Opinión

Nin seguranza nin liberdade

Os Estados europeos están a aproveitar a consternación social producida polos atentados de París para modificar aínda máis á baixa as lexislacións en materia de dereitos civís.

Os Estados europeos están a aproveitar a consternación social producida polos atentados de París para modificar aínda máis á baixa as lexislacións en materia de dereitos civís. A doutrina oficial é a de que para garantir a seguranza hai que facer determinadas concesións no campo das liberdades, mais ese é un dilema falso e a experiencia demostra, desde a Patriot Act de Bush, que os estados de excepción, lonxe de incrementar a seguranza, o único que fan é espallar o terrorismo de Estado, en todas as súas formas, desde a tortura (Guantánamo) até as execucións extraxudiciais (Ben Laden, e non só Ben Laden, a intervención das forzas de elite francesas contra os asaltantes do Charlie Hebdo e da tenda kosher tamén foi unha execución extraxudicial).

Vivimos momentos extraordinariamente convulsos e perigosos para as moi fráxeis liberdades públicas que conquistamos após longas décadas de loita (si, non foron produto de dádivas vindas de arriba, a democracia non a trouxeron os Borbóns en España, por exemplo). E nese sentido cumpre sinalar que a evolución en Europa é perigosamente cara ao fascismo, un fascismo de novo rosto que quer na Franza quer no Reino Unido quer na Alemaña veste hoxe o fato da islamofobia. O inimigo é o pobo árabe. Que curioso que o pobo árabe sexa o dono dos territorios nos que se asenta a materia prima aínda máis cobizada polo capitalismo, o petróleo!!

 A evolución en Europa é perigosamente cara ao fascismo, un fascismo de novo rosto que quer na Franza quer no Reino Unido quer na Alemaña veste hoxe o fato da islamofobia

No Estado español, Madrid tirou decontado proveito da situación lanzando unha nova bategada contra o proceso de pacificación en Euskadi: detención dos avogados da esquerda abertzale, sentenza do Tribunal Supremo contraria á lexislación europea no que di respecto á acumulación das penas. Medidas todas contra os presos vascos, medidas todas contra a necesaria distensión.

E na Galiza, mentres, continúan as accións políticas da policía española contra o nacionalismo, no albo do Estado pola súa capacidade de mobilización e de defensa do país.

Este é o contexto no que nos movemos. Urxe unha resposta social contundente en defensa das liberdades ameazadas.

Comentarios