Opinión

Cuba-EUA: un compromiso histórico

O anuncio de restablecemento de relacións diplomáticas entre Cuba e os Estados Unidos é unha noticia de extraordinario alcance histórico. 

O anuncio de restablecemento de relacións diplomáticas entre Cuba e os Estados Unidos é unha noticia de extraordinario alcance histórico. Pon fin a un confronto de máis de medio século, un confronto desigual, entre a maior potencia económica e militar da historia e unha pequena illa que desde 1959 ensaia a súa propia vía cara ao socialismo a apenas 90 millas do Imperio.

A posta en escena do anuncio foi moi coidada, milimetrada. Compareceron ao mesmo tempo os dous líderes, o cubano Raúl Castro e o norteamericano Barack Obama. Estiveron solemnes, conscientes de que facían historia. Castro, vestido de militar, porque Cuba viviu este conflito como unha guerra, e de feito foino, e non só económica. Obama, de civil, cun ollo posto no seu flanco dereito, o Partido Republicano que eventualmente podería presentar a un terceiro Bush, Jeb, o gobernador de Florida, na próxima carreira presidencial, o claro favorito do exilio cubano nos Estados Unidos.

É un logro indiscutíbel de Cuba provocar un cambio estrutural na política exterior de Washington

É un logro indiscutíbel de Cuba provocar un cambio estrutural na política exterior de Washington. Na súa comparecencia, Obama non tivo reparo en admitir o fracaso da política de bloqueo a Cuba. Utilizou o eufemismo "illamento". Esa política, a política de tentar levar a Cuba cara ao "colapso", non deu os seus froitos durante cinco décadas e presumibelmente tampouco os ía dar no futuro. Nos últimos meses, sectores próximos ao Partido Demócrata -e moi notadamente o The New York Times, que publicou varios editoriais sobre o asunto- presionaron a Casa Branca para modificar a súa política histórica cara a Cuba. Os EUA procurarán agora por outros medios os mesmos fins: derrotar o proxecto socialista cubano e recuperar Cuba para a súa área de influencia xeoestratéxica, da que desapareceu en xaneiro de 1959 coa chegada dos barbudos á Habana.

A partir de agora, fica o máis difícil. Un proceso de negociación que se albisca arduo e no que A Habana ten dous obxectivos básicos: a cancelación de bloqueo e a desmontaxe da base norteamericana de Guantánamo, o último bastión colonial na Illa.

En todo caso, e despois de 53 anos, Cuba apúntase unha vitoria incuestionábel, a dun pobo no exercicio da súa libre determinación nacional.

Comentarios