Opinión

Feijóo e Quintana, unha comparanza e dous planos

As fotos que se publicaron de Núñez Feijóo con Marcial Dorado, no iate deste último, están a causar, como é lóxico, unha conmoción social, que irá a máis a medida que a poboación socialice o feito. Axiña ligouse o tema, coido que intencionadamente, coas fotos que se publicaron no ano 2009, antes das eleccións autonómicas, nas que aparecían Anxo Quintana e Jacinto Rey, o dono da construtora San José. Entre ambas situacións non hai nada en común, polo que todo evidencia que se quere meter ao BNG no tema. No primeiro caso as fotos vinculan ao presidente da Xunta a unha persoa que está na cadea, condenado por narco, e no segundo, aparecía o ex-vicepresidente da Xunta cun dos máis fortes empresarios do país nun veleiro. Núñez Feijóo utilizou esta foto para pedir a renuncia do daquela vicepresidente da Xunta, por entender que a relación indicaba un trato de favor co empresario; algo que non probou e despois das eleccións ficou esquecida a acusación por inconsistente. En realidade a foto fora feita catro anos antes, como recoñece o propio Quintana, cando aínda non ocupaba ese cargo. 

Agora, dende algúns sectores, faise unha comparanza entre ambos feitos para lle esixir ao Presidente da Xunta que sexa coherente e aplique o remedio que el aconsellaba con tanta contundencia no ano 2009 para Quintana. Feijóo bota balóns fóra, amosando o seu apego ao cargo. Porén, cada día que pasa engádese nova información sobre a súa relación con Marcial Dorado e, malia a escasa xustificación que dá, o Presidente vai sumando contradicións. Por exemplo, resulta difícil de crer que non soubese que Marcial Dorado era un contrabandista en 1995 (cando se tiraron as fotos publicadas), porque xa fora imputado en varias oportunidades por contrabando, algo que saíu acotío nos medios. Non parece certo que terminara a súa relación con Dorado a finais desa década, xa que o xuíz Taín di que nas gravacións feitas a Dorado entre os anos 2001 e 2003 hai conversas entre ambos. Tampouco foi unha relación moi circunstancial xa que realizou varias viaxes fóra de Galiza con el: aos Picos de Europa, Ibiza, Cascais...

"Feijóo bota balóns fóra, amosando o seu apego ao cargo. Porén, cada día que pasa engádese nova información sobre a súa relación con Marcial Dorado"

Calquera pode ver que son dous casos que non teñen nada que ver, e non son comparábeis. As relacións cun empresario da construción non teñen a mesma connotación, política e social, que a producida pola amizade cun contrabandista de tabaco, aínda que sexa esporádica; e por suposto ningún parecido se o interlocutor é un narcotraficante. Para alén de que en ningún dos dous casos exista delito, dacordo co Código Penal, hai unha importante diferencia ética en termos sociais. En resumo, existen razóns de peso para que Feijóo dimita, e non continúe deteriorando a imaxe de Galiza. E o ex-vicepresidente da Xunta fai ben cando aproveita o momento para marcar distancias, e clarificar feitos cuxa manipulación sementou importantes dúbidas na poboación sobre a súa persoa (e o BNG). 

Dito o anterior, tamén entendo que hai un segundo plano de análise, no ámbito do nacionalismo, que non se pode ignorar, cando se trata das relacións de Anxo Quintana con Jacinto Rey: aquel que abrangue ás súas obrigas políticas co BNG e cos votantes nacionalistas. Porque non foi vicepresidente da Xunta de Galiza por casualidade, senón que o sería por ser militante e portavoz da fronte. E, como tal, resulta difícil de entender que mantivese unha amizade tan estreita cun dos empresarios máis fortes do país, que non se distinguía, por exemplo, por ter a mesma empatía co sindicalismo nacionalista e por dar apoio á construción nacional de Galiza (como o tempo amosaría dun xeito ben duro: A Nosa Terra, Xornal de Galicia). Algo que el sabía, se non ¿por que agochou estas relacións diante da militancia tantos anos? Un talón de Aquiles que tamén aproveitan agora os que utilizan a comparación, aínda que non falen del.

"Hai un segundo plano de análise, no ámbito do nacionalismo, que non se pode ignorar, cando se trata das relacións de Anxo Quintana con Jacinto Rey"

Sen dúbida unha parte dos votos nas autonómicas de 2009 puidéronse perder polas insidias do Partido Popular e Núñez Feijóo sobre o portavoz do BNG. Porén, non poucos eleitores afastáronse dunha organización que estaba esvaendo de vagar as súas sinais de identidade, como representante das clases populares e da conquista da liberación nacional. Esa foto foi a puntilla, aínda que a deriva encetou anos antes da súa portavocia, como se reflectiu nos procesos eleitorais. Sobre isto, Quintana ten unha gran responsabilidade, xa que sería un dos impulsores principais desta liña, aínda que non fose o único. Choca que non o recoñeza, que non amose a menor autocrítica, porque o BNG, malia a correcta viraxe dos últimos anos para recuperar a identidade, está a pagar as consecuencias, e seguramente levaralle anos curar a ferida. Refírome á ferida máis importante, a que afastou a moitos simpatizantes das clases populares e moi especialmente da clase obreira, porque as divisións internas, xurdidas do debate desta deriva, sempre terán un carácter máis subxectivo. Tamén é difícil de entender que unha persoa que se di nacionalista e foi portavoz do BNG escriba un artigo en castelán, en El País nas páxinas de Galiza o pasado sábado, para aclarar as acusacións que se lle fixeron por aquela foto dende a dereita política.

Son dos que entendo que o bipartito foi o mellor goberno que houbo na Galiza, especialmente pola tarefa desenvolvida nas súas áreas polo BNG, entre elas a de Anxo Quintana. Mais, non se pode ignorar que se deixou nun segundo lugar a relación coa militancia da fronte e das organizacións sindicais e sociais do nacionalismo, minguando o seu protagonismo. Dende a Xunta de Galiza e algúns Concellos gobernados polo nacionalismo apostouse por un avance “forzando” o sistema, porén  nunca existiu marco para esa estratexia, e o logrado estaba moi por debaixo das reivindicacións das clases populares. Nesta estratexia hipotecábase a loita por un cambio que eliminase a explotación e a opresión, renunciando así aos alicerces do proxecto fundacional da fronte. Esta acomodación ao sistema, en clave socialdemócrata e autonomista, foi rexeitada por moitos militantes e simpatizantes que se foron afastando. Un proceso que se demorou máis dunha década, tempo abondo para entendelo. Mais houbo quen non quixo velo, porque xa analizaba a realidade con parámetros distintos aos da clase traballadora. A viraxe política posterior, para rectificar esa deriva vai necesitar de tempo e moitos esforzos.  

"Dende a Xunta de Galiza e algúns Concellos gobernados polo nacionalismo apostouse por un avance “forzando” o sistema, porén  nunca existiu marco para esa estratexia"

 O nacionalismo galego, que só pode ser de esquerda e antisistema (porque a liberación nacional forma parte da loita da clase traballadora pola súa emancipación nun país colonial), para avanzar debe estar na primeira liña das reivindicacións populares, con coherencia e atrevemento. Debe facelo con discurso propio e unha boa organización, mais tamén coas paredes de vidro das que falaba Alvaro Cunhal. Non se poden admitir as incoherencias políticas, as dobres vidas, moi especialmente en relación: a xustiza social, os dereitos democráticos e a defensa da identidade nacional (comezando pola lingua). Os que ocupen cargos deben ser os máis preparados, porén sobre todo os máis coherentes e entregados. As regras e límites non os pode marcar a xustiza do sistema senón a ética revolucionaria, que é moito máis estrita polo contido de clase e a necesidade de exemplo para acadar a ruptura. Quen non teña estas cualidades, pola razón que sexa, que ocupe un segundo plano ou deixe a actividade política ou sindical. Unha boa parte da militancia nacionalista dende sempre fixo a máxima entrega persoal, mesmo nas condicións máis duras, con sacrificios de todo tipo. Ese debe ser o chanzo máis baixo para os cadros e dirixentes. 

"Dende o compromiso intransixente co país, ese que ten a inmensa maioría da militancia nacionalista, débeselle esixir a Núñez Feijóo que dimita"

Dende a firmeza política e ética, dende o compromiso intransixente co país, ese que ten a inmensa maioría da militancia nacionalista, débeselle esixir a Núñez Feijóo que dimita e dar a batalla política sobre este tema. Cando non é deste xeito, cando se usan as regras do sistema, non se pode máis que comparar a gravidade dos feitos, e deixalo todo nas mans dunha xustiza funcional ás clases dominantes do Estado que nos oprime,... e agardar que medren as súas contradicións.

http://manuelmera.blogaliza.org/