Opinión

Estratexias de precampaña

A análise nos círculos mediáticos madrileños apunta a que Rajoy demora tanto en nomear candidato por que está a pensar en indixitar un ministro

A análise nos círculos mediáticos madrileños apunta a que Rajoy demora tanto en nomear candidato por que está a pensar en indixitar un ministro -Arias Cañete está o primeiro en todas as apostas- e iso levaría aparellada unha crise de goberno, unha perspectiva que produce enorme preguiza ao presidente do executivo.

Esa interpretación parécenos inxenua. En realidade, a demora de Rajoy obedece a unha clara estratexia de banalización das eleccións europeas. Ao PP interésalle arrefecer a precampaña. Os estrategas de Génova teñen claro que unha participación moderada ou alta resultaría na súa derrota o 25 de maio, levando en conta o estado de profunda irritación social que é produto non tanto da crise como da forma en que os neoliberais do PP a xestionan. Se vai a xente masivamente a votar, o voto de castigo estaría máis que garantido. O PP calcula que se a participación é baixa as súas opcións de ser a minoría maioritaria se incrementan.

A minoría satisfeita

Cunha alta abstención, votarían os sectores máis politizados -en Galiza con tendencia ao nacionalismo e á esquerda en xeral-, porén tamén o farían aqueles outros círculos sociais que ou ben están satisfeitos coas políticas de dereita -a minoría privilexiada- ou ben dependen clientelarmente das redes de poder que o PP detenta -non esquezamos que a Xunta, aínda con recortes, manexa un orzamento que supera os 9 mil millóns de euros, unha cifra que dá para engraxar non poucos mecanismos de control social.

O nacionalismo galego ten perante si o repto de chamar á máis ampla participación social, o desafío de axitar a precampaña

Ante esta situación, o nacionalismo galego ten perante si o repto de chamar á máis ampla participación social, o desafío de axitar a precampaña. O 25-M está en xogo castigar as políticas neoliberais e a ditadura do troika, mais tamén reforzar a expresión política de Galiza como nación. Catalunya e Euskadi están a petar na porta da autodeterminación e falan a Madrid de ti a ti. Galiza non pode ficar atrás. Nas eleccións de maio deste ano, como nas municipais do próximo, o pobo galego ten a oportunidade de expresar que tamén é nación e que os seus intereses específicos requiren respostas específicas, galegas.

Comentarios