Opinión

Laicismo

A estas alturas de século, convertida a todopoderosa institución de antano no barco á deriva que é a Igrexa Católica hoxe en día, e unha maioría de galegos convertidos nunha silente confraría de renegados felizmente indiferentes ao feito relixioso, o resultado destes dous axiomas non pode ser máis contraditorio.

A estas alturas de século, convertida a todopoderosa institución de antano no barco á deriva que é a Igrexa Católica hoxe en día, e unha maioría de galegos convertidos nunha silente confraría de renegados felizmente indiferentes ao feito relixioso, o resultado destes dous axiomas non pode ser máis contraditorio. E que se ben é un barco á deriva moral, económica e patrimonialmente falando é todo o contrario.

O art. 16.3 da Constitución Española de 1978 recolle a liberdade ideolóxica, relixiosa e de culto. No parágrafo 3º declárase a aconfesionalidade do Estado, marcando a distancia con outros períodos históricos como o republicano, que na súa Constitución de 1931 proclamaba o laicismo da II República Española.

A distinción entre a confesionalidade e o laicismo do Estado apréciase no segundo inciso do precepto recolleito anteriormente, ao estabelecer que os poderes públicos levarán en consideración as crenzas da sociedade española e manterán as conseguintes relacións de cooperación coa Igrexa Católica e as demais confesións. Fagamos unha breve análise de como se transforma esa aconfesionalidade do Estado na práctica. E comecemos polo aspecto económico.

O Estado permite, e de xeito discrecional case, a opacidade das contas da Igrexa Católica, do seu patrimonio, así como das operacións e transaccións económicas. En diferentes corpos lexislativos como a Lei de Facendas Locais ou a Lei de Mecenato, e por suposto nos acordos do Goberno coa Santa Sé, desenvolvidos estes en diversas leis, recóllense entre outras prebendas a exención do pagamento de IBI dos templos e capelas destinados ao culto, así como as súas dependencias ou edificios e locais anexos destinados á actividade pastoral, incluídos os colexios concertados. A devandita lei estabelece, non obstante, que deberán pagar aqueles edificios onde se desenvolven actividades económicas, de lucro, polas que se aboe o imposto de sociedades. Aínda así, a realidade é que esta lei non se aplica de forma rigorosa, pois se fai unha exención masiva de xeito que finalmente acada todos os bens inmóbeis, rústicos e urbanos; máxime levando en consideración que a Igrexa é a maior propietaria de bens inmobiliarios do Estado Español, e entre eles un enorme número de vivendas e edificios alugados a terceiros, de aí que nos atopemos fronte a un enorme patrimonio que non paga IBI.

Falemos agora dos profesores de relixión, do seu peculiar modo de acceso ao sistema educativo público. Teñen de ser propostos pola autoridade da confesión relixiosa de que se trate, polo que os parámetros que serven para entrar na Administración Pública do Estado (que son igualdade, mérito e capacidade) substitúense polo aval diocesano que garante a recta doutrina e o testemuño de vida cristiá do docente. Para a Xunta da Galiza, ambos certificados avalian a formación académica do aspirante, aínda que pola contra, outras comunidades polo menos, esixen declaración de competencia académica: aí é nada …

En moitos centros de titularidade pública destínanse estas persoas a outras tarefas docentes e mesmo de xestión. Isto supón acentuar a non contratación de docentes outorgándoselle a aquelas, pois, un status e un trato privilexiado, manténdose as súas vagas ano tras ano e recibindo as súas mensualidades no período estival, o que non ocorre co resto de persoal contratado. Trátase dun persoal que non ten o mesmo número de alumnos nin a mesma carga lectiva que o resto de docentes, e non se sabe que política salarial se lles aplica. Enfin, mantense o profesorado de relixión, a quen non lles afecta a política de recortes e axustes, mentres se despide profesorado interino, non se cobren baixas por apousentamento nin se substitúen baixas por enfermidade.

Falemos agora da asistencia relixiosa, que é a mediación do Estado naqueles supostos nos que resulta difícil o exercicio do dereito á liberdade relixiosa pola especial suxeición que ten o cidadán a respecto do propio Estado. Así, o Estado está na obriga de garantir de xeito efectivo este dereito do cidadán a recibir asistencia espiritual. O fundamento deste dereito está na consideración do Estado Español como un Estado social e de dereito, como recolle o art. 1 da Constitución Española; é dicir, un Estado obrigado a eliminar obstáculos e a crear condicións para o exercicio efectivo dos dereitos fundamentais. Estou a falar da asistencia relixiosa que se deberá de facilitar nos estabelecementos da súa rede: os estabelecementos públicos militares, hospitalarios, asistenciais, penitenciarios e outros semellantes dependentes do Estado. O factor que determina a intervención do Estado, pois, é a situación de suxeición especial na que se acha a persoa a respecto do propio Estado, situación que lle crea dificultades graves ou que lle impide o normal exercicio do seu dereito de liberdade relixiosa.

Até aquí todo semella correcto. Por suposto, nada é máis lexítimo que a posibilidade de que calquera preso, doente ou soldado precise asistencia espiritual e de que esta sexa cuberta. Mais a problemática desta asistencia espiritual céntrase no modo e xeito de facela efectiva: a integración orgánica, isto é, aproveitar a asistencia relixiosa para crear un entramado de pseudo-funcionarios –nalgúns casos, noutros verdadeiros funcionarios, véxase o transformado corpo eclesiástico militar— que nas cadeas, nos hospitais e no exército realizaban tarefas de apostolado e proselitismo e celebraban actos relativos ao culto católico. Na actualidade, o sistema de integración orgánica está transformado nun sistema de acordos económicos para prestar asistencia católica nos centros onde o Estado debe garantir a asistencia espiritual: e falo de asistencia católica apesar de que os pactos con distintas confesións prevén a asistencia relixiosa en condicións equiparábeis á Igrexa Católica, por máis que, contodo, a incorporación dos seus ministros ao entramado asistencial non fose obxecto aínda de desenvolvemento normativo. De aí que, en boa lóxica, esta asistencia debería limitarse a un sistema de libre acceso a demanda do individuo, co que o Estado se limitaría a facilitar a entrada dos ministros de calquera culto a determinados centros públicos para auxiliar espiritualmente mais sen que exista ningunha vinculación xurídica entre o Estado e eses tales ministros.

Mais como vemos, as prebendas que a Igrexa Católica recibe da maquinaria estatal preséntannos un Estado non só confesional, senón monoconfesional. Desde ESCULCA, Observatorio para a Defensa dos Dereitos e Liberdades, reivindicamos un Estado laico, independente de toda influencia eclesiástica e relixiosa, e defendemos unha educación pública, laica, inclusiva, democrática e dotada dos medios suficientes para crearmos cidadáns e cidadás capaces de conseguir que a súa sociedade sexa mellor e máis xusta que a nosa. Conseguirémolo?