Opinión

Deir Yassin continúa

O mércores foi día de folga xeral, e inda que a voráxine mediática centraba todo o seu esforzo en tentar trasladar as primeiras impresións e os sempre controvertidos resultados de participación, a min chamóume a atención outro titular: “Israel mata ao xefe militar de Hamás nun ataque a Gaza”.

O mércores foi día de folga xeral, e inda que a voráxine mediática centraba todo o seu esforzo en tentar trasladar as primeiras impresións e os sempre controvertidos resultados de participación, a min chamóume a atención outro titular: “Israel mata ao xefe militar de Hamás nun ataque a Gaza”.

Comecei de seguido a ler quen era ese Ahmed Yabari, ata ese momento líder político de Hamás, e atopei cunha historia de vida que explicaba e facía comprensible o seu posicionamento na vida. Nacera nun barrio empobrecido da cidade de Gaza, e tras estudar Historia na Universidade Islámica foi encarcerado aos 22 anos por militar na entón considerada organización terrorista palestina Al Fatah. Permaneceu trece anos no cárcere, e alí coñeceu ao seu futuro sogro, Salah Shehade (vítima doutro asasinato selectivo en xullo do 2002, no que tamén faleceron a súa muller e outros 15 civís, na súa meirande parte nenos). Tras deixar a súa militancia en Al Fatah, pasou a formar parte de Hamás, e foi acusado de ter participado en acción armadas, polo que voltou en varias ocasións ao cárcere. Co paso dos anos rematou sendo nomeado comandante das Brigadas de Ezedin el Kasam, e foi obxectivo das Forzas Aéreas israelís, que tentaron asasinalo nunha operación na que faleceu o seu fillo maior, un irmán, e varios primos.

Quedei prendada por varios elementos que percorrían a vida deste home, e que me lembraron a fidedigna reprodución que fai o historiador hebreo Ilan Pappé sobre a limpeza étnica que tivo lugar en Palestina con especial virulencia nos anos corenta do pasado século. E ratifiquei a necesidade que temos de afondar en moitas das cuestións que nos rodean para poder abordalas dun xeito máis comprensible e sen caer en posturas maniqueas.

E pensei que era preciso lembrar algunhas aldeas que foran arrasadas e das que hoxe non queda nada máis que o recordo de quen conseguiu sobrevivir ao exterminio. Tal foi o caso de Deir Yassin ou de Khirbat Nasr al Din, onde aparte das vítimas da masacre propiamente dita (entre elas trinta bebés no primeiro caso), houbo ducias de campesiños que morreron no combate e non foron incluídos na listas oficiais de falecidos alá polo 1948.

Coa connivencia do imperio británico, foi tal o grao de limpeza que se aplicou coa proclamación do Estado de Israel, que se conseguiu unha completa desarabización dunhas terras que foran por séculos traballadas polos mesmos.

E voltei de novo á realidade do 2012, despois de teren participado nas protestas xerais do 14 N, coa reflexión de que debemos loitar por aquelo no que cremos e polo que sentimos, para evitar que alguén considere que é o momento de limpar “dereitos”, “linguas”, “culturas”, “ideoloxías”...

Comentarios