traballan por unha economía ao servizo das persoas. E estas nada teñen a ver coas anteriores, de aí que non podan ser rexistradas baixo a etiqueta de “clase política”.

Todos os procesos de manipulación referidos van continuar e, posibelmente, incrementárense. De nós depende deixármonos enganar, deixármonos convencer. Podemos aceptar sermos ratos que camiñan cara a destrución guiados por doces melodías tocadas polo cazador de ratas ou sermos persoas con dereitos e deberes que esixen responsabilidades a tanto frautista que nos derradeiros tempos nos brinda o sistema.

De nós e só de nós depende.

Comentarios