Opinión

Demasiados novos ricos

Izquierda Unida semella mirar por riba do ombreiro a organizacións políticas modestas que se presentaron por primeira vez a unhas eleccións, sacando resultados moi similares aos de eles durante 30 anos

ESCOITABA NUNHA DESTAS FRÍAS MAÑÁS primaverais galegas, cunha grande gargallada, unhas curiosas declaracións da lideresa da formación política española Izquierda Unida en Galicia, Yolanda Díaz, nas que como se fose un episodio daquela mítica serie británica “Upstairs, Downstairs” (Arriba e Abaixo), desprega a cola como os pavos reais, para vetar a entrada nunha coalición presuntamente anticapitalista, a unha formación como “Compromiso por Galicia” que non ten a menor intención de estar con forzas cos centros de decisión en Madrid.

"Izquierda Unida semella mirar por riba do ombreiro a organizacións políticas modestas que se presentaron por primeira vez a unhas eleccións, sacando resultados moi similares aos de eles durante 30 anos".

A memoria é sempre moi fráxil, e os defectos do novo rico sempre moi característicos. Subidos a unha onda positiva para os seus intereses, Izquierda Unida semella mirar por riba do ombreiro a organizacións políticas modestas que se presentaron por primeira vez a unhas eleccións, sacando resultados moi similares aos de eles durante 30 anos. Máis dura será a caída de aqueles que pensan que so dende a confrontación social, ausente de achegas, poden decidir o futuro dos galegos. Intentar “vampirizar” a outra organización de marcado corte nacionalista como ANOVA, tivo para eles resultados cos que probablemente nunca soñarían, e polos que semellan estár dispostos ao que sexa por medrar, por moito dano potencial que poidan causar á causa nacional galega. O curioso é observar a determinadas persoas pontificado sobre a necesidade ou non da vía soberanista dentro do BNG, ou a renuncia ao anticapitalismo da socialdemocracia galeguista de Compromiso por Galicia, cando dos seus innecesarios vetos iniciais parten un disenso entre forzas nacionalistas, algunhas das cales priorizaron unha serie de intereses electorais lexítimos antes que a cuestión nacional.

"Algúns galeguistas nos estamos dispostos a vendernos por un prato de lentellas a modo de resultado electoral"

Algunhas afirmacións, por repetitivas, poderían dar a impresión de que a lideresa Díaz padece unha patoloxía política ao máis puro síndrome de Tourette, mais o que debe ter claro é que algúns galeguistas nos estamos dispostos a vendernos por un prato de lentellas a modo de resultado electoral, dos que pensan que as “guerras púnicas” son a solución a masacre social e financeira do pobo galego. Probablemente dese dobre xogo do que sae esa máxima de pedir facer o que digo, mais non o que fago, pódense entender o porque dalgúns silencios e omisións a presuntas falcatruadas en dársenas artificiais de desproporcionado custe…

En todo caso, respectada cidadá presuntamente anticapitalista e antisistema dentro do sistema, teña claro que en Compromiso por Galicia moitos sentímonos moi perto dese axioma do marxismo artístico no que se asegura que nunca entrariamos nun clube que admitise xente coma nós.

En Galicia en galego

Comentarios