Opinión

Natalidade, moita leria poucas solucións

O Parlamento Galego montou a enésima comisión da súa curta historia para aportar solucións á baixa natalidade existente no país. Neste caso, como en ningún outro, faise certo aquilo de constituír unha comisión para non solucionar ren. Porque, sexamos honrados ¿hai alguén que non coñeza cales son as razóns que forzan a caída da natalidade?.

O Parlamento Galego montou a enésima comisión da súa curta historia para aportar solucións á baixa natalidade existente no país. Neste caso, como en ningún outro, faise certo aquilo de constituír unha comisión para non solucionar ren. Porque, sexamos honrados ¿hai alguén que non coñeza cales son as razóns que forzan a caída da natalidade?.

Supoño que todo o mundo sabe que a emigración dunha boa parte da mocidade, a elevada taxa de desemprego, a temporalidade, os baixos salarios, as longas xornadas laborais e altos ritmos de traballo, a dificultade para acceder á vivenda, son as causas principais. Todos estes son aspectos negativos, estruturais, agudizados pola falta de soberanía de Galiza, que fai da nosa nación un bocado doado para a globalización neoliberal e as súas peores consecuencias. A estas razóns podemos engadir outras que dependen da vontade política do gobernante da Xunta, e que non implican remexer nos alicerces do capitalismo, nen da dependencia, refírome ás garderías, servizos e achegas públicas, etc. Prestacións que axudan ás familias que teñen fillos e fillas ao seu cargo.

Todos e todas sabemos que as eivas ás que antes facía mención atinxen especificamente á mocidade, e ás mulleres, ou sexa ás persoas en idade de procrear ou que son esenciais para facelo. Asemade, a emigración masiva afecta ás persoas mozas. E, neste caso, temos que sumar aos moitos milleiros que se marchan cada ano, por unha longa tempada ou definitivamente, aquelas outras persoas que emigran temporalmente, que son outros tantos miles. Non é un problema menor. Eu diría máis, ¿por que non se estuda a procedencia desta emigración sangrante? Se cadra tamén ten consecuencias sobre a normalización lingüística, ao afectar especialmente aos galego falantes. Tampouco é un tema secundario, tanto para a identidade nacional como para a normalización idiomática.

Por último, non podemos esquecer que a natalidade é unha decisión da parella (cando existe) na que a muller debe ter a última palabra, porén os beneficios son para o conxunto da sociedade. Daquela non se pode aceptar que todos os custes recaian na práctica exclusivamente sobre as familias con fillos a cargo, como consecuencia do coidado, diminución dos ingresos, e non poucas veces impedindo a “realización profesional”. Cómpren polo tanto, garderías e servizos públicos que eviten esta discriminación, porén tamén os gastos económicos dos fillos e fillas teñen que ser asumidos pola sociedade en boa medida. Debe ser así por xustiza, non só por solidariedade.

A baixa natalidade non é só consecuencia da crise, como calquera pode comprobar, xa que se mantivo no período do auxe económico da globalización neoliberal, pola sinxela razón de que xa non era esencial para o capitalismo español a man de obra galega (ou doutras partes do Estado deprimidas). O capitalismo contaba neste período da globalización coa inmigración masiva de áreas onde a xente partía de situacións cun menor nivel de vida e expectativas iniciais máis baixas. Por este motivo, o crecemento da renda deste período non solucionou o problema, porque se fixo na Galiza a costa da contracción demográfica, e da destrución dunha boa parte da actividade produtiva estratéxica. A veces dun xeito tan intenso, que mesmo forzou á entrada de inmigrantes, que tiveron un papel substitutivo, polo que non implicaron un medre da poboación e un crecemento da economía. Esta realidade óllase claramente na perda de peso do noso país no PIB e en relación a poboación do Estado español.

Daquela, as solucións á eiva demográfica só poden vir da man de mudanzas sistémicas: ruptura da dependencia e do proceso colonial, e unha distribución xusta do traballo e da riqueza. Calquera outra medida, só tapa algúns buratos, especialmente na barca das chamadas clases medias,... por iso están sempre tan dispostas a escoitar a leria dos partidos sistémicos, é dicir: das clases dominantes. Agora ben, con saídas deste tipo, non se resolve a cuestión demográfica, nen a deriva da economía. Será capaz de ir ao fundo da cuestión a Comisión Parlamentar?...

Comentarios