Opinión

Eses nen@s que non cumpren anos

Cando eu era pequeno, o almanaque anual organizábase en función das festas (Nadal, Entroido...) aínda que tamén en función do escaparate de Concha, que vendía leite, e xornais e, o máis importante de todo, os cromos das coleccións de fútbol.

Cando eu era pequeno, o almanaque anual organizábase en función das festas (Nadal, Entroido...) aínda que tamén en función do escaparate de Concha, que vendía leite, e xornais e, o máis importante de todo, os cromos das coleccións de fútbol. Cando as "estanpillas", que así as chamabamos, facían a súa aparición, iso quería dicir que a vida comezaba de novo trala paréntese gorenteira do verán e que volvían as clases, as rutinas, a choiva (non vos parece que antes chovía máis?), os campos enlamados e o frío ata non poder máis. Pero tamén había unha época na que viñan os "trompos". E outra na que viñan as canicas (as "cubanas" valían dobre...) e así a vida ía cumprindo os seus ciclos e o tempo ía pasando.

Hoxe, os pais e nais de pequechos, xa non manexan eses calendarios da vida. Agora, hai outros acontecementos que demostran ter unha importancia fundamental na organización doméstica, en especial nas fins de semana, que son os aniversarios dos compañeiros e compañeiras de clase da súa crianza. Aquí pasouse de non celebrar os aniversarios (carafio, a miña debeu de ser unha infancia ben tristeira porque só lembro unha celebración, máis ben austera, que foi cando meu pai trouxo unha torta a casa pois eu cumpría anos, pero nunca, nunca, fun convidado a celebrar os dos meus amigos... e eu tiña un cento), a un despregue consumista en forma de agasallos, bolsas de chuches e, sobre todo, aluguer dun dos moitos "cumpreañódromos" que repartidos polas cidades e vilas concentran a ducias de nenos por festa, entolecidos todos cos últimos trofeos xogueteiros da moda e do momento.

E a vida organízase agora en función disto, si.

Por iso me interesa moito informar dunha campaña de UNICEF que nos lembra que hai 20 millóns de nenos no mundo menores de cinco anos con desnutrición aguda grave que non teñen entre os seus horizontes máis próximos cumprir seis. Como moito, cumpren días. E cada día que cumpren é unha especie de miragre. 20 millóns de nenos que non recibirán a consola, nin a visita das Súas Maxestades de Oriente nin do gordiño ianqui, nin sequera do noso recuperado Apalpador. Un mundo inmenso de cativos e cativas que non van que ter que preocuparse de se a consola está sen actualizar, se está libre ou non o local de xogos o día en que queren facer a súa festa, ou como van facer para repartir os agasallos entre Papá Noel e os Reis Magos.

Este é o noso mundo. No que a realidade pode ir envolvida en papel dourado. Pero tamén na que os máis inocentes non teñen nada. Nin sequera dereito á vida.

Comentarios