Opinión

Feijóo ten de dar explicacións

    A conexión galega do caso Bárcenas é xa un problema para Feijóo. Éo porque, de acordo coas investigacións abertas arredor da trama Gürtel, o PP galego inxectou 21 millóns de pesetas na tesourería que tan ciumentamente controlaba Bárcenas, o contábel a quen Manuel Fraga Iribarne, o presidente fundador, confiou o financiamento da formación conservadora.

A conexión galega do caso Bárcenas é xa un problema para Feijóo. Éo porque, de acordo coas investigacións abertas arredor da trama Gürtel, o PP galego inxectou 21 millóns de pesetas na tesourería que tan ciumentamente controlaba Bárcenas, o contábel a quen Manuel Fraga Iribarne, o presidente fundador, confiou o financiamento da formación conservadora. Éo porque o número 2 da trama Gürtel, Pablo Crespo, foi secretario de Organización do Partido Popular. E é máis, até 2005, foi membro do consello de administración de Portos de Galicia. E de quen dependía directamente no organigrama da Xunta? De Alberto Núñez Feijóo, na súa condición de conselleiro de Política Territorial. Crespo non foi cesado até que chegou o chamado goberno bipartito.

Feijóo ten alicerzado boa parte do seu éxito en política sobre a base de non asumir as súas propias responsabilidades. Se como xefe da oposición se caracterizou por apor inmisericordemente á dupla Touriño-Quintana a xénese do aumento do paro en Galiza, como presidente do Goberno non tivo o menor empacho en cambiar de tocata e en deitar todas as culpas no atribulado Zapatero. Agora, confrontado co caso Bárcenas, volta a mostrar a súa mestría no escaqueo político até o ponto de deixarnos unhas palabras para a historia. “Eu nin sequera militaba no Partido Popular naqueles anos”, afirmou ao se referir ao tempo en que Pablo Crespo argallaba as finanzas do PP. O mesmo Pablo Crespo a quen el, como membro do goberno Fraga, mantivo no seu posto en Portos de Galicia.

En realidade, Feijóo foi máis lonxe do que iso ao apuntar implicitamente a Fraga como responsábel. Ao argumentar que só pode responder da súa xestión desde o momento en que se fixo cargo da presidencia do PP, Feijóo pon en dúbida a probidade de Fraga. Curioso, despois de lle dedicar o recente congreso de Lugo e de instaurar o Pensamento Manuel Fraga como doutrina oficial do partido.

é ante todo un pragmático. A súa única moral é a da supervivencia. Todo o que se constitúa nun estorvo para dar satisfacción á súa ambición sobra. E neste momento sobra Fraga, sobra Crespo, sobra Bárcenas. O mau para Feijóo é que os problemas non se resolven fuxindo. El é o presidente
da Xunta e do Partido Popular de Galiza. @s galeg@s teñen o dereito a saber como se financia o partido que os goberna. Feijóo ten que dar xplicacións, en sede parlamentar. E teno que facer xa.

Comentarios