Opinión

Empresario exemplar

O presidente da CEOE, Gerardo Díaz Ferrán, levaba varios meses sen pagar a nómina e as cotizacións á Seguridade Social de máis de 600 traballadores de Air Comet, empresa que presidía. Esta empresa cancelaba en decembro de 2009 os seus vos entre Madrid e diversos países de América Latina, deixando en terra a 7.000 pasaxeiros.

O presidente da CEOE, Gerardo Díaz Ferrán, levaba varios meses sen pagar a nómina e as cotizacións á Seguridade Social de máis de 600 traballadores de Air Comet, empresa que presidía. Esta empresa cancelaba en decembro de 2009 os seus vos entre Madrid e diversos países de América Latina, deixando en terra a 7.000 pasaxeiros. O Estado –é dicir, o conxunto da cidadanía– tivo que facer fronte á situación e Fomento contratou os avións necesarios para que esas persoas puidesen viaxar, cun custo de 6,3 millóns de euros. Mais o empresario dixo que non era responsábel de nada, que todo era culpa dun xuíz británico que ordenou a inmobilización da flota aérea atendendo o recurso interposto polo alemán Nord Bank, a quen Air Comet debía 17,2 millóns de euros polo alugueiro duns avións. Air Comet foi a principal aposta do grupo Marsans, despois de investir nesa compañía parte dos ingresos obtidos pola venda da súa compañía de cruceiros Pullmantur a Royal Caribbean.

Con estes antecedentes gozaba da solidariedade da cúpula da CEOE que lle reiteraba o seu apoio o 16 de decembro de 2009 para continuar no seu posto. Despois de que Air Comet cancelase todos os seu vos, o 29 de decembro de 2009, recibía o apoio do 95% do Comité Executivo da CEOE e da práctica totalidade dos 21 vicepresidentes, mentres os traballadores protagonizaban unha manifestación ante Fomento.

En Galiza faltoulle tempo a Xosé Manuel Fernández Alvariño, presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, para subliñar, nunha “Carta abierta a Díaz Ferrán”, a autoridade moral do presidente da CEOE e a súa firmeza na negociación cos sindicatos:

“Son irrefutables las dificultades que estás enfrentando en tus empresas, y que la crisis económica no han hecho sino recrudecer. Podrían pensar algunos que esto te debilita y te deslegitima, cuando, a nuestros ojos, te dotan de una autoridad moral no sólo deseable sino necesaria en éste momento en que representas, mejor si cabe debido a esas dificultades propias, a los empresarios, que luchan hoy, como tú, contra la adversidade de las circunstancias. Eres el mejor adalid para nuestra causa, el que mejor comprende nuestra situación, el que mejor puede defender nuestros intereses, el que puede negociar con más contundencia y firmeza ante el Ejecutivo y los sindicatos cuáles son las medidas que necesita el sector privado para volver a la senda de la recuperación.

Como dicen los navegantes, ´El pesimista se queja del viento, el optimista espera a que cambie, el realista ajusta las velas´. Cuentas con nuestro apoyo mientras ajustas la velas, presidente, porque, desde nuestra perspectiva, te honra tu decisión de luchar por corregir los errores y superar las dificultades. Sectores oscuros tratarán de reabrir debates interesados sobre el modelo de la figura que nos debe dirigir a la CEOE. Para nosotros, no hay debate que valga. El líder que queremos, es el líder que votamos, y votamos que fueses tú, un empresario, el que estuviese al frente de la CEOE. Que no quepa duda, el presidente de los empresarios es Gerardo Díaz Ferrán.” (Faro de Vigo, 21-12-2009).

Daquela, Díaz Ferrán seguía como presidente da CEOE porque aínda era útil para a patronal. Loitaba con contundencia para defender os seus intereses e impor, na negociación co Goberno e os sindicatos, a fórmula dos capitalistas para a recuperación económica: conxelación salarial, recorte das prestacións sociais e despedimento máis barato.

En agosto de 2010 o ministerio de Traballo consideraba que podía haber delito penal en diversas infraccións graves de Marsans: non ingresar as cuotas da Seguridade Social e parte da cuota correspondente aos seus traballadores, a pesar de que era deducida do abono das súas retribucións; reiterado atraso e impuntualidade no abono dos salarios e falta de pagamento dos salarios do mes de xuño de 2010; escasas condicións de limpeza dos centros de traballo. A mala imaxe pública de Díaz Ferrán estaba desprestixiando os empresarios ante a opinión pública e por iso a Executiva da CEOE forza a convocatoria de eleccións para escoller novo presidente.

Pouco antes do relevo, Díaz Ferrán aparecía imputado pola policía na investigación da chamada “Operación Mar Blau”, como responsábel da empresa Tracsayates, beneficiaria dunha concesión en Mahón. O xulgado de Palma de Mallorca investiga un suposto amaño na adxudicación de dous concursos por parte da Autoridade Portuaria de Baleares en Mahón e Eivisa. Estarían tamén imputados Francesc Triay, que encabezou a candidatura do PSIB-PSOE ao Goberno balear en 1987 e 1995, e Joan Verger, que foi presidente do PP de Baleares e do Consello de Mallorca e dirixiu o organismo de portos durante o mandato de Jaume Matas.

Outra sentenza do Xulgado do Mercantil nº 9 de Madrid, coñecida o 23 de maio de 2012, inhabilitaba ao expresidente da CEOE para administrar bens alleos durante os próximos 15 anos pola realización de diversas actuacións para baleirar os activos de Seguros Mercurio e provocar a súa creba. Segundo un informe da Unidad de Delincuencia Económica y Fiscal (UDEF) Díaz Ferrán desviou a Suiza 4,9 millóns de euros procedentes dunha filial irlandesa do Grupo Marsans. O seu cuñado, Arturo Fernández, sería presidente da patronal madrileña e vicepresidente da CEOE; todo queda en casa.

O expresidente da CEOE era detido pola policía na súa casa o 3 de decembro de 2012 no marco da “operación Crucero”, relacionada con presuntos delitos de branqueo de capitais, alzamento de bens e ocultación de bens. A actuación policial parte da querela presentada por AC Hoteles, Meliá, Pullmantur e Orizonia contra os antigos propietarios de Viajes Marsans, xa que consideran que ocultaban aos acredores de Marsans bens da axencia e persoais para evitar pagar a débeda contraída con esas empresas que ascende a 45 millóns de euros.

Díaz Ferrán ten as súas debilidades, sentía verdadeira admiración polas políticas ultraliberais da presidenta da Comunidade de Madrid, Esperanza Aguirre, e declaraba: “Es que es cojonuda”. E a nivel político ten tamén o seu corazonciño, por iso doaba 192.000 euros ao PP en 2003 e 54.000 euros no ano 2004. En plena crise económica, este empresario manifestaba que tiña a solución: “Hai que traballar máis e cobrar menos”. Sen dúbida ningunha, un empresario exemplar. Seguirá reivindicando Xosé Manuel Fernández Alvariño, presidente dos empresarios de Pontevedra, a “autoridade moral” de Díaz Ferrán despois da súa detención?

Comentarios