Opinión

Ilegalizar ao Partido Popular (1ª parte)

Deixémonos de caralladas. Non estamos só ante numerosos casos de corrupción e financiamento ilegal (sen presunto) dun partido político. As actuacións do Partido Popular e dos seus dirixentes poden entrar dentro das causas de disolución xudicial dun partido político, que recolle o artigo 10.2.

Deixémonos de caralladas. Non estamos só ante numerosos casos de corrupción e financiamento ilegal (sen presunto) dun partido político. As actuacións do Partido Popular e dos seus dirixentes poden entrar dentro das causas de disolución xudicial dun partido político, que recolle o artigo 10.2.c da Lei Orgánica 6/2002, de 27 de xuño, de Partidos Políticos: “Cando de forma reiterada e grave a súa actividade vulnere os principios democráticos”. E pode estar tamén en contradición co artigo 6 da Constitución española que fala do funcionamento democrático dos partidos, e co artigo 22.2 que especifica: “As asociacións que persigan fins ou empreguen medios tipificados como delito son ilegais”.

Sería moi longo recoller os numerosos delitos cometidos polo Partido Popular nos últimos anos, así que vou limitarme a algúns casos, que tratarei de desenvolver en varios artigos, falando da trama Gürtel (tamén en Galiza), do Caso Bárcenas, das contratacións na deputación de Ourense etc.

"As actuacións do Partido Popular e dos seus dirixentes poden entrar dentro das causas de disolución xudicial dun partido político"


Un principio democrático de todo partido debe ser a condena das ditaduras (curiosamente, a citada lei só fala de condenar o terrorismo, como se as ditaduras non fosen tamén un terrorismo de Estado). O Partido Popular nunca fixo unha condena explícita da ditadura fascista de Franco, entre outras razóns porque o seu fundador, Manuel Fraga, sempre presumiu da súa fidelidade ao Ditador e estaba orgulloso dos seus vinte e cinco anos de servizos ao Estado fascista. O PP nunca condenou o levantamento militar do 18 de xullo de 1936 contra o goberno lexítimo da Segunda República e sempre se manifestou, nisto coincidiu co PSOE, en contra da realización de xuízos contra as persoas responsábeis de crimes contra a humanidade durante o franquismo, que non prescriben.

Jaume Matas, imputado no caso “Palma Arena” –foi presidente de Baleares e ministro de Medio Ambiente no goberno de Aznar– está acusado de trece delitos e dunha malversación de 41 millóns de euros. Nunha das causas era declarado culpable de malversación, prevaricación, falsidade documental e fraude á administración na peza número dous (hai un total de 26) do caso Palma Arena, e condenado a seis anos de cárcere e nove e medio de inhabilitación pola contratación fraudulenta do xornalista Antonio Alemnay para que lle fixese os discursos e despois escribía eloxios deses mesmos discursos na prensa local. Para o PP este delincuente sempre foi considerado como un gobernante exemplar e Mariano Rajoy declaraba: “Yo quiero un gobierno como el que preside Jaume Mata en Baleares en este momento”.

Os gobernos do PP en Baleares, Madrid, Comunidade Valenciana e Castela León amañaron entre 2003 e 2007 decenas de contratos a favor da empresa de publicidade Over Marketing, propiedade de Daniel Mercado. Este era o procedemento seguido: primeiramente aprobaban un trámite de urxencia e a continuación puñan en marcha o mecanismo de contrato negociado, sen publicidade, invitando a participar a tres empresas do mesmo grupo empresarial, para garantir así a adxudicación os empresarios “amigos”. A cambio destas adxudicacións este empresario financiaba as campañas electorais do PP.

O xuíz José Castro imputaba o 6 de novembro de 2012 a Jaume Matas, José María Rodríguez (ex–conselleiro de Interior) e a Fernando Areal (cuñado de Matas e ex–tesoreiro do PP balear) por un suposto financiamento irregular do PP a través de contratos con Over Marketing por un total de 3,5 millóns de euros. Daniel Mercado explicaba ao xuíz esta actuación ilegal: “Existía un acuerdo con Jaume Matas de que parte de los gastos electorales que se debían cobrar en negro, y no se cobraron, quedarían compensados con el volumen de adjudicaciones de contratos públicos que se me comprometieron, y de hecho así sucedió. Otros gastos electorales distintos sí se cobraron en negro”. Tamén era imputado Pere Rotger, presidente do Parlamento balear por un contrato supostamente amañado no ano 2008 entre o concello de Inca, cando era alcalde desa localidade, e a empresa Over Marketing.

A Fiscalía Anticorrupción pedía unha pena de quince anos de cárcere e unha multa de 2,3 millóns de euros para o presidente da deputación de Castellón, Carlos Fabra, polos delitos de tráfico de influencia, suborno e contra a Facenda Pública. Segundo os peritos, Carlos Fabra defraudou 1,5 millón de euros a Facenda.. Cando Fabra abandona a Deputación en 2010 deixaba colocada como vicepresidenta a súa nova parella Esther Parallo, cun salario de 54.000 euros, máis dietas. Fabra é unha personaxe con sorte e presumía de que lle tocara seis veces a lotería. En 1999 controlaba 94 contas bancarias nas que tiña 600.000 euros sen xustificar. A pesar disto, a declaración do IRPF deulle negativa. Mariano Rajoy dixo del que era un “político exemplar”

O presidente da Deputación de Alacant, José Joaquín Ripoll, foi detido en xullo de 2010 polos delitos de suborno, tráfico de influencias, prevaricación, fraude e encubrimento, por suposta corrupción na adxudicación dunha planta e un vertedoiro de lixo na comarca de La Vega Baja.

En outubro de 2010 son detidos pola Unidade Central Operativa (UCO) da Guarda Civil, a instancia da Fiscalía Superior da Rexión de Murcia, o director da Xerencia de Urbanismo do concello de Murcia, gobernado polo PP, un avogado e un enxeñeiro, polos presuntos delitos de malversación de caudais públicos, branqueo de capitais, suborno e negociacións prohibidas os funcionarios. Están imputadas outras cinco persoas, entre elas o concelleiro de Urbanismo, Fernando Berberana, pola recualificación de terreos na zona norte da cidade, na que o concello deixaría de ingresar 500 millóns de euros.

Un xulgado de Alacant solicitaba a imputación da alcaldesa do PP desa cidade, Sonia Castedo, e do seu antecesor no cargo, Luis Díaz Alperi, por uns supostos delitos de revelación de información privilexiada, tráfico de influencias e suborno, dentro do chamado Caso Brugal.

"A petición de ilegalización do PP debe ser un clamor popular".

Pedro Ángel Hernández Mateo, ex–alcalde de Torrevieja e deputado autonómico do PP, era condenado polo Tribunal Superior de Xustiza (TSX) da Comunidade Valenciana en novembro de 2012 a tres anos de prisión e sete de inhabilitación por prevaricación e falsidade documental na adxudicación por 97,8 millóns de euros do servizo municipal de recollida do lixo en 2004.

O PP mantén hoxe nas Cortes Valencianas a nove deputados que están imputados en casos relacionados con delitos de corrupción…e non pasa nada. O problema de fondo non é que haxa moita corrupción, que é verdade, senón que está calando na cidadanía a mensaxe reaccionaria de que todos os partidos son iguais. Isto conduce á aceptación social da corrupción como un mal que non ten solución, desanima á sociedade, provoca a abstención e é un caldo de cultivo para o populismo, que se disfraza ás veces de contestatario, pero que alimenta a continuidade da dereita no poder.

A petición de ilegalización do Partido Popular non é un tema xurídico, que poida quedar á iniciativa das organizacións políticas, senón que debe ser un clamor popular. En todo caso, se non funciona a vía xurídica, que non vai funcionar, o mellor camiño para ilegalizar social e politicamente ao PP –é dicir, que deixen de gobernar nos concellos, na Xunta e no Goberno de Madrid– é que sexan derrotados nas eleccións.

Comentarios