Opinión

Feijóo non sabía nada

O Presidente da Xunta non sabe que dicir ou cala cando as preguntas dos xornalistas son comprometidas. Por outra banda, Alberto Núñez Feijóo non quere asumir ningunha responsabilidade política e contesta con frecuencia: “Non sabía nada”. Pablo Crespo, responsábel de organización en Galiza do PP até 1999, é un dos principais implicados na trama Gürtel.

O Presidente da Xunta non sabe que dicir ou cala cando as preguntas dos xornalistas son comprometidas. Por outra banda, Alberto Núñez Feijóo non quere asumir ningunha responsabilidade política e contesta con frecuencia: “Non sabía nada”.

Pablo Crespo, responsábel de organización en Galiza do PP até 1999, é un dos principais implicados na trama Gürtel. Cando abandona esa responsabilidade, Feijóo (era conselleiro de Política Territorial) mantivo a Pablo Crespo no consello de administración de Portos de Galicia até decembro de 2005, sendo Carlos Negreira Presidente dese organismo. O xefe de contabilidade de Portos de Galiza, Victoriano Lago, tivo relación con Pablo Crespo a través dunha empresa ubicada no paraíso fiscal de Illa de Nevis. Entre 1999 e 2005 Portos adxudicou sete contratos a Constructora Hispánica, cuxo expresidente, Alfonso García Pozuelo, está imputado no caso Gürtel. Mais Feijóo non sabía nada.

Feijóo xustificaba a súa ignorancia porque en 1999 non militaba no PP (“El señor Crespo, cuando yo llegué al PP, llevaba muchos años desaparecido de allí”), mais a rede de empresas Gürtel seguiu actuando en Galiza durante moitos anos despois desa data. Feijóo, que era conselleiro de Política Territorial en 2003, adxudicou por 21 millóns de euros a Construtora Hispánica, a construción dunha autovía en Sarria. Cando xa era presidente do PP de Galicia, a empresa SWAT SL, vinculada á trama Gürtel, foi a responsábel da marca Feijóo09 da campaña electoral das eleccións autonómicas de 2009. Mais Feijóo non sabía nada.

Feijóo coñeceu ao narcotraficante Marcial Dourado a través do seu amigo Manuel Cruz (traballaba como chofer de conselleiros da Xunta), que era testaferro do contrabandista. El País de 31 de marzo de 2013 publicaba unhas fotos de Feijóo con Marcial Dorado e nalgunhas aparecían navegando en 1995 no iate Oratus (foi intervido anos máis tarde nunha operación contra o branqueo de diñeiro), propiedade deste amigo. O presidente da Xunta semella que tiña unha boa relación con Dorado xa que, ademais de acompañalo no seu barco, visitou as súas mansións durante anos e facían viaxes xuntos. Daquela, Feijóo tiña 34 anos e era secretario xeral da consellería de Sanidade, que ocupaba Xosé Manuel Romay Beccaria. O presidente da Xunta explicou que todo se reducía a unha cuestión de “torpeza” e “ingenuidad” e que a publicación desas fotos eran “un intento de amedrentarme”. Quen ameaza a Feijóo?

Marcial Dorado foi detido e procesado por contrabando de tabaco en 1983. A causa foi arquivada cando chegou á Audiencia Nacional porque prescribira. En xuño de 1990 foi detido na operación Nécora, pasando varios meses en prisión. Quedou en liberdade, entre outras razóns, por deficiencias na tramitación do sumario. Era detido na súa mansión de A Illa de Arousa en outubro de 1992 como presunto propietario de 10.000 caixas de tabaco de contrabando, valoradas en 1.100 millóns de pesetas. Condenado por suborno en decembro de 2005 a tres anos de cárcere e 60.000 euros de multa, por delitos realizados entre maio de 1997 e xullo de 1998 (a pena foi rebaixada a seis meses polo Tribunal Supremo). En outubro de 2003 foi detido en relación cun cargamento de 6 toneladas de cocaína confiscadas no South Sea e condenado en novembro de 2009 a dez anos de cárcere e 70 millóns de euros de multa. Durante vinte anos o nome de Marcial Dorado aparecía en numerosas ocasións nos medios de comunicación, relacionado con actividades ilegais. Mais Feijóo non sabía nada.

"Durante vinte anos o nome de Marcial Dorado aparecía en numerosas ocasións nos medios de comunicación, relacionado con actividades ilegais. Mais Feijóo non sabía nada".


Naqueles anos miles de persoas participaban nas manifestacións que convocaban Érguete, Esperta Cambados e outras entidades, reclamando o fin da impunidade dos narcotraficantes e que se acabase coa morte de moitas persoas (máis de 1.000 ao ano en 1995) vítimas da droga. Mais Feijóo non sabía nada.

Estamos ante algo máis que “simplemente unhas fotos”, como dicía Feijóo. Está o tema das estreitas relacións que mantiveron durante anos contrabandistas e narcotraficantes con altos cargos do goberno, co partido de Fraga e a súa contribución ao financiamento ilegal do PP.

Era de dominico público, e foi publicado nos medios de comunicación, a militancia en AP, despois PP, de significados contrabandistas e narcotraficantes, así como as súas doazóns ao partido, que chegaron a 1.000 millóns de pesetas entre 1980 e 1990. Entre os contribuíntes estaban: José Ramón Barral "Nené" (alcalde de Ribadumia polo PP), Luis Falcón "Falconetti", José M. Prado Bugallo "Sito Miñanco", Manuel Lorenzo "Ferrazo", Marcial Dorado, Manuel Carballo Jueguen, Manuel Nieto, José Luis Vilela, Vicente Otero “Terito” (significado militante do PP en Cambados), Alfredo Bea Gondar (alcalde de O Grove polo PP) ou Pablo Vioque (secretario da Cámara de Comercio de Vilagarcía). Todos eles reuníanse con frecuencia en Pontevedra con Mariano Rajoy que era, daquela, presidente provincial do PP, segundo publicaba Novas de Galiza en xaneiro de 2011. Despois das detencións de Pablo Vioque, antigo líder do PP en Vilagarcía e preso por narcotráfico (faleceu en 2008), e “Nené” Barral entre maio e xuño de 2001, era unha evidencia a relación entre os negocios desas persoas, a corrupción política e o financiamento ilegal do PP. Rafael Louzán, actual presidente da Deputación de Pontevedra entrou en política da man de “Nené” e ambos os dous tiñan intereses en varias empresas. Mais Feijóo non sabía nada.

Na campaña para as eleccións do Parlamento Galego de 1990, cando Manuel Fraga chega á Xunta, o PP entregaba un bono coa foto de Fraga ás persoas que facían unha doazón de diñeiro ilícito, como recibo da súa contribución. “Don Manuel” reuníase con eles no restaurante Rosita de Cambados e no Altamira de Vilagarcía, onde os contrabandistas recibían os bonos e despois o tesoureiro do PP, Rosendo Naseiro, pasaba a recoller o diñeiro das doazóns (nesa época saía á luz pública o chamado “Caso Naseiro” sobre financiamento ilegal do PP). Vicente Otero foi un dos máis eficaces e colocou bonos por un importe superior a trinta millóns de pesetas. Este contrabandista sería condecorado polo partido coa insignia de ouro e brillantes do PP, segundo publicaba Novas da Galiza. Terán algo que ver todos eses cartos cos ingresos procedentes de Galiza, que figuran nos papeis de Bárcenas? Mais Feijóo non sabía nada.

O narcotraficante Laureano Oubiña nunha entrevista no cárcere declaraba: “A finales de los años setenta, cuando pasamos a la democracia que dicen que vivimos, ayudé a financiar a Alianza Popular, del señor Fraga, y a UCD, del señor Suárez. E igual que yo lo hicieron muchos empresarios más que estábamos metidos en el contrabando de tabaco”. (Vanity Fair, xaneiro 2011). Nin Fraga, nin o PP presentaron unha denuncia no xulgado por estas gravísimas acusacións. Mais Feijóo non sabía nada. 

O xornalista Perfecto Conde (publicou numerosas reportaxes sobre o contrabando e o narcotráfico, e o libro La conexión gallega, del tabaco a la cocaína) facía estas declaracións sobre as fotos de Feijóo con Marcial Dorado e o financiamento ilegal do PP: “Me resulta difícil creer que un personaje como éste, que ocupaba cargos importantes, no leyese periódicos y revistas en los años noventa. Indudablemente, lo hacía. Tenía que estar al tanto de su vida, porque era conocida por todos. Esto parece una mala novela de misterio. Y si está siendo sincero, todavía peor, porque evidenciaría la ignorancia supina impropia de un gobernante. En todo caso, Feijóo no es precisamente un hombre que se relacione con los obreros de la Bazán, sino más bien un señorito... que confunde Andorra con Picos de Europa. Marcial Dorado tuvo una juventud pobre y difícil. Trabajó muchos años como piloto en un barco de pasajeros, propiedad de una familia de A Illa, antes de empezar en el negocio del tabaco de la mano de Terito (Vicente Otero), un hombre ligado directamente con la AP de Fraga. Llegó a haber una famosa reunión de capos en el Parador de Cambados en la que se discutieron las aportaciones que había que dar para la campaña de Alianza Popular. Incluso hubo un disparo, pero uno de los presentes apartó el brazo del que portaba la pistola a tiempo, dirigió el arma hacia el suelo y alguien terminó con un pie perforado”. (Entrevista en público.es, 3-4-2013).

Feijóo esixía a demisión de Anxo Quintana nas eleccións ao parlamento Galego de 2009 pola publicación dunha foto do Vicepresidente da Xunta no barco do empresario Jacinto Rey. Foto tomada un ano antes de que Quintana chegase á Xunta e catro anos antes de adxudicarse o concurso eólico. Feijóo declarara, daquela, que “un goberno debe coidarse das malas compañías”. Coñecemos tamén despois unha foto de Mariano Rajoy (tomada o 19 de maio de 2009, dous días antes de iniciarse a campaña das eleccións europeas) no pesqueiro Moropa, propiedade dun narcotraficante da familia de “Os Caneo”. E non pasou nada. Anxo Quintana, moi indignado coas comparacións con Feijóo, declaraba na SER: “Se isto me pasase a min non tería que demitir; unha parella da Garda Civil iríame buscar á casa”.

No marco da operación South Sea contra o narcotráfico, e por orde do xuíz José Antonio Vázquez Taín, no período 2001-2003 (Feijóo era Director da entidade pública estatal Correos e Telégrafos), foron gravadas conversas telefónicas entre Dorado e Feijóo; este mentiu cando dixo que cortara a súa relación co narcotraficante en 1997. Preguntado  ese xuíz sobre as declaracións nas que Feijóo dicía que descoñecía as actividades delictivas de Marcial Corado, respondeu: “Je, je, je, je”.

 "Preguntado  ese xuíz sobre as declaracións nas que Feijóo dicía que descoñecía as actividades delictivas de Marcial Corado, respondeu: “Je, je, je, je”.

Se algunha das empresas vinculadas a Marcial Dorado tivese relación coa consellería de Sanidade en tempos de Feijóo –co suministro de gasóleo, por exemplo, ao hospital de Pontevedra– o Presidente da Xunta tamén contestará que non sabía nada.

Feijóo autodefiníase como austero, adaíl da dignidade, conciencia crítica do PP, que nunca cala etc. Independentemente do que faga, acabouse a súa carreira política despois de ir en barco e de festa cun narcotraficante. Se ten un mínimo de dignidade, debería aplicarse aquilo das malas compañías e dar exemplo. Como dicía Francisco Jorquera, en calquera país cunha democracia minimamente asentada, as relacións do Presidente do Goberno cun capo da mafia do narcotráfico serían consideradas como un feito de extrema gravidade. A demisión de Feijóo é un imperativo ético; sería, ademais, unha medida exemplarizante para frear o deterioro da política galega e rexenerar a democracia. 

Comentarios