Opinión

Leccións de Chipre

  O resgate de Chipre é, máis unha vez, o resgate da banca, do capital financeiro especulativo, e o simultáneo saqueo do pobo. Os 10.000 millóns de euros que entrega Bruxelas irán á banca, isto é, a sanear as súa perdas. Máis unha nova entrega do socialismo para ricos que caracteriza este momento do capitalismo global: privatízanse os beneficios, socialízanse as perdas. O capital nunca se arrisca.

O resgate de Chipre é, máis unha vez, o resgate da banca, do capital financeiro especulativo, e o simultáneo saqueo do pobo. Os 10.000 millóns de euros que entrega Bruxelas irán á banca, isto é, a sanear as súa perdas. Máis unha nova entrega do socialismo para ricos que caracteriza este momento do capitalismo global: privatízanse os beneficios, socialízanse as perdas. O capital nunca se arrisca. Se cae, aparece o sector público, neste caso o benefactor Banco Central Europeo, para o recoller. Abólese así unha das xustificacións que os economistas clásicos daban do beneficio nas economías capitalistas. Era lóxico que o plusvalor fose apropiado pola minoría capitalista, pois esta asumía un risco. Aquí non hai risco. Aquí a banca gaña sempre.

Chipre era, é, un paraíso fiscal consentido pola burocracia de Bruxelas. Como no seu día o foi Irlanda, a narrativa oficial presentaba Chipre como o epítome das bondades do modelo neoliberal. Baixos xuros -grazas á artificial moeda única- e baixísima fiscalidade. Un potentísimo imán para atraer capitais estranxeiros. As mafias rusas bombearon inxentes cantidades de diñeiro negro aos circuítos financeiros da Illa mediterránea. Capital alemán e tamén estadounidense desembarcou tamén en Chipre. O país converteuse nunha xigantesca lavadora de dólares e euros negros. Todos os comisarios en Bruxelas o sabían. Ningún moveu un dedo para evitar que sobre a base dese capital se alimentase unha elafantiásica burbulla inmobiliaria. Era cuestión de tempo que estourase. E, como antes en Irlanda e no Estado español, estourou,  pondo en grave risco o aparato produtivo do país.

Ante a quebra do sistema financeiro chipriota, Bruxelas reaxiu como se se tratar do vello Fondo Monetario Internacional e a Illa, unha economía latinoamericana dos anos 70. Deseñou un resgate á medida da banca. 10.000 millóns de euros para a refinanciar (ou sexa, para que pagase as súas débedas contraídas con prestamistas alemáns, franceses, etc..). Mais desta volta foi alén diso e atentou contra os seus propios principios constitucionais, os que estabelece a sacrosanta intocabilidade dos aforros privados. Decretou un corralito. Non na Arxentina de Ménem, non, senón nun Estado membro da Unión Europea. A libre circulación dos capitais conculcábase por unha decisión confiscatoria adoptada por Bruxelas non para redistribuír a riqueza de arriba a abaixo, mais todo o contrario: para tapar co diñeiro das clases populares os buracos criados pola oligarquía financeira.

O plano bateu cun problema: a resistencia popular. A sociedade chipriota púxose en pé. A reacción foi tan enérxica, tan masiva, tan interclasista, que o Parlamento de Nicosia non se puido abstraer da presión cidadá e votou en contra do resgate, do corralito, do roubo. Máis unha vez, a democracia, cando funciona, como nos referendos en Holanda e Franza, virábase contra os deseños de Bruxelas. A democracia nunca é un estorbo. Debe ser o fundamento da convivencia social. Non se pode gobernar contra a maioría, a non ser que vaiamos a un réxime bárbaro, entre a cleptocracia e a plutocracia.
Chipre deita moitas leccións. Esta UE non nos vale. @s galeg@s, que xa sofremos o corralito das preferentes, deberíamos tomar nota canto antes.

Comentarios