Opinión

Nen dique flotante nen carga de traballo nen lei do naval

O balanzo do Goberno Feijóo no que atinxe ao sector naval é o puro nada.

O balanzo do Goberno Feijóo no que atinxe ao sector naval é o puro nada. Nen dique flotante nen carga de traballo -lembremos o que se nos anunciou: no mínimo, 14 rebocadores e 2 floteis- nen, tampouco, cumprimento da lei do naval. Un sector estratéxico abandonado. A consecuencia máis visíbel, o agravamento da crise en Vigo e, singularmente, en Ferrolterra.

Pagamos as consecuencias de non ter un goberno digno de tal nome. Só hai unha oficina de propaganda. Emite palabras de orde e anuncios ben pagos na imprensa amiga. Vai de viaxe até México, non para fechar ningún contrato, mais para vender un dos nosos esteleiros emblemáticos. É unha calamidade para este país, mais aí o teñen, a fachendear no Parlamento, amagando con fantasmagorías de novos contratos cando aínda están por materializarense aqueles que virou en as na manga durante a campaña eleitoral de Outubro-12 ao Parlamento galego.

Feijóo non quer asumir responsabilidades na coxestión de Navantia, apesar de que a Lei do Sector Naval abre esa opción

Feijóo ataca agora o departamento comercial de Navantia: non hai contratos pola súa impericia. Mas, sendo así, Feijóo continúa sen explicar por que o seu Goberno teima en non dar cumprimento á Lei do Sector Naval. Este texto legal, vixente, enxerga unha negociación entre a Xunta e o Estado para a Administración galega entrar no consello de administración de Navantia e cogobernar a empresa. A lei foi publicada no Diario Oficial de Galiza o 5 de Xullo de 2010. Nunca máis se soubo: Feijóo non quer responsabilidades, prefire pontificar desde a tribuna de imprensa de San Caetano, enquanto outros -coas arcas ben engraxadas a conta dos subsidios públicos- abanean o botafumeiro.

Comentarios