Opinión

Estraperlo

¿Que levas en esa saia/ que tanto valor lle dás?/ Levo garavanzos e fabas/ para ir a estraperlar. A palabra ten a súa orixe na unión dos nomes de Strauss, Perlowitz e Lowann, os creadores dun xogo de ruleta que provocaría o escándalo que supuxo o fin do goberno do chamado “bienio negro” durante a II República.

¿Que levas en esa saia/ que tanto valor lle dás?/ Levo garavanzos e fabas/ para ir a estraperlar.

A palabra ten a súa orixe na unión dos nomes de Strauss, Perlowitz e Lowann, os creadores dun xogo de ruleta que provocaría o escándalo que supuxo o fin do goberno do chamado “bienio negro” durante a II República. Mais, tras o golpe de estado fascista de 1936, o termo estraperlo quedaría vinculado ao racionamento dos produtos básicos. E, fronte ao contrabando, no que o volume de produtos transportados é maior, o estraperlo era unha actividade maiormente feminina. Encarnárona centos de mulleres galegas, mulleres sen home, que desafiaban a moral da época e saían do ámbito do doméstico para sobrevivir. Mulleres que viaxaban até as feiras sentadas na parte traseira dos carromatos, con coidado de non mexerse moito. Levaban varias ducias de ovos agochadas baixo a roupa, naquelas zonas do corpo onde, con sorte, os gardas non ousarían apalpalas. Mulleres que atravesaban o Miño de madrugada, conducidas por un barqueiro a cambio dunha propina. Aceite, café, azucre e outros produtos sorteaban os fielatos e eran despois vendidos a prezos prohibitivos fóra das canles oficiais. Pero as mans delas non chegaban até o elo final da cadea. Limitábanse á parte máis arriscada, a do transporte até o punto de venda final a cambio dunha cantidade acordada.

Mulleres atenazadas por dúas gadoupas. A da fame aperta e a da represión non afrouxa. Mulleres soas en anos escuros, dispostas ao que fose con tal de dar de comer aos fillos. Fillos sen pai, ou “de todos os pais”. A fala popular atopou a fórmula certeira para deixar gravado a ferro o estigma nelas e nas súas crianzas. O cabelo acaba por medrar, disimulando o escarnio público que significou aquela cabeza espida. Os alcumes, porén, hérdanse e non marchan.

Hoxe, fechados os fielatos, mostra do fracaso da economía autárquica que se quixo impór neses anos, e que non fixo máis que afianzar as redes paralelas e corruptas; esvaídas as fronteiras físicas –quedan as mentais-, o estraperlo fica como símbolo da resistencia silandeira daquelas mulleres. Estraperlistas, trapicheiras, bodegueiras... Desafiaron a todas as normas que as deixaban fóra. A súa foi unha resistencia cotiá, na forma de cabezas altas fronte aos dicires emisarios daquel poder tan gris que asolou o noso país moito antes que ningún outro territorio do Estado. Resistencia cotiá que non deixa de ser unha máis das formas posíbeis de rebelión contra as verdades impostas e os soños prefabricados. Na memoria delas está a base das nosas loitas de hoxe.

Comentarios