Opinión

Fundir Concellos

As condicións naturais, a intervención humana sobre o territorio, co fin de adaptar a realidade concreta ás circunstancias de cada época, as formacións económicas e sociais que se desenvolveron en cada momento, fixeron que na Galiza se desenvolvese unha forma de ocupación e de organización do territorio tan específica como funcional que se consolidou ao longo dos séculos a adquiriu

As condicións naturais, a intervención humana sobre o territorio, co fin de adaptar a realidade concreta ás circunstancias de cada época, as formacións económicas e sociais que se desenvolveron en cada momento, fixeron que na Galiza se desenvolvese unha forma de ocupación e de organización do territorio tan específica como funcional que se consolidou ao longo dos séculos a adquiriu identidade propia.

Cando, no decorrer dos anos, as estruturas administrativas, relixiosas primeiro e civís mais tarde, de maneira arbitraria, se superpoñen sobre os espazos territoriais configurados pola acción humana ao longo do tempo, esa funcionalidade inicial comeza a romperse e a deixar de ser operativa. Sucedeu iso cando, por decisións tomadas lonxe da nosa realidade, se estableceu a división de Galiza en provincias e destas en partidos xudiciais e concellos. E vai suceder de novo cando, por decisións políticas exclusivamente de oportunismo partidario que para nada entenden do interese xeral, se toma a decisión de fusionar agora o que antes se consideraba ben que funcionase separado.

Fusionar concellos pode ser bo ou non selo. Dependerá. Se con esa medida se xustifica a supresión de servizos, ou se privatizan, é evidente que estamos perante unha pésima solución. Se pola contra, serve para fixar poboación no rural, xa que falamos de fusionar municipios con pouca poboación incapaces de manter os servizos básicos, e prestar mellores servizos, pode ser boa. Mais fusionar sen cuestionar o actual modelo de organización territorial, para transvasar as eivas a un espazo xeográfico máis amplo e a un maior número de habitantes, é sen dúbida unha opción que nace xa caducada.

"Mais fusionar sen cuestionar o actual modelo de organización territorial, para transvasar as eivas a un espazo xeográfico máis amplo e a un maior número de habitantes, é sen dúbida unha opción que nace xa caducada".


E iso por non querer -o goberno, agora do PP e antes do PSOE- cuestionar un modelo de organización territorial de inspiración decimonónica para o substituír por outro máis acorde coa nosa realidade territorial e humana actual. En calquera caso, o proceso de fusión de concellos -de seguir adiante- non pode ser algo equiparábel á fusión empresarial. Ten que ter en consideración o proceso histórico de conformación das nosas formas territoriais básicas, dende a aldea, a parroquia e a vila até a cidade e a área metropolitana, pasando pola cidade difusa en fase de formación. Neste sentido, a opción só pode ser adecuar a administración á organización do territorio e non este ás políticas administrativas que dan máis valor á economía do que ás persoas. Se non for así, de nada servirá, a non ser que o obxectivo só sexa manter o control do territorio, e da poboación, desde as Deputacións. Que de todo hai.

Comentarios