Opinión

Ilegalizar o Partido Popular (3) A trama Gürtel en Galiza.

Alfonso Pérez, “El Bigotes”, e Pablo Crespo crearon en Galiza Orange Market, unha das empresas da trama Gürtel, na década dos noventa; despois trasladaron á Comunidade Valenciana a sede social e a maior parte da actividade desta empresa.

Alfonso Pérez, “El Bigotes”, e Pablo Crespo crearon en Galiza Orange Market, unha das empresas da trama Gürtel, na década dos noventa; despois trasladaron á Comunidade Valenciana a sede social e a maior parte da actividade desta empresa.

O PP de Galiza pagou en “B”, é dicir, en diñeiro negro, máis da metade dos actos celebrados entre 1996 e 1999, período no que Fraga era o líder e Crespo Secretario de Organización do PP galego; e a muller de Francisco Correa asesorou ao PP de Pontevedra en 2001. Segundo a documentación atopada pola policía na caixa de seguridade que Crespo tiña nunha entidade de Pontevedra, foron facturados 3,2 millóns de euros o PP de Galiza en diñeiro negro.

"O PP de Galiza pagou en “B”, é dicir, en diñeiro negro, máis da metade dos actos celebrados entre 1996 e 1999"


A trama Gürtel organizou a campaña do PP de Galiza das eleccións autonómicas de 1997, facturando 900.000 euros, segundo os datos que figuraban nun pen drive que tiña José Luis Izquierdo, un dos contábeis da trama. Tamén había altos cargos implicados por contratos e cobros “en negro”. Arturo González Gil, da Xunta Directiva do PP de Ourense e vogal na emigración do Comité Executivo, figuraba no sumario como contacto da sede en Arxentina, e no ano 2004 recibiu 1.620 euros “en negro”, por actividades do PP nese país, procedentes da caixa B dun piso na rúa Serrano de Madrid. Tamén Rafael Louzán, presidente do PP de Pontevedra e da deputación provincial, contratou en 2001 os servizos de Special Events, outra das empresas da trama Gürtel. Fraga dicía que non sabía nada de todo isto, pero Crespo afirmaba que os seus “superiores” tiñan copia de todos os movementos efectuados pola rede en Galiza entre abril de 1996 e 1999. Correa tamén afirmaba que visitou a “Don Manuel” para organizarlle as campañas electorais en Galiza, segundo recollía Xornal de Galicia de 23-11-2009.

O sumario da Gürtel recolle que dos 12 millóns de euros que o PP habería pagado en diñeiro negro para organizar actos electorais en distintas comunidades autónomas, 5,9 millóns de euros poderían corresponder a Galiza; ademais, os gastos non xustificados do PP de Galicia entre 1996 e 1999 ascenderían a 584.58 euros. Un informe policial sinalaba que o 47% dos actos electorais do PP de Galicia terían sido financiados con “recursos ajenos a los circuitos financieros, que pueden proceder de terceros que financian los actos del partido con dinero ajeno a los circuitos económicos”. (Xornal de Galicia, 5-4-2010).

Manuel Fraga quería desvincularse da corrupción, insistía en que non sabía nada das actividades de Crespo e declaraba: “Las irregularidades eran obvias. En cuanto me informaron de ellas, lo mandamos al diablo con una patada en el trasero”. Pablo Crespo desmentía a Don Manuel e manifestaba desde o cárcere, nunha conversa telefónica co seu avogado, que Fraga estaba informado desas operacións delictivas: “Aún habrá más cosas que saldrán y tal, y ahora con esto…que sacaron ahí el otro día (se refiere al registro de la caja de seguridad)…bueno, ahí tenía las cuentas del partido del 96 al 99 y además muy ordenadas, ¡eh! Eran las cuentas aquellas cuya copia entregué a Fraga en su día para que supiera que había tenido un secretario de Organización decente y ordenado, entonces, bueno, para que se vaya haciendo comentarios por ahí el viejo de que no sé qué y no sé cuánto, a ver lo que hace ahora, a ver qué comentario hace ahora…” (La Voz de Galicia de 26-3-2010). Cando Crespo deixa a secretaría de Organización recoñece unha débeda de 68 millóns de pesetas con Special Events.

A trama Gürtel seguiu traballando para o PP de Galiza dous anos despois de que Pablo Crespo abandonase a responsabilidade de Organización. Organizou os tres mitins que deu Aznar en Galiza na campaña das eleccións autonómicas de 2001. No sumario figura un informe económico de ingresos e gastos das eleccións galegas no ano 2001, que di: “Ingreso de elecciones gallegas y Plácido Vázquez, cuarenta millones de pesetas”. Tamén figura un arquivo co encabezamento “Gastos Vacas locas. Campaña de la Xunta de Galicia a favor del consumo de carne de vacuno año 2001. Listado de gastos de personal de la Empresa, por importe de 899.000 pesetas”. Naquela época Pilar Farjas, nomeada despois conselleira de Sanidade, era a directora xeral de Saúde Pública, segundo publicaba La Voz de Galicia de 10-10-2009.

"A trama Gürtel organizou os tres mitins que deu Aznar en Galiza na campaña das eleccións autonómicas de 2001"

Os pagos do PP galego á trama Gürtel prolónganse, polo menos, até o ano 2002; as empresas da trama organizaron un congreso rexional do PP e unha das romarías. Segundo o sumario, Correa entregou 131.570 euros a Luís Bárcenas –daquela xerente nacional do PP– polas eleccións galegas.

Existen numerosos datos sobre a ramificación da trama Gürtel no PP galego. O xefe de contabilidade de Portos de Galiza, Victoriano Lago, estivo societariamente conectado con Pablo Crespo a través dunha empresa ubicada no paraíso fiscal de Illa de Nevis no Caribe. Crespo cesa como responsábel de Organización do PP de Galicia no congreso que este partido celebra o 3 de outubro de 1999, mais foi membro do consello de Portos de Galiza, ente presidido daquela por Carlos Negreira, que hoxe é alcalde da Coruña polo PP. Entre 1999 e 2005 Portos adxudicou sete contratos a Constructora Hispánica, cuxo ex–presidente aparece imputado no caso Gurtel. En 2001 a Consellería de Agricultura (presidida por Diz Guedes, amigo persoal de Pablo Crespo) pagou máis de 156.000 euros á empresa Special Events (punta do iceberg de Gurtel) por un estudo, sen que exista constancia da súa realización.

Hai outros altos cargos da Xunta implicados na trama. Así, o actual secretario xeral para o Deporte da Xunta, José Ramón Lete Lasa, asinou dous contratos coa empresa Diseño Asimétrico, que estaba implicada na trama Gurtel na comunidade de Madrid, segundo publicaba Sermos Galiza o 17-1-2013.

Feijóo di que non sabe nada da corrupción e que non militaba no PP en 1999, mais a rede de empresas Gürtel seguiu actuando en Galiza durante moitos anos despois desa data e cobrou diñeiro do PP polos actos celebrados en Galicia, cando Alberto Núñez Feijoo xa era conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, e membro do Comité de Dirección do PP da provincia de Ourense. Segundo ese sumario, Guillermo Galeote, eurodeputado do PP, ingresaba 20.000 euros para esta rede o 13 de marzo de 2003. Feijóo, que era conselleiro de Política Territorial, mantivo a Pablo Crespo no consello de administración de Portos de Galicia até decembro de 2005, e xa como presidente do PP de Galicia, a empresa SWAT SL, vinculada á trama Gürtel, foi a responsábel da marca Feijóo09 da campaña electoral das eleccións autonómicas de 2009.

"Cobrou diñeiro do PP polos actos celebrados en Galicia, cando Alberto Núñez Feijoo xa era conselleiro de Política Territorial"


A pesar de todos estes datos e evidencias sobre o financiamento ilegal do PP, Rajoy sempre alimentou a teoría da conspiración contra o seu partido: “La Gürtel no es una trama del PP, es una trama contra el PP”.

A corrupción e financiamento ilegal do PP en Galiza non é nada novo. O narcotraficante Laureano Oubiña declaraba desde o cárcere á revista Vanity Fair: “A finales de los años 70, cuando pasamos a la democracia que dicen que vivimos, ayudé a financiar a Alianza Popular, del señor Fraga, y a UCD, del señor Suárez. E igual que yo lo hicieron muchos empresarios más que estábamos metidos en el contrabando de tabaco”. Ante estas gravísimas acusacións, non houbo contestación oficial por parte de Fraga, nin do PP, e ninguén presentou unha denuncia nos xulgados por esas declaracións. Próximo capítulo: A corrupción do PP nos concellos galegos.

Comentarios