Opinión

Moitas razóns para o ensino convocar greve

Sobexan os motivos para o estudantado galego secundar masivamente a greve convocada para o 26 de febreiro.

Sobexan os motivos para o estudantado galego secundar masivamente a greve convocada para o 26 de febreiro. O actual goberno español está a desencadear unha ofensiva sen precedente contra o sistema público de educación, desde parámetros privatizadores no social e inequivocamente españolistas no nacional. Conciben o ensino como negocio e non como ferramenta básica para a igualdade social e, no caso de nacións sen Estado como Galiza, para a normalización da lingua e da cultura propias, secularmente oprimidas.

É probábel que o ministro Wert sexa, en termos políticos, o membro máis detestábel do goberno Rajoy, mais o problema non é Wert, o problema é o proxecto do partido que aínda detenta a maioría absoluta quer no Estado quer na Galiza. 

Mais o problema maior para Galiza reside en que o PP galego é apenas unha franquicia da metrópole. Se Wert declara que hai que españolizar as crianzas, faise e punto, embora os dados apunten  a unha pavorosa perda de falantes do galego entre as xeracións máis novas.

 O problema maior para Galiza, tamén na política educativa, reside en que o PP galego é apenas unha franquicia da metrópole

Sabemos que o PP é un partido pragmático e tod@s lembramos como Aznar chegou a falar catalán na intimidade, isto é, como ollou para outro lado mentres Pujol aplicaba en Catalunya a inmersión lingüística. Máis recentemente, Wert pactou co PNV a non aplicación das súas reformas en Euskadi para garantir un status lingüístico propio ao euskera.

O PP español non se viu premido en ningún momento polo PP galego para facer nada parecido. Nin con Jesús Vázquez á fronte da Consellaría nin presumibelmente co seu sucesor, un Román Rodríguez que xa anunciou que o continuísmo marcaría a súa xestión no departamento.

En definitiva, a única opción para mudar as cousas nun sentido positivo pasa pola mobilización dos distintos segmentos da comunidade educativa. Sermos Galiza saúda, pois, a convocatoria de folga do estudantado galego, unha iniciativa vocacionada para a defensa dun dos elementos -o ensino público galego e de calidade- sen o cal non é concibíbel a preservación da nación que somos no inmediato futuro.

Comentarios